O TSXG falla a favor do Concello de Santiago que pode pedir o peche inmediato de dous pisos turísticos

O tribunal desestima o recurso de reposición interposto pola demandante e declara a "ineficacia da comunicación previa de inicio de actividade"

A sentenza sobre os dous inmobles situados nunha quinta planta remite ao Plan especial que permite este o uso hoteleiro en baixo e primeiro andar

Unha turista coa súa maleta pola zona vella de Santiago

Unha turista coa súa maleta pola zona vella de Santiago / Antonio Hernández

A concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, deu conta na mañá deste luns dos acordos aprobados en xunta de goberno, entre os que se tomou coñecemento dunha sentenza do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), que declara a ineficacia da información previa ao inicio de actividade de dúas VUT (vivendas de uso turístico) na cidade histórica para "garantir o dereito á vivenda" de uso residencial conforme o estipulado polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da améndoa.

Esta decisión do TSXG chega en aras do "interese xeral" e de que tamén dende as administracións locais se vele por garantir o acceso a unha “vivenda digna”. “Na sentenza da que tomamos conta”, explicaba Louzao, “a sala autonómica insiste en que non debe confundirse a declaración responsable autonómica para o exercicio destas actividades coas autorizacións e os permisos municipais, que son independentes da autonómica e que pertencen ao eido competencial urbanístico propio das administracións locais”.

Ratifícase así dende o xulgado que a obtención do título habilitante municipal para o exercicio da actividade turística é distinto e independente da autorización autonómica polo que “a declaración responsable de inicio de actividade presentada pola actora na Axencia de Turismo de Galicia non pode substituír a comunicación previa municipal” para o inicio de calquera actividade que non poida asimilarse ao mero uso residencial do inmoble.

A sentenza insiste nun "incumprimento flagrante" por parte da demandante posto que "en ningún caso" pode considerarse o uso residencial destas vivendas e establece que unicamente se pode considerar o seu uso hoteleiro. Un uso, que o Plan Especial só permite intramuros nas plantas baixas e primeiros andares, atopándose as vivendas obxecto de litixio nunha quinta planta.

Desta maneira o Concello de Santiago pode pedir “o peche inmediato” destas VUT, polo que a edil de Capital cultural declarou que o Goberno de Goretti Sanmartín ve “lóxico que a Xunta dea de baixa esa vivenda” no REAT (Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas). “A sentenza recolle un elemento innovador que queríamos tamén destacar”, explicaba a concelleira, “que é conforme a dereito o procedemento de declaración de eficacia da comunicación previa sen que sexa necesario tramitar un expediente de deposición da legalidade urbanística”.

Míriam Louzao afirmou que dende o Goberno local “entendemos que pode tamén sentar xurisprudencia, e polo tanto, ábrese este novo espazo que nos parece interesante, pero evidentemente haberá que mirar cada caso”. Falaba así en referencia ás oito sentenzas vinculadas coas VUT favorables e firmes ao Pazo de Raxoi, xunto a outra dúas sentenzas máis “favorables pendentes de firmeza”.

O TSXG desestima tamén as alegacións formuladas na demanda e relacionadas cos réximes de tributación (IRPF e IVE) posto que se trata dunha cuestión urbanística, na que se trata de dilucidar sobre o uso no que debe encadrarse este tipo de actividade e non “se estamos ante unha actividade que tribute coma económica ou como rendemento de capital a efectos de IRPF”.

Suscríbete para seguir leyendo