Un ano de Sanmartín na Alcaldía: O bipartito ve os proxectos encamiñados e a oposición só continuísmo

O BNG fai un balance “positivo e satisfactorio” da súa xestión

Rozas pón en valor o traballo social e augura que en 2027 Santiago será “máis inclusiva”

O PP fala de “decepción” mentres o PSOE recrimina que só hai anuncios

Equipo de goberno do concello de Santiago de Compostela

Equipo de goberno do concello de Santiago de Compostela / Antonio Hernández

O 17 de xuño de 2023 toma o bastón de mando da cidade por primeira vez na súa historia unha muller, “feminista e nacionalista”. Goretti Sanmartín asumía a alcaldía de Compostela cos votos a favor de BNG, Compostela Aberta –CA– e PSOE e integraba no novo Goberno en minoría os 2 edís de CA, María Rozas e Xan Duro. No aniversario deste feito, a valoración que fan do primeiro ano de mandato Goberno e oposición locais resulta do máis dispar.

Mentres a rexedora fai “un balance positivo, satisfactorio, sabendo que fican cousas sen facer pero que están encamiñadas, polo menos os grandes retos que tiñamos” e a súa primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, fala de “avances importantes en cuestións que marcamos como prioridades”, en referencia ao “mandato social” que quere levar a cabo CA; a oposición o que ve nestes primeiros 365 días de lexislatura é “decepción e continuísmo” –Partido Popular– e “continuísmo e anuncios” –PSOE–.

“O Goberno de BNG e Compostela Aberta podemos resumilo en dúas palabras”, asegura o voceiro do PP Borja Vereacandidatura gañadora en votos pero que o 17 de xuño tan só conseguía 11 apoios a favor do seu candidato, fronte os 14 de Sanmartín–. “BNG, CA e PSOE, para estaren aí, necesítanse uns aos outros, é o que fan mandato tras mandato, simplemente cambiar de alcaldía”, afirma Verea, que ve con isto que “como é lóxico” as políticas seguen a ser as mesmas, “por iso falo de continuísmo, e por que falo de decepción? Porque a pesar de ser o goberno máis caro da historia de Santiago pagamos máis tarde as facturas, tardamos máis en dar licenzas e nas cuestións importantes da cidade non hai avances”, asegura o líder do Partido Popular.

“En 2023, contra todo prognóstico rozamos a maioría absoluta, en 2027 conseguiremos resultados históricos”

Borja Verea

— Voceiro do Partido Popular

Borja Verea amósase seguro de que esta continuidade de mandato tras mandato entre PSOE, BNG e CA rematará en 2027. “Nas eleccións do ano pasado o que conseguiu o Partido Popular foi unha esperanza de cambio, porque contra todo prognóstico rozamos a maioría absoluta”, lembra o candidato do PP. “Despois dun ano estamos nun novo camiño para conseguir resultados históricos en 2027, e así o están confirmando as enquisas, seguimos subindo, a pesar de non estar no goberno, e neste ano tentamos, sobre todo ser unha oposición útil, para que a xente nos vexa tamén coma un goberno útil”, afirma rotundo Verea.

Nunha liña menos confrotadora pero tamén crítica é na que se pronuncia sobre este primeiro ano de Goberno de Goretti Sanmartín o Partido Socialista. O seu voceiro, Gonzalo Muíños, reivindica o apoio da formación aos orzamentos municipais para 2024, “grazas a iso puidose mellorar o contrato do SAF –Servizo de Axuda no Fogar–, ampliáronse as axudas para os comedores escolares e impulsáronse distintas obras que están aí, como son as rehabilitacións dos pavillóns de Vite e Santa Isabel”.

Muíños reivindica, como fai o seu partido cada vez que ten ocasión, que os logros do Goberno bipartito están en “darlle continuidade aos nosos proxectos, aos iniciados por nós” e máis alá disto o que consideran dende a bancada socialista é que “hai moitos anuncios, anuncios, anuncios... pero de momento non se está a concretar nada”. Refírese o concelleiro socialista para xustificar a opinión do PSOE sobre o primeiro ano de mandato á reforma do estadio Verónica Boquete. “Fíxose unha rolda de prensa para dicir que fai falta un investimento de 10 millóns de euros no Vero Boquete, é certo, pero como se van a conseguir? Cal é o prazo? Cal é o plan?”, interrógase.

“O balance deste ano é que se fan moitos anuncios pero, de momento, non se está a concretar nada”

Gonzalo Muíños

— Voceiro do PSOE local

Gonzalo Muíños reforza a crítica ao Goberno municipal de facer anuncios sen contido real rememorando asuntos coma “o tema dos fluxos turísticos, no que tivo que desmentir a alcaldesa á concelleira”, explicou o edil en relación ás declaracións da edil Míriam Louzao sobre a implantación de limitacións o número de visitantes e o control dos grupos turísticos que a rexedora matizou explicando que eran propostas en estudo.

O socialista tampouco deixa pasar a ocasión de lembrar que as formacións agora no goberno non dubidaron en colocarse do lado do PP durante o mandato socialista en cuestións coma a parcela de Peleteiro –cuxo proxecto socialista botou abaixo no Pleno a oposición–, “sempre están a dicir que non hai que poñer o retrovisor, pero o certo é que con anterioridade a posición de BNG e Compostela Aberta non era a de agora”. Así e todo Muíños asegura que a oposición socialista apoiará o Goberno local “sempre en beneficio do conxunto da cidadanía”.

