O Centro Xove da Almáciga dálle pulo a unha nova xeración de bandas
De Ninghures, André G$, Boa Sunet, Liskadaki, Filloa, Ulex ou Killo Karallo son algúns dos nomes dos novos grupos de música de Compostela que emerxeron con recursos e forza grazas a esta iniciativa do Concello de Santiago

De Ninghures / Cedida
Antía Suárez
Se das un paseo polo corredor do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, pode que escoites música death metal saíndo dunha sala, aos de folk e tradi dende outra e na seguinte aos modernos, todos nun mesmo lugar. Este local descríbese coma un “centro de proximidade para a mocidade que oferta formación presencial e en liña”. O proxecto está impulsado polo Concello de Santiago, unha iniciativa que nace coa intención de constituírse como equipamento aberto e dinámico no que “convivan dende as expresións artísticas máis diversas e vangardistas propostas polos creadores novos de Compostela”, aclara o Concello. Nos últimos tempos, moitos dos grupos santiagueses que comezan a gañar fama e como concursos, e a dar concertos, ensaiaron ou ensaian neste centro, entre eles, artistas como André G$, Boa Sunet, Filloa, Liskadaki, Ulex, Killo Karallo, Futuro Alcalde ou De Ninghures.
“Un espazo, non só de ensaio, senón tamén de asesoramento” apunta María Alonso, animadora sociocultural do Centro Xove da Almáciga, que exerce tamén como coordinadora deste espazo pensado para xente empadroada en Compostela de entre 14 e 35 anos. “Nós ofrecémoslles un espazo non só de ensaio, senón tamén un lugar con acceso fácil aos profesionais, como técnicos e músicos, que os acompañan e os poden asesorar” apunta Alonso. A día de hoxe, o centro conta con 32 bandas residentes, aínda que teñen capacidade para máis. Alonso comenta que entre os tres locais que dispoñen de ensaio, adoitan ter un fluxo regular de bandas, no que as novas agrupacións se van incorporando nos ocos que quedan libres.
De Ninghures e Festigal
Un dos grupos que ensaia neste centro é De Ninghures, unha banda santiaguesa que acaba de gañar o premio aRi[t]mar á mellor canción galega do ano 2023 co seu tema Morena. Levan dende 2022 ensaiando no Centro Xove da Almáciga, e esta tamén é a data na que comezaron a considerarse unha banda profesional, coa presentación na Sala Malatesta do seu primeiro disco Aquí.
De Ninghures é unha formación de “tradi” composta por sete integrantes, naturais de distintas localidades de Galicia. Entre os seus referentes atópanse bandas como Baiuca, ou Berrogüetto. O grupo iniciou a súa traxectoria no ano 2019, cando resultaron vencedores da V edición Novos Valores, vinculada ao Festigal.
Aínda que só levan dous anos dentro da iniciativa de apoio ás bandas, dende o centro xove xa a consideran unha formación que se vale por si soa, “co tempo moitas bandas, como agora De Ninghures, xa non necesitan o noso servizo porque xa van rodando soas”, apunta María Alonso.
Aldara Palmeiro é unha das integrantes da banda, e ao falar da súa traxectoria como agrupación, comenta que ela e os seus compañeiros están moi agradecidos á Almáciga polo apoio que recibiron estes anos. “Non temos máis que palabras boas, porque nos permitiron medrar como banda e tamén parte do éxito que está tendo o grupo, entre mil aspas –di en referencia a ese triunfo–, é grazas a eles, que nos axudaron a ter os medios para poder conseguilo”.
Agora, este colectivo, que no pasado se xuntaba para tocar nas foliadas, volve ao Festigal, pero desta vez non a través dun concurso. Como contan “cinco anos despois volvemos, pero como banda profesional dentro do cartel, para nós isto é un orgullo tremendo”.
Liskadaki, as fillas da Almáciga
Este centro non só é un local de ensaio, senón que tamén é unha comunidade musical e xa ten a primeira banda que naceu ao abeiro desta inicativa. A banda Liskadaki está formada por un grupo de rapazas que frecuentaban o centro e que foron animadas a xuntarse como agrupación polos profesionais que traballan alí. A batería da banda, Paula Ferraz, conta que comezou tal que así, “eu estaba nas clases de batería, e xunteime con Lidia, que estaba no centro para ensaiar como cantautora, e con Belén, que a coñecía das clases de teatro que tamén se fan aquí e que son de balde”. Este trío foi pouco a pouco integrando a outras rapazas que facían músics ata formar o que a día de hoxe é Liskadaki. Como banda comezaron o ano pasado e aínda están no proceso de buscar o seu estilo, “sabemos que queremos estar baixo o paraguas do rock, pero aínda nos estamos descrubrindo como grupo”, conta Paula Ferraz.

As integrantes de Liskadaki, un grupo que emerxeu do centro da Almáciga / Cedida
Unha nova iniciativa do Centro Xove da Almáciga é o proxecto Lanzadeira, un curso de verán que durante os meses de xullo e agosto lle ofrece a artistas e proxectos dos locais de ensaio a oportunidade de profesionalizarse e mellorar o seu nivel de autoxestión. Durante o programa, bandas e artistas profundizan na súa xestión e no modo de lanzárense como banda, así coma no proceso de gravación en estudio e na posterior preparación para a presentación en vivo.
No Lanzadeira, Liskadaki vai gravar o seu primeiro EP.
Cada día máis bandas nesta comunidade de músicos
“E cada vez son máis bandas as que solicitan os servizos do local, e iso tamén é unha mostra do bo funcionamento do Centro Xove, de que todo o mundo quere ensaiar alí, porque funciona moi ben”, valora Aldara Palmeiro de De Ninghures.
O éxito desta iniciativa non só se apreza no volume de bandas, senón na creación de máis axudas ao panorama musical compostelán. así como as melloras que afrontou o Departamento de Xuventude do Centro Xove da Almáciga, e non só iso, dende o Concello tamén se avanzou que o orzamento municipal de 2024 contempla unha partida para adquisición de novos instrumentos para o seu préstamo aos diferentes músicos.
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia

