Santiago

Os promotores de concertos nas rúas de Santiago rexeitan as queixas veciñais por ruído: “Non son molestos”

Raxoi estudará as propostas da Plataforma contra a Contaminación Acústica, que pide limitar este tipo de actuacións

O Concello non ve problemas de convivencia e cre que estes eventos axudan a recuperar a actividade cultural

Un concerto do Feito a Man nas rúas de Santiago, celebrado o pasado mes de agosto

Un concerto do Feito a Man nas rúas de Santiago, celebrado o pasado mes de agosto / Jesús Prieto

A celebración de concertos en rúas e prazas de Santiago, máis en concreto nas do casco histórico, foi motivo de debate esta semana polas queixas realizadas pola Plataforma contra a Contaminación Acústica, que trasladou ao Concello unha petición para que non se celebren estes espectáculos nas zonas consideradas saturadas. Pola súa parte, os promotores destes eventos responden que “non son molestos” e resaltan os seus aspectos positivos, mentres que Raxoi non cre que existan problemas de convivencia nin que se estean producindo incumprimentos da normativa.

O pasado mércores a plataforma, integrada por varias asociacións, comunicou as súas demandas aos concelleiros Xan Duro e Iago Lestegás despois de que o luns, Fonseca, unha das integrantes, se queixara da celebración do ciclo Seráns de Feixoo. Chema Díaz rexenta o Modus Vivendi e coorganiza este festival xunto coa Borriquita de Belem e o Riquela, e cre que “non hai razón para a queixa”. Díaz defende que “cumprimos estritamente con toda a normativa” e lembra que cando comezaron a facer estes concertos “tiñamos permiso ata as doce e decidimos pola boa convivencia de motu propio non pasar nunca das once da noite”.

"Dinamización" do casco histórico

Díaz tamén remarca que “organizamos isto cun interese evidente de dinamización”. Así, indica que “son festivais que teñen a intención de facer que veñan os veciños, vendo como a zona vella está quedando deshabitada”.

O promotor dos Seráns de Feixoo advirte “falta de memoria” nas posturas contrarias a estes eventos, xa que o casco histórico “hai moitos anos era unha zona moi morta, de paso rápido, pouco iluminada, sen comercios e que daba lugar a certa perigosidade”. Desta maneira, pregúntase se os membros da plataforma “pretenden volver experimentar isto”.

"Queremos ampliar os eventos"

Na mesma liña maniféstase o presidente da Asociación Cultural Cidade Vella, Suso Pais, que tacha de “absurdo” que se intente prohibir este tipo de espectáculos na rúa. “As asociacións nas cidades o que teñen que facer é construír, non destruír”. Por iso, reivindica que Cidade Vella “leva 35 anos facendo cidade, facendo cultura polas rúas” con programación como a dos locais da praza de Feixoo ou a do Feito a Man, que se celebra no mes de agosto. “Non soamente estamos orgullosísimos destes eventos, senón que queremos amplialos e facer máis, dar vida ás rúas con cultura”, afirma.

Deste xeito, argumenta que “a maior parte da xente que se beneficia dos concertos que facemos é xente de Compostela, e o que fan moitas asociacións coma estas é botar a xente de Compostela. Hai que traballar en positivo e non en negativo”. Ademais, tanto o presidente de Cidade Vella como Díaz celebran que exista nos grupos municipais unha “sensibilidade” cara este tipo de eventos culturais.

Sen problemas de convivencia

Mentres, en Raxoi consideran que “non hai ningún problema de convivencia”. Así o explica o edil responsable desta área, Xan Duro, que sostén que “o nivel de ruido que se xera é moi baixo e en momentos puntuais”. Duro apunta que eventos como os Seráns de Feixoo “non supoñen unha molestia esaxerada para o conxunto das persoas que viven na zona”, ademais de que “ se cumpre estritamente a normativa”.

O concelleiro fai fincapé tamén en que “este tipo de festivais serven para recuperar a actividade cultural que sempre tivo o casco histórico. É algo positivo tanto para a cidade histórica como para o conxunto da cidadanía”. Así mesmo, destaca que “serven para poñer en valor a nosa cultura e facela chegar á xente”.

A xuntanza cos membros da plataforma veciñal foi “cordial”, segundo o edil, e nela o Concello comprometeuse a estudar as súas peticións sobre as zonas saturadas e ver se teñen “viabilidade” ou se son “necesarias”. Raxoi tamén informou do que se está facendo tanto no relacionado con locais como no ruído de rúa, que hoxe “está bastante minorizado”, indica. Neste eido, a Policía “está facendo un bo traballo para controlar o ruído nas saídas dos locais”. O concelleiro resume que “foi unha xuntanza útil que celebramos cunha periodicidade semestral a non ser que haxa grandes novidades”. 

Suscríbete para seguir leyendo