Aviturga considera que se deberían regular só as VUT que comezaron a funcionar en 2019, non as de antes

Dende a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia expresan que Santiago perderá moito turismo familiar con esta normativa

Peregrinos e turistas en Santiago de Compostela

Peregrinos e turistas en Santiago de Compostela / Alina Rodríguez

Antía Suárez

“Sentenciouse esta forma de turismo, que todo o mundo utiliza, pero que na cidade de cada un é negativa”, así describe Óscar Soneira, directivo da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga), como experimentan a situación actual coas vivendas de uso turístico (VUT), que en Santiago están a vivir un momento crítico.

Esta é unha situación que, se xa era tensa coa aprobación da ordenanza que regula a comunicación das VUT en Santiago, agora acábase de tensar máis coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre dous inmobles VUT este pasado luns, na que se declarou a ineficacia da información previa das vivendas. Ante esta situación, Soneira expresa que se senten enganados, e que esta é unha situación provocada por “políticos de baixa calidade e mentiras que se propagan de forma constante”.

Esta sentenza a favor do Concello de Santiago permite que estas VUT poidan ser pechadas de inmediato, e  expresaron dende o Goberno local “entendemos que pode tamén sentar xurisprudencia, e polo tanto, ábrese este novo espazo que nos parece interesante, pero evidentemente haberá que mirar cada caso”, falando así en referencia ás oito sentenzas vinculadas coas VUT favorables e firmes ao Pazo de Raxoi, xunto a outras dúas sentenzas máis “favorables pendentes de firmeza”.

Aviturga aclara que só son tres sentencias en contra das VUT do TSXG

O directivo de Aviturga expón que, en total, en Galicia, hai só tres sentenzas do TSXG en contra das VUT, das que dúas son de Compostela e unha é de Pontevedra, engadindo que “esta é a cantidade incrible de sentenzas das que fala o Concello”.

Dende o Pazo de Raxoi, aclaran que desas oito sentenzas das que falaban, “é certo que só dúas chegaron ao Tribunal Superior de Xustiza, pero outras seis non apelaron no tempo estipulado”. Así mesmo, engaden que en total son oito os fallos en contra das VUT, e que os dous pendentes se atopan agora nese marco temporal para apelar.

“No rexistro da Xunta de vivendas de uso turístico de Galicia hai case 600 familias, moitas deles asociadas a Aviturga porque somos a única asociación galega de vivendas turísticas. E ante esta situación, fixemos unha reunión o luns pasado, á que asistiron máis de cen asociados. A xente está escandalizada, porque se sente enganada co cambio de postura de Goretti Sanmartín” explica Soneira.

Dende o punto de vista da asociación, a alcaldesa de Santiago, antes de entrar no cargo, levaba anos falando de regular as VUT, pero mantendo o se funcionamento. “O PSOE de Rosón e Bugallo pechan o PXOM cunha coletilla no texto da modificación, que di que se regularán nunha ordenanza os usos preexistentes, e chega a ordenanza e non se regulan. Pódese estar de acordo ou non cos pisos turísticos, pero o que non se pode é mentir. A nós e a calquera debe parecerlle vergoñento”, explicando así a postura que manteñen a asociación e mais os propietarios de VUT.

A estes últimos a ordenanza parécelles correcta sempre e cando “se regule cara a adiante”, xa que regular cara a atrás “non ten sentido ningún”, apunta Soneira. A súa posición provén de que senten que os prazos para sacar a licenza municipal foron moi curtos. Os pisos turísticos existen dende 2017 e había unha lei que os regulaba, que segundo Aviturga, debería ter algún tipo de validez. “Cando iniciaron o prazo para solicitar a licenza, ao pouco tempo sacaron unha moratoria. Non houbo ningún momento, e incluso, o pouco tempo que estivo dispoñible en 2019, se ías ao Concello, ninguén sabía explicar o procedemento” expresa Soneira.

Moitas VUT cancelaron as súas reservas de xullo

Óscar Soneira aclara que a maioría de clientes das VUT son familias, que ao decidir un destino precisan de máis espazo e zonas comúns. Así mesmo, tamén explica que están en lugares  poderían ser Ribeira ou Viveiro, onde pode non haber hoteis dispoñibles para grandes grupos de persoas.

As accións que está tomando o Concello descríbenas como “unha forma de buscar un culpable fácil” indica Soneiras. Dende a súa perspectiva, se nos últimos cinco anos había 600 vivendas de uso turístico e ese número non variou, o problema non estaría aí. Para eles, o problema debería procurarse entre as 6.000 e 14.000 vivendas baleiras de Santiago, ou no feito de que hai xente que non lles quere alugar a estudantes, argumentan.

Nesta realidade, moitos propietarios de VUT cancelaron as reservas que tiñan en xullo por medo e inseguridade, e polo tanto, este turismo “familiar” irá para outras cidades. Óscar Soneira tamén comenta que dende o seu coñecemento, as VUT seguirán funcionando ata que lles chegue unha carta do Concello, “momento no que moitos deles van a recorrer”.