Encontro Artes pola Integración ou como empregar a escena para normalizar a diversidade funcional

O Auditorio de Galicia acolle o 19 de xuño a peza ‘Cerebrartes’ cun elenco de 17 actores que acompañará a banda de música

‘Cerebrartes’ conta cun elenco de 17 persoas e actuará coa Banda de Música de Santiago

‘Cerebrartes’ conta cun elenco de 17 persoas e actuará coa Banda de Música de Santiago / CONCELLO

Dende o 19 de xuño Compostela vai acoller unha nova edición do Encontro Artes pola Integración, e xa van 13, cuxa programación se desenvolverá tamén na cidade da Coruña. Unha cita orientada á visibilización da capacidade artística de persoas con diversidade funcional ou neurodiverxencias. “Santiago é capital da cultura pero tamén queremos que o sexa da solidariedade e da inclusión”, explicaba a concelleira de Dereitos sociais, María Rozas durante a presentación.

O evento estrela co que se inaugura este encontro é a peza escéncia Cerebrartes, dirixida por Carlota Pérez, cun elenco de 17 actores e actrices e a Banda Municipal de Música de Santiago. Será o 19 de xuño ás 20.30 horas –de balde ao igual que o resto de espectáculos– no Auditorio de Galicia. Rozas, que asistiu a un ensaio da peza e para o que o Concello cedeu o espazo, destacou a súa impresión pola “sensibilidade e talento” das persoas participantes, así como “a conexión, a maneira de relacionárense e o compañeirismo” que apreciou no tempo que compartiu co elenco.

A edil, que animou á veciñanza a achegarse ao Auditorio para gozar de Cerebrartes asegurou que o espectáculo moverá á “reflexión colectiva” e “remexerá conciencias”. Unha apreciación na que coincidía a deputada de Cultura, Natividade González, que asistiu á presentación do encontro e que defendeu da arte “o poder de cambiar as percepcións, crear comunidade e derrubar barreiras”. González tamén agradeceu a Diversos –asociación que organiza estas actividades–, “é un luxo colaborar con determinados proxectos e ver como transforman os recursos que achega a Deputación”.

As demais citas do programa

A escena pola integración volve a Santiago o 22 de xuño, no CGAC ás 18 horas, coa compañía catalá Experimentadanza que sobe ás táboas Tuétano. O 6 de xullo o Centro Sociocultural Maruxa e Coralia acolle –entre as 11 e as 14h.– unha mostra de videodanzas e tamén a peza Tres mujeres, de Alexis Delgado; ademais dunha sesión de relatorios, Territorios que crean, na que intervirán arteterapeutas, membros da Rede Aldear e da Escola Waldorf Meniñeiros de Friol, entre outros.

A despedida compostelá do XIII Encontro Artes pola Integración será ese mesmo día –6 de xullo– no parque de Bonaval, onde entre as 18 e as 21 horas se desenvolverá o concurso Pezas para a comunidade. Para participar, cada persoa ou grupo dun máximo de cinco persoas entre as que “algunha teña recoñecida unha discapacidade física ou psíquica”, pode presentar a súa proposta a través das redes de Diversos e en diversos.net. A duración da peza terá como máximo 15 minutos e optarase a dous premios de 500 euros que decidirá un “xurado cativo” composto por nenas e nenos de 8 a 14 anos.

O domingo 7 de xullo o CSC Maruxa e Coralia, ademais da mostra Museum & me acolle á Pequena Bauhaus, un proxecto de deseño e artesanía para cativos de 9 a 14 anos e adolescentes de 14 a 18 de diversos puntos de Galicia.

O venres 21 de xuño o Fórum Metropolitano acollerá o espectáculo Contra Ana, arredor do trastorno alimentario (ás 18h.) e o Rosalía de Castro recreará Picasso, unha peza a medias entre Experimentadanza e a banda municipal da Coruña e o domingo 7 de xullo, os xardíns de Méndez Núñez acollen o concurso Pezas para a comunidade, entre as 12 e as 14 horas.