Cuestión esta última que lle recoñece a alcaldesa Sanmartín: “vexo no PSOE, pese a que nalgunhas cuestións poida haber matices, unha responsabilidade con este concello e coa súa veciñanza, e agardo que cos diferentes proxectos teñamos o seu apoio, para que o conxunto da poboación de Santiago avance”.

Obstrucionismo do PP

Goretti Sanmartín non é tan benévola como coa oposición socialista cando se fala das críticas do Partido Popular. “Dixo non aos proxectos antes de coñecelos, dixo que non aos orzamentos e descualificounos antes de saber cales eran os seus contidos”, pero a rexedora considera que a veciñanza de Santiago “sabe perfectamente que hai unha oposición simplemente de obstrucionismo”.

Substantivo que nega Borja Verea, “gustaríame saber exactamente en que somos obstrucionistas, porque estamos sendo todo o contrario”, asegura e reafirma as súas palabras referíndose a que “eles mesmos recoñecen que estamos facendo todo o contrario”. “No último Pleno, que quedamos todos asombrados, o Goberno local criticounos que estamos facendo demasiadas propostas”, lembra aínda sorprendido o líder ‘popular’, que asegura que a súa formación trata de “ser unha oposición útil para ser un goberno útil, así o entedemos, e non se nos pode pedir unha carta branca, loxicamente non imos aprobar uns orzamentos que non representan o noso modelo de cidade, e iso creo que o entende todo o mundo, pero iso non é ser obstrucionista”.

Desmentindo o continuísmo

María Rozas defende o traballo do Goberno bipartito fronte ao continuísmo do que fala, sobre todo, o PSOE. “Creo que os proxectos, se son interesantes e están acordados coa veciñanza, é responsabilidade dos gobernos continualos”, afirma. Pero matiza “nos casos das concellerías que dependen de CA diría que o único proxecto vén do goberno anterior é a Casa dos Maiores en San Pedro de Mezonzo, que foi un acordo que conseguiu o mandato socialista para que a Seguridade Social cedese as instalacións e o proxecto que redactouse con fondos que se habilitará tamén no Goberno de Sánchez Bugallo”.

“En Compostela Aberta sempre dixemos que este tiña que ser un mandato social, e demostramos que non é igual quen goberne”

María Rozas

— Primeira tenente alcaldesa

Rozas afirma rotunda que noutros temas “lamentablemente non había nada feito” e así refírese ao SAF “nunca lle escoite ao PSOE dicir que o fixera, pero se fose así sóbranme argumentos para mostrar que non había nada e que empezamos dende cero cando cheguei facendo un estudo económico e incoporando as demandas”. En canto á participación Rozas recalca que “non hai máis que comparar cantos consellos de participación se están convocando agora e que nnon foron convocados en catro anos de Goberno socialista”.

A edil defende, en referencia ás bolsas dos comedores escolares a partida destinada a eles “sempre se incrementou baixo o mandato de CA ou ben agora”. Rozas fala tamén do contrato de transporte urbano, do que é responsable o seu compañeiro de filas Xan Duro. “No caso do contrato dos buses queriamos adxudicalo canto antes, porque é unha necesidade imperiosa que ten a cidade, pero os pregos anuláronse ao pouco de chegar ao goberno”. Entón, di Rozas, “fixemos da necesidade virtude e elaboramos unha proposta de transporte que mellora as necesidades que ten Santiago, e incrementamos o orzamento considerablemente, 60 millóns de euros”.

“Continuísta non é”, defende, “o PSOE non propoñía nin o transporte nocturno nin incrementaba o número de frecuencias, e a lanzadeira ao aeroporto si estaba na súa proposta pero nunca o puxo en marcha, en cambio nós acabamos de optar por unha solución provisional”, afirma en relación á posta en marcha dun bus directo nun desdobramento da liña 6A.

A relación Concello-Xunta

O entendemento entre as administracións local e autonómica non está no seu mellor momento. Entre todas as cousas que deben poñer en marcha en conxunto tan só se deu un paso adiante no acordo para a construción do aparcamento do Hospital Clínico, a mellora da mobilidade na contorna e o saneamento para o rural compostelán. Un pasiño que non se dá en canto á contribución da Xunta de Galicia ao Concello de Santiago por ser esta a capital.

“A estas alturas do mes de xuño non se reuníu o Consello da Capitalidade” quéixase Sanmartín, “e non hai unha entrevista connosco” di en referencia ao anuncio o presidente Alfonso Rueda de reunirse proximamente con algúns rexedores, entre os que non se atopa a alcaldesa compostelá. “Cremos que se está fuxindo deses compromisos que había, dicíase que tiñan que ser 5,5 millóns –a capital recibe agora 2,6 milóns– pero a actualización que fixemos o ano pasado dicía que eran arredor de 8 millóns, o compromiso era facer unha nova análise” que aínda non se fixo, e ir incrementar logo a partida que recibe Compostela pola capitalidade.

A todo isto responde dende o PP Borja Verea, tamén deputado no Parlamento de Galicia, asgurando que a xuntanza de Rueda cos alcaldes “xa se dixo que era con aqueles cos que non se reuníu até o de agora” e sobre o incremento da achega que lle corresponde á capital defende “tras a reunión co presidente da Xunta o que dixo o Goberno municipal é que en 2024 non se ía incrementar esa partida”.

Verea menciona tamén a taxa turística, aínda en estudo. “Na reunión do 1 de outubro resultou que todo o mundo –Xunta e Concello– está a favor da taxa, pero o que se lle di ao Goberno local é que traia unha proposta, pasou medio ano e non sabemos nada, pero seguen pedindo unha reunión, para que? Para dicir que non teñen a taxa turística?”.

Suscríbete para seguir leyendo