Dous centros escolares de Santiago, gañadores da XIII edición do premio Antonio Fraguas Fraguas

O xurado valorou o proxecto "Viva o entroido vivo! Lingua festa e comunidade" pola inclusión de todos os niveis educativos e o traballo de máis dunha década

Dous colexios de Santiago, gañadores do premio Antonio Fraguas Fraguas

Dous colexios de Santiago, gañadores do premio Antonio Fraguas Fraguas / ECG

O premio Antonio Fraguas Fraguas, na súa XIII edición, recoñece e promove proxectos educativos que destacan na investigación e difusión do patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico en Galicia. Este premio, promovido pola fundación homónima e patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, outórgase en dúas categorías: ensino primario e ensino secundario.

Dous centros composteláns, entre os premiados

Na categoría de ensino primario, os gañadores foron os colexios composteláns CEIP Lamas de Abade e CEIP Apóstolo Santiago xunto co CEIP Pérez Viondi (A Estrada) co proxecto "Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade". O xurado valorou especialmente a inclusión de todos os niveis educativos da zona e o traballo realizado durante máis dunha década na representación das manifestacións etnográficas e culturais do Entroido, destacando tamén a participación de mulleres en actividades tradicionalmente masculinas como os altos, vivas e atranques dos Xenerais da Ulla.

Xenerais da Ulla en Santiago.

Xenerais da Ulla en Santiago / Antonio Hernández

Na categoría de ensino secundario, o premio foi outorgado ao IES Monte Castelo (Burela) polo seu proxecto "A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela". O xurado destacou a profundización nunha actividade e oficio xa desaparecidos, subliñando a importancia de conservar a súa memoria para as novas xeracións, así como a implicación social do proxecto e a súa colaboración con entidades doutros territorios europeos onde se desenvolvía esta actividade.

Cada modalidade do premio está dotada con 7.000 euros para a materialización dos proxectos gañadores durante o curso escolar 2024-2025. Os traballos resultantes serán expostos no Museo do Pobo Galego no último trimestre de 2025.