TURISMO
Unha decena de persoas informarán a pé de rúa en agosto e setembro para acadar un turismo sostible en Santiago
A actuación está incluida na campaña Compostela Fráxil do Concello

Un cartel de la campaña de Raxoi "Compostela é fráxil" / Lucía Martínez

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, deu conta na mañá deste luns da licitación do contrato para a posta en marcha durante os meses de agosto e setembro dunha nova actuación incluída na campaña Fráxil, de turismo sostible do Concello de Santiago.
O acordo aprobouse na xunta de goberno local e dota o contrato de 98.446 euros, suporá o traballo de comunicación a pé de rúa de 10 persoas, que traballarán en parella durante 45 días consecutivos. A concelleira deulle especial importancia ao mes de setembro, "cando chegan os grupos máis numerosos á cidade", explicou.
As persoas contratadas informarán do contido da campaña Compostela Fráxil, entre cuxas accións destacadas están o respecto e coidado dos bens patrimoniais e a concienciación sobre o dereito ao descanso da veciñanza. Así mesmo, estes guías tamén teñen o labor de informar e guiar os turistas a outros atractivo da capital, máis alá da Catedral e dos seus arredores, para dar a coñecer outros espazoa e zonas verdes da cidade ao tempo que se evita a conxestión e a carga turística na améndoa.
Mais Louzao tamén lamentou que a limitación orzamentaria e Plan de Turismo Sostible leven a limitar a eses 45 días a actuación de Fráxil, e apuntou que a ampliación da contía destinada a esta tarefa podería darse coa implantación da taxa turística. "Cidades como Barcelona destinan unha parte do recadado", apuntaba a edil para remarcar que unha maior dotación orzamentaria podería abranguer un período de tempo máis amplo.
A campaña tamén se difundirá a través das redes sociais municipais.


