Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi proponse mercar un inmoble da praza de Mazarelos para destinar a alugueiro público

O concelleiro de Facenda levará ao Pleno do 31 de xullo o expediente de utilización de remanentes, que ascende a 6,7 millóns de euros

Boa parte do diñeiro xa se está a destinar o pagamento de facturas pendentes

O concello de Santiago proponse mercar un inmoble da praza de Mazarelos

Javier Rosende Novo

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O concelleiro de Facenda, Manuel César, informou este xoves no Pazo de Raxoi sobre o expediente de utilización de remanentes que levará ao Pleno extraordinario do 31 de xullo e para o que agarda “contar coa apoio maioritario do resto de forzas da Corporación local”. Trátase dun remanente cuxa contía ascende aos 6,7 millóns de euros e dos que un dos proxectos estrela é “a compra, se é posible, dunha casa na praza de Mazarelos”, o inmoble no que até hai uns anos había unha tenda e que forma parte do arco.

O Concello de Santiago pretende mercar o inmoble situado á esquerda do Arco de Mazarelos

O Concello de Santiago pretende mercar o inmoble situado á esquerda do Arco de Mazarelos / Alina Rodríguez

César explicou que este edificio é “singular e de interese público”, por formar parte da “única entrada histórica á cidade vella de Santiago que se mantén en pé”. Segundo o concelleiro, a adquisición deste inmoble por parte do Concello de Santiago sería unha operación encadrada “nas políticas de defensa pública de vivenda” do Goberno bipartito e “destinaríase a residencia de alugueiro”. “Unha das apostas deste expediente” que vai recibir unha das partidas “máis importantes” deses 6,7 millóns de remanente orzamentario de 2023.

Na súa intervención, o edil de Facenda destacou que o Executivo de Goretti Sanmartín fixo “un esforzo nas últimas semanas para pagar facturas pendentes”, incluídas nas OPA –obrigas pendentes de aplicar–. César destacou que se trata duns “remanentes responsables e realistas” que poñen o foco nas “necesidades urxentes e nas políticas de vivenda” e que o Goberno local vai tentar cubrir outras débedas do Concello. “Algunhas están xerando xuros”, explicou o concelleiro Manuel César para lembrar tamén que “a propia normativa obriga a empregar eses remantentes para cuestións extraordinarias e urxentes”.

Máis alá da adquisición do inmoble de Mazarelos, o remantente de 2023 tamén se empregará na construción de pasos de peón elevados, reparación de muros tradicionais e actuacións de drenaxe en puntos anegables da cidade, así coma o pintado de bancos e barandas do aparcadoiro de San Lázaro e a rexeneración asfáltica de zonas urbanas.

Parte deses 6,7 millóns de euros tamén irán destinados á limpeza das pasarelas sobre os ríos Sar e Sarela, amoblar a recentemente inaugurada Casa das Máquinas e executar actuacións de mellora da súa sonoridade, dotar o Centro Xove da Almáciga e tamén os CSC –Centros Socioculturais– do rural, en particular o da parroquia de Verdía. 

O Refuxio de Bando tamén será unha das entidades benificiarias deste remanente, unha achega de apoio ao centro que “normalmente conta con partidas deficitarias mentres as necesidades van en aumento”. O Goberno local contratará tamén, con cargo a este remanente, un estudo económico e técnico para a xestión do matadoiro municipal, así coma un convenio interadministrativo coa Cátedra da Auga da Universidade da Coruña –UdC–, “para realizar estudos sobre o ciclo integral da auga e a súa xestión futura”.

A liorta dos asesores

Durante a súa comparecencia de prensa no Pazo de Raxoi, o edil Manuel César explicou que dende o Goberno bipartito se agarda contar co apoio, no Pleno de 31 de xullo, do Grupo socialista, socio prioritario do Executivo de Sanmartín. Non tanto así co do Partido Popular. Sobre esta última formación o concelleiro de Facenda fixo referencia ás súas denuncias sobre o número de asesores e altos cargos do goberno así coma á esixencia de cese dos mesmo para empregar o diñeiro deses salarios en proxectos de turismo sostible. “O Goberno local conta con 13 persoas como persoal eventual e a oposición con 9, estes son os números, non sei cantas voltas máis lles podemos dar”, insitiu o edil.

 Manuel César tamén fixo referencia a que hai 5 direccións de área, unha máis que no mandato anterior e que “forman parte da estrutura do Concello”. A este respecto, o concelleiro insistiu en que Raxoi “ten que funcionar con secretario, interventores, tesoureiro” e puntualizou que “todo iso xa existía antes de chegar nós, non vexo onde está o incremento do número de asesores, a non ser que queiran que desmantelemos o Concello e o seu funcionamento”.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents