O Goberno de Santiago somete á aprobación do Pleno a renovación do convenio de bus urbano a Os Tilos

Coa prórroga, o acordo estará vixente até setembro de 2028

O municipio veciño propuxo ampliar a liña dar servizo até Cacheiras

A liña 6 une San Marcos coa urbanización dos Tilos, no Concello de Teo

A liña 6 une San Marcos coa urbanización dos Tilos, no Concello de Teo / Antonio Hernández

A liña 6, unha das de maior demanda no Concello de Santiago –tivo que ser desdobrada na 6A que chega ao aeroporto Rosalía de Castro–, conforma coa 12 as únicas do transporte público local que excede os lindes de municipio, xa que une San Marcos con Os Tilos, no Concello de Teo. O pasado luns, a xunta de goberno local acordou remitirlle ao Pleno a aprobación da prórroga do convenio que Santiago mantén con Teo e a Xunta de Galicia, co obxectivo de continuar o servizo que ten como orixe e destino a urbanización teense.

Segundo informaban este martes dende o Pazo de Raxoi, na proposta que se somete á aprobación plenaria “o acordo manterase nos termos nos que foi aprobado en 2020 e estará vixente até o 30 de setembro de 2028”.

A prórroga deste convenio foi un dos asuntos abordados polo concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, na reunión que mantivo coa directora xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Judit Fontenla. 

Ampliación a Cacheiras

O actual acordo asinárono Teo, Santiago e a Xunta en 2020 por un período de catro anos e, se o Pleno aproba a prórroga, daráselle continuidade ás expedicións do servizo que Tussa presta até a urbanización dos Tilos dende o ano 2015. 

Un destino final que a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, tentou que se ampliase até Cacheiras –concretamente até a rotonda próxima ao supermercado Gadis– para dar servizo a arredor de 9.000 persoas do municipio que se desprazan a Compostela por motivos laborais e académicos. Unha iniciativa que puxo sobre a mesa en agosto de 2023, nunha xuntanza coa alcaldesa Goretti Sanmartín, que finalmente non chegou a porto.

En xuño deste ano, o edil Xan Duro explicaba que o custo desa ampliación estaría en 1,8 millóns de euros e suporía tamén o incremento de 5 ou 6 condutores. Ante este desencontro, Calvo tomou a decisión de implementar en Teo a creación dunha liña piloto cun bus lanzadeira dende a última parada nos Tilos até Cacheiras, Montouto e A Ramallosa. Un proxecto que agora estuda a dirección xeral de Mobilidade.