Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FESTAS DO APÓSTOLO 2024

Lucía Freitas declara o seu amor por Santiago no pregón do Apóstolo: “É a mellor cidade do mundo”

A cociñeira compostelá inaugurou as festas cun discurso cargado de emoción desde o balcón do Pazo de Raxoi, no que reivindicou a defensa dos produtos locais e o labor das mulleres do sector primario

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

As Festas do Apóstolo 2024 botaron a andar co pregón de Lucía Freitas desde o balcón do Pazo de Raxoi ante unha praza da Obradoiro na que se congregaron veciñanza e visitantes, que tamén gozaron da música e do baile da foliada popular que se celebrou antes e despois do acto. A cociñeira dirixiuse ao público cun discurso cargado de emoción, no que amosou o seu amor por Santiago, “a mellor cidade do mundo”, e as súas xentes. Ademais, aproveitou a súa intervención para reivindicar a súa aposta por unha gastronomía que fusiona raíces e vangarda, así comoa a defensa dos produtos locais e o labor das mulleres do sector primario.

Santiago se pone en modo fiesta: empieza el Apóstol

Lucía Freitas, momentos antes del pregón de las Fiestas del Apóstol 2024 en el balcón de Raxoi / Antonio Hernández

Lucía Freitas, escollida como pregoeira pola súa vinculación con Compostela, cidade na que naceu e na que desenvolve a súa vida e profesión e polo seu prestixio tanto a nivel nacional e internacional, arrancou o pregón resaltando a emoción que supón para unha picheleira abrir as festas da súa cidade, “é como ter outra estrela máis”. Así, “dende o corazón e o sentimento de pertenza” debullou a súa vida, marcada pola decisión de ser cociñeira, na que foron claves “meu pai e o Mercado de Abastos”.

"Descubrir a morriña de Santiago e de Galicia"

A partir de aí, saíu fóra de Galicia aos 19 anos para formarse na Escola Superior de Hostalería de Artxanda (Bilbao), e posteriormente comezar a traballar en diferentes lugares ata que abriu A Tafona no 2009, o seu primeiro restaurante. Esta traxectoria serviulle “para descubrir a morriña de Santiago e de Galicia”. Fixo “un Camiño invertido”, aínda que sempre tivo claro “que quería voltar para traballar dende aquí”.

Xa en Santiago, comezou un tempo de “esforzo sen recursos, traballo, humildade, sen socios capitalistas…” ata acadar recoñecemento internacional. Desta forma, fóronse sucedendo un segundo posto no concurso nacional Cociñeiro do Ano (2016), unha estrela Michelin (2018) e dous soles (2019) para A Tafona. Ademais, en 2017 abriu os proxectos Tomiño, Taberna Galega en Nova York e Lume en Santiago. En 2020 lanzou a súa liña de xeados de autora, Cinza, e o seu servizo de comida a domicilio Misto. Na actualidade, asegura que leva por bandeira o “orgullo de ser embixadora de Santiago e de Galicia polo mundo adiante”.

Filosofía persoal

A pregoeira fixo fincapé tamén na súa filosofía persoal, que na parte culinaria se basea “na vangarda primaria: a orixe, a esencia e a memoria para crear vangarda, inmersión e investigación na tradición e o pasado para innovar. Eu cociño Galicia”. Ademais, isto complétase coa “miña faceta activista, querer axudar e pór grans de area para cambiar as cousas a nivel social”.

Deste activismo nace o seu proxecto Amas da terra, que busca poñer en valor “as mulleres invisibilizadas que son o sostén da gastronomía e do territorio: labregas, mariscadoras, horticultoras, cociñeiras de casas de comidas, gandeiras, produtoras, artesás…As facedoras, as coidadoras, as custodias dos saberes”.

Freitas tamén fixo fincapé na súa aposta pola promoción do comercio de proximidade e dun turismo sostible no que prime a calidade, ofrecendo tanto a visitantes como á veciñanza unha experiencia gastronómica que lles permita achegarse á nosa esencia.

"Comede a vida, comede Galicia e comede Santiago"

Lucía Freitas rematou o seu pregón cunha referencia a Rosalía de Castro, “a nosa galega universal que me acompaña no día a día” e finalmente animou a “picheleiras e picheleiros, visitantes e amigas” a desfrutar das festas do Apóstolo. “Comede ben. Comede a vida, comede Galicia e comede Santiago, a mellor cidade do mundo”, engadiu antes de que voltase á praza a foliada popular que amenizou a tarde dende as 20.30 horas. A xornada continúa na praza da Quintana co concerto da banda galega Dakidarría, que presenta o seu novo disco XX, mentres que na Alameda hai verbena amenizada pola orquestra Furia Joven.

Antes, a xornada incluíu actividades para público de todas as idades, comezando coa III Feira do Vestir de onte a hoxe na Praza da Quintana, con talleres infantís, demostracións de artesanía e fotocalls.

A Alameda de Santiago acolleu unha nova edición do tradicional Torneo de Chave, mentres que en San Martiño Pinario se celebrou o espectáculo Danza no Camiño, que contou cos espectáculos Diva (Italia), Nakama (Cataluña), Entre pasos y encuentros (España e Italia) e A raíz de (Galicia).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents