‘12 comercios, 12 sensibilidades’ trae a Santiago o traballo da asociación Avante de persoas con discapacidade

A edil María Rozas visitounos no espazo de Creativas Galegas, con que comparten este mes o protagonismo do programa

12 comercios, 12 sensibilidades

Jesús Prieto

A Asociación de Persoas con Discapacidade Avante, que traballa na zona rural, é a protagonista este mes, xunto con Creativas Galegas, do programa municipal ‘12 comercios, 12 sensiblidades’, promovido dende as concellarías de Dereitos e Servizos sociais e Promoción económica, que lidera a edil María Rozas. Esta última visitaba este mércores o Mercado da Creatividade, instalado no local de Creativas (Caldeirería, 36) para compartir uns minutos cos asociados de Avante e coas artesás.

A concelleira puxo en valor o obxectivo fundamental de ‘12 comercios, 12 sensibilidades’, que o Concello de Santiago promove durante todo o ano, “combinar a promoción do comercio local con proxectos solidarios”. Deste último aspecto falaron os representantes de Avante, unha asociación que ten usuarios de 9 concellos rurais e que realiza cada día “500 quilómetros para o transporte destas persoas”. Uns usuarios que durante estes días levarán a cabo do no espazo de Creativas Galegas obradoiros, “fundamentalmente de coiro, pola facilidade que supón a súa carga e transporte”.

Soledad Mato, de Creativas, valorou a posibilidade de colaborar “con outra entidade artesá” destacando que asociacións coma Avante o teñen “máis difícil que os centros máis grandes ou os localizados nas cidades”. Desta maneira Mato quixo poñer de novo en valor o traballo loxístico que entidades coma Avante teñen que levar a cabo no rural galego para poder atender as demandas de usuarios de diversos municipios.

Visibilizar a solidariedade

Facer visibles para o conxunto da cidadanía os proxectos solidarios, así coma as iniciativas de comercio local é a meta de ‘12 comercios, 12 sensibilidades’ que o Concello de Santiago pon en marcha durante este 2024. Unha idea que xurde dun grupo de formación que en 2019, na Cámara de Comercio de Santiago, deu pé á creación dun grupo de traballo que busca “promover a economía circular”.

Un colectivo integrado por 12 mulleres que rexentan outros trantos comercios de diversos sectores e que se definen “unidas pola empatía, resiliencia e sensibilidade social, firmemente convencidas de que a través dos nosos espazos podemos dar voz a asociacións que, cos seus proxectos solidarios, melloran a vida de moitas persoas e fan que as cidades sexan máis humanas”.

Até o de agora conviviron os proxectos Águila Atlántica e Fundación Pictoaplicaciones, durante o mes de xaneiro; a xoiería José Antonio e Solidaridad Internacional Galicia, no mes de febreiro; a tenda Naf Naf e o programa Vagalume, en marzo;o Centro Deportivo Atmósfera e mais ACEM (que traballa con persoas migrantes e refuxiadas), en abril; durante o mes de maio a Papelaría Xaquín e Agadea (asociación centrada no Alzheimer); e La Tienda de María e Acougo (Asociación de Familias de Acollida) o mes pasado.

Quedan por diante Maravalla e o Refuxio de Bando, en agosto; Cousas do Campo e Daqui Darrederee, en setembro; a xoguetaría EscondiT e a Obra social de Pediatría, en outubro; María Brey Deseño e a Cociña económica no mes de novembro; e QuenllaSCQ e lasolvidadas.org, para despedir o ano.