Novo proxecto de Raxoi: o edificio do Parque Comarcal de Bombeiros construirase en Amio
Razóns de seguridade viaria e de adaptabilidade ás necesidades do corpo de extinción de incendios descartan rehabilitar o inmoble situado en Salgueiriños
O custo desta nova obra está arredor dos 2,8 millóns de euros

Javier Rosende Novo

Os concelleiros de Urbanismo, Iago Lestegás, e de Mobilidade, Xan Duro, compareceron este luns en rolda de prensa para anunciar a aprobación inicial do Plan especial aplicable na área comprendida entre o Cruceiro da Coruña e Amio e onde se localizará o novo edificio que vai albergar o Parque Comarcal de Bombeiros de Santiago. Neste último caso foi o edil Xan Duro quen deu os detalles do proxecto co que traballa o Concello e as explicacións oportunas por descartarse a estrutura abandonada en Salgueiriños para darlle este uso. “Todos coñecedes as infraestruturas actuais, é bastante evidente que quedaron pequenas, relativamente obsoletas e a propia construción da cidade administrativa da Xunta cambiou as condicións da zona para prestar ese servizo”. Así comezaba a súa comparecencia Xan Duro, para aclarar que o que se precisa é “un parque de bombeiros pensado para o século XXI, que ten que reunir a máxima operatividade e funcionalidade e que supoña tamén un investimento asumible para o Concello”. Razóns éstas que son o argumento para tomar a decisión de “renunciar á estrutura de Salgueiriños, inicialmente pensada para este fin”. O custo do novo parque está cifrado en 2,8 millóns de euros, “similar á mellora da estrutura de Salgueiriños” e que pode asumir o Concello de Santiago.

Raxoi aprueba la construcción del parque comarcal de bomberos en Amio / Antonio Hernández
A construción do novo parque de bombeiros realizarase na zona 1 do plan de ordenación, na parcela municipal situada na Pulleira-Amio, colindante coa N-550 e co Cruceiro da Coruña. “Un edificio para o que contamos xa con anteproxecto”, explicou Xan Duro, que se centrou nesta boa localización tanto pola proximidade aos dous polígonos industriais da cidade, coma ao Ensanche ou á praza do Obradoiro, “o tempo de resposta estará entre os 3 e os 4 minutos e, ademais trátase dunha parcela coa suficiente superficie para posibles ampliacións”. Duro indicou que se poderán situar nos arredores edificios de servizos como Protección Civil ou a Policía Local.

Recreación do novo Parque Comarcal de Bombeiros na área da Pulleira-Amio / Concello
A descrición do edificio
Situado fronte ao edificio Castrosúa, o Parque Comarcal de Bombeiros contará cunha planta baixa e primeiro andar. “Ten como novidades os accesos de entrada para vehículos, tanto pola zona traseira coma no frente, un andar dimensionado para posibles ampliacións, con cabida para ata 20 vehículos –fronte aos 13 para os que tiña capacidade Salgueiriños–, “e concentra xa no baixo todos os elementos operativos, como poden ser as cargas e almacenamento de botellas, zona de EPI, almacén de elementos de limpeza ou intervencións en estradas”.
Un almacén pensado para material pesado con características moi específicas, zona de compartimentación de residuos, duchas e vestiarios e zona de limpeza do equipamento de intervención. Segundo explicou Xan Duro, o novo parque está pensado para albergar “até 100 bombeiros ou bombeiras” e contará cunha área reservada para o museo do servizo, “algo que a todo o corpo lle fai unha particular ilusión”.
O primeiro andar destinarase á zona administrativa, sala de xuntas, control de comunicacións e dormitorios.
Segundo indicou o concelleiro esta localización en Amio permitirá mellorar “de xeito moi salientable o espazo de prácticas” para o corpo de bombeiros que “ten un esquema de formación permanente e de actualización de coñecementos que necesitan un espazo importante para poder desenvolvelo con todos os vehículos e todos os elementos da súa práctica diaria. No novo espazo poderase manobrar con vehículos de máis de 28 metros".
Por que non en Salgueiriños?
O concelleiro Xan Duro explicou na súa comparecencia que “o proxecto da estrutura de Salgueiriños non reúne as condicións necesarias para un servizo que esixe a máxima operatividade e funcionalidade e ten bastantes eivas para acoller un servizo das dimensións que se prevé para o parque comarcal”.
A localización desta estrutura xera, segundo o novo proxecto, dificultades para saídas de emerxencia con axilidade. O edil indicou que non posúe “conexión apropiada cos polígonos industriais e a súa saída principal pola rúa Manuel María en dirección á avenida Cruceiro da Coruña coincide cun aparcamento de borde, con moitísima presenza de autobuses, e coa celebración todos os xoves dun mercado”. Na dirección oposta existe unha área residencial, “ten unha escola infantil a aproximadamente 400 metros, son rúas estreitas, moitas delas con redutores de velocidade” o que tería “unha incidencia moi importante na axilidade da resposta”. Duro puntualizou tamén que a explanada que rodea a estrutura “non ten as dimensións axeitadas para as manobras con vehículos e non permite facer prácticas, sería realmente inoperativo”. A torre coa que conta a estrutura contribúe a crear inseguridade viaria e cidadá nun servizo coma o dos bombeiros, posto que está situada a 2 metros dunha beirarrúa e 2,5 m. dunha calzada.
Xan Duro explicou que dende o Concello se está en conversas coas outras dúas administracións implicadas –Deputación da Coruña e Xunta de Galicia– e indicou que a comunicación “está moi avanzada e creo que chegaremos a un acordo a non tardar moito” pero tamén recalcou que o convenio supón cuestións xurídicas “complexas”. Preguntado por este asunto na súa comparecencia logo do Consello da Xunta, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, corroborou as palabras do edil compostelán. “Esta última semana tivemos unha reunión, a proposta do Concello de Santiago en vez de utilizar as instalacións de Salgueiriños é cambiar a localización, nin a Deputación nin a Xunta estamos en contra pero queremos manter o acordo que tiñamos co anterior alcalde e que nunca se chegou a asinar”. Un acordo que implica que a Administración autonómica e a provincial farán unha achega anual para gastos de mantemento e outra incial que “neste caso será para facer o parque novo”.
PLAN ESPECIAL DE 1989
ORDENACIÓN URBANA DE 685.000 m2
Aprobación inicial do Plan especial. A xunta de goberno local deulle onte luz verde á aprobación inicial do plan especial no sistema xeral SU4. Nesta aprobación inicial, que será definitiva cando se leve a Pleno no outono, establécense tres zonas edificables nunha superficie de máis de 685.000 m2 que abrangue a avenida de Asturias, a do Cruceiro da Coruña e Amio. Veñen agora por diante dous meses de exposición pública do proxecto e, unha vez obtidos os informes sectoriais preceptivos, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, prevé que se aprobe de forma definitiva antes de finalizar o ano.
Segundo o edil, trátase dun territorio pendente de organización dende 1989, xa previsto no plan xeral dese ano. En 1999 aprobouse inicialmente un plan especial para este ámbito, “pero quedou aí, non se continuou a tramitación”. O feito de que o Goberno bipartito asuma agora este reto é para Lestegás “a proba de que estamos a desbloquear cuestións pendentes dende hai moitos anos”. O concelleiro de Urbanismo explicou que se vai “graduar a edificabilidade”, de forma que se concentre sobre todo na zona norte para crear unha fachada urbana (na avenida do Cruceiro da Coruña) e deixando unha zona central “máis branda” que incluíra zona verde co obxectivo de “mellorar a calidade urbana” e de ofrecer un espazo de esparexemento ás persoas traballadoras do polígono. “Estamos incluíndo unha serie de condicións que se teñen que ter en conta cando se urbanice e que queremos que, a partir de agora, se inclúen en calquera proxecto de urbanización ou en calquera instrumento de planeamento que se aprobe”, declarou Lestegás.
O plan especial, na zona ocupada actualmente polo mercado de gando de Amio, mantén os usos que se veñen desenvolvendo na actualidade: mercados-abastecemento e sociocultural. Nas tres ordenanzas que require este plan especial permitirase calquera uso dotacional público que o Concello considere adecuado
Suscríbete para seguir leyendo
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles

