A renovada Casa das Máquinas ábrese ao público como centro sociocultural para todo Santiago

Tras un longo proceso no que colaboraron varias administracións, o edificio modernista lembrará a memoria industrial de Compostela

A renovada Casa das Máquinas de Galeras forma xa parte da oferta de espazos culturais e polivalentes de Santiago tras un longo proceso de colaboración que contou coa colaboración de diferentes administracións, froito da cal este sábado puido abrirse ao público de novo este edificio modernista, a través do que tamén se manterá viva a memoria industrial da cidade.

Nun acto institucional que contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; así como dos membros da Deputación Provincial da Coruña Mar García Vidal e Xosé Lois Penas, e parte da corporación municipal de Santiago, a rexidora municipal falou da historia do edificio, como xa o fixeran antes os historiadores Encarna Otero e Xoan Carmona, e dixo que a Casa das Máquinas “súmase a unha longa lista de edificios rehabilitados e postos ao servizo da veciñanza, moitos deles para darlles outra vida dentro da rede de centros socioculturais”.

Monopolio da electricidade

Tras destacar a importancia deste proxecto, resultado dun longo proceso de rehabilitación en tres fases, nas que se invertiron máis de 400.000 euros e no que participou a Deputación da Coruña cunha achega de máis de 200.000 euros, lembrou o protagonismo da luz nunha cidade como Santiago, e que no caso do edificio agora recuperado foi “construido por Cooperativa Santiaguesa como reacción ao monopolio da electricidade”.

Unha cuestión na que profundou o catedrático de Historia e Institucións Económicas da USC Xoan Carmona, quen fixo un percorrido pola historia deste edificio e da implantación da electricidade en Galicia, e subliñou que pese a chegar a contar con dúas máquinas diésel, nunca foi unha central eléctrica. 

Territorio de lavado

Tamén a historiadora e veciña do barrio Encarna Otero adentrouse no pasado dunha zona na que quedaba claro que Compostela foi “territorio de lavado por múltiples razóns, entre elas porque sempre foi unha capital da saúde”.

Na súa intervención, fixo referencia á creación dos lavadoiros municipais e ao papel que desenrolaban as mulleres que se dedicaban a estas tarefas, e considerou que a deste sábado era unha xornada de alegría, na que se recuperaba un edificio que lembra a memoria do traballo feminino e que “Compostela é unha cidade de traballo”.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, departamento do que depende a Casa das Máquinas, invitou á cidadanía a beneficiarse dun espazo no que haberá cabida para distintas actividades, tanto das asociacións e colectivos do barrio e da cidade, como dos centros educativos.

Encarna Otero e Xoan Carmona conversando con Goretti Sanmartín e Xan Duro

Encarna Otero e Xoan Carmona conversando con Goretti Sanmartín e Xan Duro / Jesús Prieto

Considerou que “a rehabilitación do edificio é unha magnífica oportunidade para achegarnos á historia do edificio, que representa a chegada da modernidade a Compostela e da feminización do traballo, no que Galeras tivo tanta importancia”.

Colaboración institucional

Agradeceu a colaboración de todos aqueles que fixeron posible a recuperación deste edificio modernista, mencionando expresamente o compromiso manifestado polo Concello de Santiago desde hai varios anos e da Deputación da Coruña, que contribuiu ao financiamento da súa rehabilitación”.

Xan Duro insistiu en que “a Casa das Máquinas fica desde hoxe ao servizo do barrio de Galeras, do conxunto do tecido asociativo de Santiago, co compromiso do Concello de seguilo dotando do equipamento e do mobiliario preciso para que este espazo sexa un novo referente na cidade e que sexa catalizador de tantas e tantas propostas e iniciativas que existen en Compostela”.

De xeito, entre a veciñanza participante nesta inauguración houbo unha ampla representación de escritores e artistas para os que a Casa das Máquinas é xa un novo espazo do que poder dispoñer.

Desde a Deputación da Coruña, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, incidiu tamén na importancia da colaboración entre diferentes administracións para levar a cabo proxectos como este, que “poñen en valor un dos elementos patrmioniais máis importantes na capital galega”.

Considerou que o novo edificio en uso en Compostela “servivá aos intereses dos veciños e dos centros de ensino da zona, creando un espazo polivalente de carácter social para levar a cabo distintas actividades”.

Incorporado ao primeiro catálogo de construcións protexidas de Santiago fóra da cidade histórica e manténdose con esa protección nos PXOM de 1989 e 2007, cando o Concello de Santiago se fixo coa propiedade do edificio, ata entón en mans de Unión Fenosa, o inmoble foi construido no ano 1919 e está catalogado polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica polo seu interese tipolóxico e arquitectónico. 

A inauguración dunha Casa das Máquinas na que polo de agora a acústica ten marxe de mellora, pechouse coa actuación dos compoñentes de Pistacatro.