O PSOE compostelán insta á Xunta a paralizar as obras da senda ciclista que atravesa o Banquete de Conxo
Mercedes Rosón argumenta que a actuación que se está a executar “podería non ser compatible” co proxecto municipal do Eco-Bosque-RíoSar, que precisamente persegue a recuperación do hábitat fluvial nesa área

Obras da senda publicadas pola asociación Conxo Aberto no seu Facebook / Cedida
El Correo Gallego
O grupo municipal socialista insta á Xunta de Galicia a paralizar as obras da senda ciclista que atravesa o bosque do Banquete de Conxo. Fano despois de que, iniciadas as obras, “quedara demostrado que é unha actuación agresiva que para nada responde aos criterios de mínima intervención nun ámbito tan sensible”. Así o denuncia Mercedes Rosón, que defenderá no Pleno ordinario do vindeiro xoves unha proposición na que se lle solicita ademais ao Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) un informe que avalíe o impacto desta infraestrutura no ámbito do Mosteiro de Santa María de Conxo, o Bosque do Banquete e a contorna de Santa María de Sar.

Representantes do grupo municipal socialista mantiveron unha reunión con membros da asociación veciñal de Conxo Aberto / Cedida
“É incomprensible a obcecación da Xunta con serrar o bosque do Banquete de Conxo para executar a súa senda ciclista que une con San Caetano”, sinalou Rosón que, engade, ademais, a “pouca utilidade práctica” de esta infraestrutura en materia de mobilidade: “É un deseño que responde máis a un uso recreativo”. Neste sentido, lembra que o goberno socialista de Bugallo presentara xa en febreiro do 2023 alegacións a todo o proxecto instando á administración autonómica a reconsiderar os tramos que afectan a eses tres ámbitos.
Unhas alegacións nas que se instaba a buscar outras alternativas que implicasen “a mínima intervención posible”, empregando os camiños existentes sen amplialos e sen proceder ao aporte de materiais artificiais na procura dunha solución que provocase “o menor impacto posible”. De feito, propuñan que se substituíra o itinerario que atravesa o Banquete por unha alternativa que transcorría polo aparcadoiro do Hospital Provincial.
Logo dun encontro coa asociación veciñal de Conxo Aberto no que participaron tamén o portavoz socialista, Gonzalo Muíños, e a edil Mila Castro; Rosón argumenta que o proxecto que a Xunta está a executar “podería non ser compatible” co proxecto municipal do Eco-Bosque-RíoSar, unha actuación que precisamente persegue a recuperación do hábitat fluvial do bosque do Banquete de Conxo e do río Sar, financiado ademais con fondos Next Generation, e que, “para nada permitiría, por exemplo, a pavimentación dos camiños ou a instalación de máis luminarias”, apuntou a edil socialista.
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago
