Alumnado de Infantil do colexio López Ferreiro resulta recoñecido por traballar a igualdade

Un total de 36 nenos e nenas desenvolveron, xunto a dúas docentes, o proxecto ‘Sentindo en feminino’ que foi Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global

Alumnado do colexio López Ferreiro de Santiago, docentes e familiares recollendo o premio polo proxecto ‘Sentindo en feminino”.

Alumnado do colexio López Ferreiro de Santiago, docentes e familiares recollendo o premio polo proxecto ‘Sentindo en feminino”. / Cedida

Preto de corenta nenos e nenas de cinco anos do colexio compostelán CEIP López Ferreiro veñen de recibir un recoñecemento polo proxecto Sentindo en feminino, o cal pon o foco na igualdade. O traballo foi galardoado na terceira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global na categoría de Educación Infantil e Primaria, unha iniciativa impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD. 

Os protagonistas son 36 nenos e nenas de dúas aulas de quinto curso de Educación Infantil, coordinados polas profesoras Fátima Rodríguez Eiroa e Rosa Suárez Veiga, que contaron con alumnado de 2º e 5º de primaria que exerceron como madriñas e padriños en moitas actividades.

O proxecto desenvolveuse entre o curso pasado e o que acaba de finalizar este venres. Rosa Súarez explica en conversa con EL CORREO GALLEGO que “nace dunha idea de xa hai oito anos, cando coincidín con Fátima con destino definitivo neste centro e vimos que os nosos piares no plano educativo eran os mesmos. Eses piares son a coeducación emocional, o feminismo e a tradición oral”.

Os obxectivos principais eran a adquisición de competencias emocionais, a identificación de violencias e de estereotipos, o impulso de establecemento de relacións que se sustenten no bo trato e achegarse á cultura propia a través dos textos de tradición oral.

Deste xeito, a iniciativa persegue, segundo Súarez, “que o alumnado medre en igualdade, sen violencias e coas competencias emocionais necesarias para un desenvolvemento integral e equilibrado”. Para acadar os resultados finais, leváronse a cabo distintas propostas. 

 Para desenvolver as propostas de coeducación emocional, “realizamos faladoiros nos que comentamos que sentimos, como nos sentimos... Temos un “recuncho da calma”, a onde acudimos para relaxarnos, cando estamos tristes, cando precisamos un tempo antes de resolver un conflito…” A maiores, levaron a cabo actividades para conmemorar o 25N ou o 3D, para reflexionar sobre as diferenzas, a igualdade de dereitos e a non violencia. 

Ademais, puxeron en valor á muller como principal transmisora da cultura propia a través da elaboración, con cada ciclo, dun Libro da Memoria, “que recolle a tradición oral que o alumnado achega á escola desde as súas casas”. Este traballo cos textos de tradición oral permitiulles realizar propostas de aprendizaxe-servizo coa Aula de Maiores da Biblioteca Ánxel Casal e con Agadea (Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Azlhéimer).

Os resultados acadados foron “moi bos”, xa que as docentes implicadas observaron “un gran avance e evolución do alumnado e unha grande implicación das familias”.

En detalle, Rosa Súarez fai unha valoración moi positiva do premio ao atender aspectos que ao longo dos meses se estiveron traballando nas aulas como son “a educación emocional con enfoque feminista, o traballo arredor da non violencia, a atención á diversidade, o consumo responsable...”.

Suárez valórao como un gran recoñecemento “non só para nós e para o centro, senón para o noso alumnado e para as súas familias”.

Proxecto de cooperación en Guatemala para os docentes

Na categoría de ESO, Bacharelato, Formación Profesional e centros de ensino de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global o proxecto galardoado foi o Re_Étika: pensa, consume, actúa. I Feira da sostibilidade, do IES Luís Seoane (Pontevedra). Unha proposta nas ramas de Comercio e Marketing que promove unha reflexión crítica sobre o modelo de consumo actual, especialmente na poboación adolescente.

Na categoría de ensino secundario recibiu o premio Cartografía corporal: dos discursos de odio a un lecer compartido, da facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Trátase dunha experiencia de aprendizaxe-servizo no que os saberes do Sur facilitan a reflexión e a sensibilización sobre os impactos dos discursos de odio en diferentes corporalidades.

O equipo docente e o alumnado implicado en cada proxecto recibirán un diploma e o centro unha distinción, elaborada polos artesáns de Silvereira.

Ademais, como novidade con respecto a anteriores convocatorias, dúas persoas do equipo docente responsable de cada proxecto premiado viaxarán no verán a un proxecto de cooperación en Guatemala.

Fátima Rodríguez e Rosa Suárez farán a viaxe en agosto durante dez días, xunto con outros catro profesores.

“Conviviremos coa comunidade de mulleres maias Kaqla, que ofrecen formación e accións metodolóxicas para vivir mellor en comunidade, con equidade, xerando conciencia, de maneira creativa e solidaria”, conta Rosa.