Tarifas de 1 a 2,5 euros: Raxoi remite á Xunta o estudo detallado para a implantación da taxa turística
O Goberno afírmase en cumprir o compromiso con Rueda pero “lamenta” non poder trasladarlle esta proposta de forma directa

Un dos grupos de peregrinos que entraron na cidade alboratando facendo ruído / Antonio hernández

O Concello de Santiago comunicaba onte a remisión, este martes, á Xunta de Galicia do informe sobre a taxa turística. Un estudo detallado encargado polo presidente Alfonso Rueda o pasado mes de outubro logo da xuntanza en San Caetano coa alcaldesa Goretti Sanmartín, que instaba á Administración autonómica a establecer un imposto por estadía ao que puidese acollerse Compostela. Unha petición á que accedía Rueda pero co compromiso de estudar a súa implantación na capital galega unha vez que o Concello remitise un estudo máis en detalle sobre o establecemento da taxa que pretendía facer.
Raxoi explicoulle á prensa que se trata dun “extenso documento e argumentación para apoiar a implantación da chamada ‘taxa turística’ na capital galega”. Un proxecto que inclúe unha proposta lexislativa, “debido a que o imposto ten que se aprobado polo Parlamento galego, ao igual que xa se lle presentara en agosto de 2023”. Nesta proposta lexislativa inclúese que este tributo, que será cedido a Compostela, “oscilará entre 1 e 2,5 euros e terá excepcións de aplicación a semellanza doutros impostos implantados noutros territorios”. O Concello afirma deste modo que se “cumpre co anunciado de remitirlle a documentación á Xunta de Galicia, lamentando, iso si, non poder trasladarlle esta cuestión de forma directa ao presidente Alfonso Rueda, xunto con outros asuntos coma o financiamento da capitalidade”.
O Executivo de Sanmartín agarda que “tal e como dixo o propio Rueda, e máis nun momento en que se está a formular noutros lugares do Estado, analicen polo miúdo a proposta para implantar este imposto”. Dende San Caetano, Alfonso Rueda non ocultou que non ve “unha solución” na taxa turística e alertou dos riscos de “turismofobia”, pero defendeu que a Xunta estudará o documento remitido polo Concello e se “cumpre coas condicións” afirma estar disposto a “dar para adiante” á tramitación da proposta.
Dende a Xunta pedíaselle tamén ao Concello o ano pasado, ademais dese estudo documentado que se incorporase unha comparativa de impostos deste tipo como xa se implantaron noutras comunidades “nun escenario marcado no ámbito estatal sobre o turismo sustentable e o risco de masificación”.
A proposta inicial
Na primeira proposta presentada polo Concello diante da Xunta de Galicia a cifra máis baixa da pinza da taxa turística era de 0,5 euros, pero, aínda que Sanmartín avanzara nun principio que as contías non se alterarían, no novo estudo faise constar que a tarifa será dun euro por noite nos establecementos de menor categoría tales como pensións, hostais ou cámpings. Ademais, naquela proposta inicial de Raxoi recollíase, por exemplo, que non pagarían a mencionada taxa os menores de idade –entre outros colectivos-- e que non se gravarían máis que os 6 días iniciais, aínda que as estancias fosen dunha duración superior.
Turismo respectuoso
Preguntada sobre as recentes denuncias da cidadanía sobre mal comportamento dalgúns turistas e a presenza de grandes grupos de persoas nos arredores da Catedral, a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, reivindicou unha vez máis a defensa que o Goberno bipartito fai “dun turismo de calidade e respectuoso co patrimonio” e afastouse da política da Xunta que asegura está máis enfocada “na cantidade” de visitantes que se reciben.
Rozas fixo referencia á campaña de concienciación Fráxil que puxo en marcha o verán pasado o Executivo local e defendeu, unha vez máis, a aposta por conseguir unha cidade pensada para mellorar a vida da súa veciñanza sen deixar de ser acolledora cos visitantes.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Rueda: 'A mellor opción e, probablemente a única', es una sola Facultad de Medicina descentralizada
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana


