O comercio rexeita que se reserve a zona vella para o turismo: "Algúns din que así se meten nun só sitio"

É unha das conclusións dos novos resultados dun estudo elaborado pola Rede Galabra da USC, cunha mostra de 444 establecementos, no que tamén se recolle a percepción dos visitantes

Autores da Rede Galabra da USCdurante a presentación do estudo ‘Visitantes, comercio e comunidade local en Santiago de Compostela’

Autores da Rede Galabra da USCdurante a presentación do estudo ‘Visitantes, comercio e comunidade local en Santiago de Compostela’ / Santi Alvite

Tan só o 5% de 444 establecementos comerciais dun universo finito estimado de 4.013 locais quere que se reserve a zona vella para o turismo. Esta é unha das principais conclusións dos novos resultados dun estudo da Rede Galabra da Universidade de Santiago que se desenvolveu ao longo do 2023 co fin de facer unha comparativa cos acadados dez anos atrás. Un traballo que chega nun momento de tensión entre o sector despois de que este xoves entrara en vigor a suspensión cautelar de licencias de negocios turísticos no casco histórico de Santiago cunha duración máxima dun ano e que o Concello ve como unha medida para protexer o comercio local.

Sobre este dato, o director do proxecto e un dos autores do estudo Visitantes, comercio e comunidade local en Santiago de Compostela” é o decano da Facultade de Filoloxía da USC, Elias José Feijó, destaca en conversa con EL CORREO GALLEGO que “hai voces, moi poucas, que din que a cidade está tan saturada que polo menos así se meten nun só sitio”. Feijó valora que o modelo turístico desexable é o que se desenvolve “dende a preservación do comercio local e das relacións coa poboación local”. 

O estudo inclúe, ademais da percepción dos comerciantes, a dos visitantes da actividade comercial en Compostela en relación ao turismo. Así, o número de entrevistas realizadas a viaxeiros de carácter presencial foi de 1.998. As entrevistas foron realizadas en 11 localizacións: Obradoiro, Quintana, Praterías, Acibecharía-Cervantes, Porta do Camiño, Praza de Galicia, Xoán XXIII, San Clemente, Alameda, Toural-Nova-Franco e estación de bus e tren. Do total, o 17,3% abriu dende o 2020, sendo no 2022 o momento de máis aperturas, con 31.

Trátase de locais de equipamento persoal (roupa e calzado), que representan o 20,5%; alimentación (13,7%); bares e cafeterías (11,9%) e restaurantes (9,7%), entre outros. O 54,6% conta con clientela maioritariamente local, mentras que só o 9,5% dispón dunha maioría de clientes visitantes da cidade. Os datos a comerciantes recolléronse entre o 2 de novembro e o 20 de decembro de 2023 e a visitantes entre o 1 de agosto de 2022 e o 31 de xullo de 2023.

“A xente de aquí gasta de maneira máis sustentada, de aí que se prefira o cliente de Santiago e comarca”

Elias José Feijó

— Investigador da Rede Galabra da USC

Segundo o informe presentado, os comerciantes aseguran que a súa clientela segue a ser maioritariamente local e é esta tamén a máis desexable. Ademais, preto do 60 por cento opina que non hai diferenza de gasto medio entre visitantes e clientes locais. “A xente de aquí gasta de maneira máis sustentada, de aí que se prefira o cliente de Santiago e comarca seguido do galego. Quérese comercio e clientela de proximidade”, segundo comenta.

Da pescuda realizada ás persoas foráneas, despréndese que só o 23% eran peregrinos e a porcentaxe máis elevada corresponde a persoas chegadas do resto do Estado como turistas.

Os investigadores percibiron que o 98% dos visitantes declaran ter a intención de comer, pero só o 13% responde á pregunta de que efectivamente comeron. A mesma tendencia dáse para o tipo de comida: se a expectativa é de que máis do 45% opten polo polbo, marisco e pratos típicos, a realidade é que menos do 30% decántase finalmente por estes produtos e si por outros como masa, pizza, hamburguesas ou tortilla.

En referencia ao tempo que pasan na cidade, a metade dos entrevistados fala dun máximo de 48 horas (o 37 por cento entre 48 e 96 horas). “Unha estancia máis larga supón unha maior calidade do turista, o que se traduce nun maior interese por coñecer e maior diversidade de gastos e usos culturais. Estamos a falar dun perfil de persoa máis respetuosa co comerciante local”, manifesta Feijó.

Este aspecto analizado está relacionado co gasto de cada un, xa que “o que vai a máis sitios gasta máis”. A media por estadía por persoa en restauración é de 86 euros, sendo, dentro da mostra, o visitante brasileiro quen máis gasta (124 euros de media). Do total, só o 21% declara ter gastado en actividades culturais (un total de 17 euros). 

Elias Feijó: “Toca planificar a cidade que queremos buscando o benestar da comunidade local”

Segundo explica o director do proxecto, o obxectivo desta nova investigación é que contribúa a recuperar o sentido de comunidade integral. “Estamos nun punto de inflexión para planificar a cidade, o comercio e o turismo que queremos buscando o benestar da comunidade local”, comentou.

As conclusións do estudo explicáronas polo miúdo este mércores na Sede Afundación de Santiago, nunha xornada organizada pola Cámara de Comercio de Santiago, algúns dos autores do estudo da Rede Galabra. Xunto a Elias José Feijó estivo a vicedecana de captación, empregabilidade e mobilidade da Facultade de Dirección e Xestión Pública da UVigo, Sara Torres Outón, e o profesor do Departamento de Bioloxía Funcional da USC e subdirector de Prácticas en empresas e mobilidade da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Emilio Carral Vilariño. O acto contou tamén coa presenza do reitor Antonio López, do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e da presidenta da Cámara de Comercio, María Pais.