Homenaxe a Asorey, o escultor que quixo “entrañablemente a Compostela”
Concello e Real Academia Galega das Artes recoñecen o artista de Cambados no 63 aniversario do seu pasamento cunha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres

Foto de familia ante a sepultura de Francisco Asorey no Pateón de Galegos Ilustres logo da ofrenda floral. / CONCELLO

O Panteón de Galegos Ilustres acollía na mañá deste martes o evento de homenaxe ao escultor Francisco Asorey, no ano no que a se lle dedicou ao artista de Cambados o Día das Artes Galegas. Un acto, con ofrenda floral, que estivo organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e polo Concello de Santiago e que contou coa presenza da neta do homenaxeado, María del Carmen Asorey.
Conmemorouse así o 63 aniversario do pasamento do escultor que tivo unha dilatada e intensa carreira na capital galega, non só pola obra pública coa que conta a cidade –co monumento a San Francisco como gran estandarte– senón tamén porque Asorey tivo praza na Facultade de Medicina como creador de pezas anatómicas ou polo obradoiro co que contou na Caramoniña e que finalmente se consolidou como escola artística.
“Quero entrañablemente a Compostela”, así lembraba María del Carmen Asorey as palabras do seu avó en relación co seu vínculo coa cidade durante a súa intervención no acto celebrado no Panteón de Galegos Ilustres (Capela do Rosario). A neta do escultor, “sinónimo de excelencia artística” en palabras da deputada de Cultura Natividad González, fixo pública a intención da familia Asorey de recorrer á Lei de Memoria histórica para que lle sexa restituída a primeira Medalla Nacional de Escultura, concedida en 1930 ao cambadés polo monumento a San Francisco e “doada para a salvación do tesouro artístico nacional” en 1937.
Reivindicación do país e da tradición na obra do escultor
Na homenaxe a Francisco Asorey, amenizada con poemas como Negra sombra e Lela interpretados ao violín, participaron ademais da neta do artista e da deputada de Cultura, Manuel Quintana Martelo, presidente da RAGBA, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Pedro Blanco, delegado do Goberno, e a alcadesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Todos eles coincidiron en destacar non só a talla artística do homenaxeado senón tamén o seu valor como narrador da historia de Galicia, das súas tradicións e singularidades.
“O país, a patria, estaban aí pero había que saber contalos”, defendía Valentín García, que tamén poñía en valor o “éxito en vida” de Francisco Asorey que “aumentou a autoestima do pobo galego”. E neste sentido o secretario de Política Lingüística fixo referencia tamén á presenza de obra do cambadés na “Galicia de ultramar” con obra en lugares tan emblemáticos para a diáspora coma o cemiterio da Chacarita, en Bos Aires.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, asegurou durante a súa intervención que Francisco Asorey tivo “unha trascendencia que aínda hoxe non somos capaces de abranguer” e defendeu a figura do escultor como “un auténtico revolucionario” e “renovador da arte galega”.
A alcaldesa Sanmartín protagonizou, xunto á neta do escultor de Cambados, o discurso máis persoal dos pronunciados ligando a figura e a obra de Asorey á súa traxectoria política. A rexedora comezou o seu parlamento explicando ao auditorio que saudaba cada día a Jesusa Ferreiro, muller de Asorey e cuxa escultura preside a entrada do Pazo de Raxoi, e lembrou que tamén a obra do destacado artista a acompañou mentres foi a vicepresidenta da Deputación, en cuxo edifico se conta cun monumento a Curros Enríquez obra de Asorey.
Sanmartín, que quixo destacar que “Asorey está presente en todos os lugares de Compostela” fixo especial referencia ás súas representacións de mulleres, que “teñen un lugar central na súa obra, cunha ollada sensible” que retrata segundo a rexedora á muller real. Tamén quixo destacar a comunicación que o escultor facía da “tradición”. A alcaldesa citou o artista Luís Seoane para afirmar que Asorey conseguiu transmitir que en Compostela a tradición se expresa “nas feiras dos xoves e do Pórtico das Platerías”, e defendeu que o cambadés combinou na súa obra e na súa traxectoria a ética e a estética.
Día das Artes Galegas
O acto de homenaxe a Francisco Asorey no 63 aniversario da súa morte integrouse tamén na programación do Día das Artes Galegas que este ano se dedicou ao escultor de Cambados e que en 2025 se dedicará ao artista e empresario Isaac Díaz Pardo. Así como puxo en valor a vinculación de Asorey con Compostela, Goretti Sanmartín non deixou pasar a ocasión de citar tamén o vencello do creador de Sargadelos coa capital galega, e asegurou que será tamén “ben recoñecido polo Concello de Santiago”, ao igual que Asorey, “o primeiro ilustre soterrado directamente no Panteón de Galegos Ilustres”, explicou.
“Dúas figuras esenciais”, dixo en referencia a Asorey e Díaz Pardo “para amosar o futuro cara ao que queremos ir” como cidade.
- Reabre en Santiago una de las cafeterías más queridas del casco histórico: 'Volvemos con la misma ilusión y ganas
- La propuesta que vuelve a poner en el foco la visita del Papa a Santiago: León XIV deja en el aire su presencia en 2027
- El outlet Área Central de Santiago alarga este viernes su hora de cierre para convertirse en una 'Jungla' con descuentos del 50%
- La panadería de Santiago que triunfa con su café con flores: 'Estamos vendiendo más flores que pan
- Raxoi paraliza una obra ilegal frente al parque de Bonaval: 'Habéis roto un trozo de historia
- Buscan figurantes en Santiago para la nueva película de Vaca Films: estos son los requisitos
- De las aulas de Santiago a la graduación en Michigan: la historia de éxito de Carlota Garabato en Estados Unidos
- La expropiación de terrenos para construir 3.609 viviendas en el Ensanche Norte de Santiago llegará a un máximo de 12 euros el metro cuadrado
