Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Concello presenta o informe da taxa turística sen un horizonte claro para a súa implantación

A creación do tributo implica a aprobación no Parlamento galego dun proxecto de lei polo que a Xunta cedese a recadación a Compostela

A demora nos prazos pode imposibilitar a posta en marcha do imposto en 2025

A taxa turística establece unha tarifas que oscilan entre 1 e 2,5 euros en función do establecemento hostaleiro

A taxa turística establece unha tarifas que oscilan entre 1 e 2,5 euros en función do establecemento hostaleiro / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Concello de Santiago presentou na mañá deste xoves o informe remitido esta semana á Xunta para implantar na cidade a taxa turística. Un estudo incluído no Plan de Sustentabilidade Turística, como pedía o presidente Alfonso Rueda, e que segundo a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, consiste nunha “análise detallada e amplamente cuantificada” de cuestións como o número de visitas que recibe a capital galega cada ano, a duración das estadías e a presión turística que soportan os residentes, así coma estudos comparativos con modelos de tributación por estadía implementados noutros lugares da Península Ibérica.

Sanmartín presentaba este informe no Pazo de Raxoi a compañada pola titular de Turismo do Concello, Míriam Louzao, e polos catedráticos da USC –Universidade de Santiago– Rubén Lois –director do Idega (Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia)– e César García Novoa, catedrático de Dereito Tributario. Este último foi o encargado de explicar polo miúdo en que consistirá o imposto proposto á Administración autonómica, e para o que, como adiantaba a rexedora, se propón un proxecto de lei a presentar no Parlamento galego e cuxa tramitación o Goberno bipartito agarda que sexa “o antes posible, a Xunta dispón de mecanismos de urxencia que xa empregou noutras ocasións”.

Falaba neste sentido Goretti Sanmartín para poñer unha vez máis o foco na necesidade de axilizar a posta en marcha desta medida, a súa tramitación parlamentaria e a inclusión da mesma no documento orzamentario autonómico para 2025. “Estamos en xullo e corremos o risco de que en setembro haxa unha proposta de orzamento e xa non dea tempo a incluír a taxa turística”, explicaba Sanmartín, que insistía unha vez máis en que o Goberno local “lamenta” que non se puidese discutir o documento presentado nunha xuntanza interadministrativa.

“Parece que a Xunta tenta dilatar os tempos”, insistíu a rexedora, “parece que non se quere tomar unha decisión” por parte do presidente Rueda “sen dicir directamente que non”. Algo que foi rebatido dende a Xunta, a través do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, que en declaracións á prensa afirmou que na Administración autonómica se agardaba a presentación deste documento por parte do Concello de Santiago dende o mes de setembro pasado. Merelles apuntaba tamén que no informe remitido dende Raxoi o pasado martes “non vimos” que se reflectisen as condicións esixidas por parte da Xunta, coma que se tratase dun documento “dialogado e consensuado co sector e coa cidadanía”.

Algo que si destacaron os intervintes na rolda de prensa de Raxoi. O propio Rubén Lois, co-redactor do documento, destacaba como principal novidade da proposta presentada “o modelo de gobernanza” que implicará unha xestión “participativa” do tributo. Unha vez implementada a taxa turística na cidade, poñeranse en marcha tres foros para promover a participación do sector –hostalaría, hospedaxe e turismo–, “primeiros en recadar a taxa”, a participación da veciñanza e tamén de entidades vinculadas coa conservación patrimonial. A edil de Turismo explicaba tamén que se creará unha “web propia do imposto na que a cidadanía poida acceder a toda a información” relativa ao mesmo, así coma as contías recadadas e o destino dese diñeiro, ademais de contar cun apartado de suxestións.

As claves do informe

A proposta de taxa turística de Compostela presenta, ademais dun modelo de gobernanza participativo da xestión do imposto, unhas tarifas que oscilan entre 1 e 2,5 euros dependendo do establecemento hostaleiro, sendo a mínima a de locais coma pensións ou cámpings e a máxima a de hoteis, cámpings de luxo e aloxamentos de 5 estrelas. Unha medida que se adopta consonte, segundo anunciou César García Novoa, ao “principio de capacidade contributiva” de cada visitante. O Concello de Santiago prevé unha recadación anual que se calcula arredor dos tres millóns, do que Compostela percibiría, pola cesión deste tributo de competencia autonómica, o 95% do total.

Non quedarían fóra desta medida as Vivendas de Uso Turístico –VUT–, xa que o informe recolle tamén a importancia deste tipo de establecementos hoteleiros e o incremento que viviron na cidade nos últimos anos, a través dos datos recollidos no REAT da Xunta de Galicia –Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas–.

Durante a rolda de prensa todos os participantes insistiron en destacar que se trata dunha medida de carácter autonómico e non exclusiva para a capital galega. “Trátase dun imposto propio da Comunidade Autónoma”, insistía García Novoa, “non exclusivo de Santiago, do que a Xunta cedería a recadación” polo que calquera concello que padeza turistificación e decida adherirse á aplicación desta medida podería facelo.

O informe engade unha valoración comparativa con outros modelos de taxa (de concellos portugueses, que poden recadala directamente, ou de comunidades como Cataluña, Valencia ou Illas Baleares, nos que a competencia tributaria tamén é autonómica), e posiciona Compostela fronte a cidades de características similares, como Salamanca, tendo en conta singularidades coma de ser capital e destino de peregrinaxe.

“Santiago é a cidade con maior desnivel entre veciños e usuarios do espazo”, explicaba Rubén Lois en relación á acollida de turistas e peregrinos pero tamén tendo en conta a consideración de que a poboación da cidade se incrementa polos traballadores que chegan dos arredores, os empregados públicos –sendo sede tamén da Administración autonómica– e o carácter universitario de Compostela, o que dá lugar en termos xerais a “un desequilibrio orzamentario”, entre canto se contribúe ás arcas municipais e os gastos que lle supón ao Consistorio o mantemento de servizos dos que como é natural fan uso os visitantes. 

Unha taxa para excursionistas e visitantes que non pernocten

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, apuntaba nas súas declaracións á prensa arredor do informe presentado polo Concello de Santiago a ausencia de medidas destinadas ao turismo excursionista, que non pernocta na cidade. Unha cuestión que non se recolle no documento de Raxoi pero que si está prevista para a continuación do estudo que desenvolve a Universidade de Santiago. 

Desta maneira, a concelleira Míriam Louzao referiuse á dársena de Xoán XXIII, na que xa se cobra o aparcamento aos autobuses que chegan e asegurou que se está a “estudar a posibilidade de aplicar ás empresas de transporte unha taxa”, en función do número de viaxeiros que acheguen á cidade, isto é, unha medida “que repercuta a empresa no viaxeiro”.

Unha taxa “por entrar na cidade”, como se aplica na cidade italiana de Venecia presentaría, segundo García Novoa, “problemas dentro do Ordenamento xurídico” español.

Tracking Pixel Contents