Entrevista | Carolina Rubirosa cantante, compositora e produtora do Grove
“Fago música brutalmente honesta, como cantaba Andrés Calamaro”

A música Carolina Rubirosa compón os seus temas a partir das inquedanzas que a chaman / Chema Ríos
Antía Suárez
Unha música tan versátil como prolífica, Carolina Rubirosa leva xa dende hai uns anos producindo a súa propia música e colleitando éxitos coma o Premio do Público a Mellor Videoclip no XX Festival de Cine de Cans con Contra la Pared. Esta cantante, compositora e produtora do Grove enche de música Galeras hoxe ás 21:00 horas, uníndose así ao cartel de estrelas que visitarán Compostela neste Apóstolo.
Hoxe toca no parque de Galeras pola noite, será a primeira vez que participa no cartel do Apóstolo?
Estou moi ilusionada por tocar na cidade de novo, xa que hai menos dun mes que actuamos na SGAE polo Día da Música en Compostela; pero esta sería a primeira vez que formo parte do cartel do Apóstolo coa banda que me acompaña esta noite, coa que comecei en 2019 teloneando a Loquillo. Na banda están Miguel Cabana á batería, Iria Iglesias aos teclados, Rafa Otero á guitarra e Rafa Morales ao baixo. Ademais, eu estudei o grao de Psicoloxía na Universidade de Santiago, e vivín na rúa de Morón, polo que sempre pasaba por Galeras para ir á facultade, así que é dobremente especial tocar nese espazo. Ademais, esta tamén vai ser a primeira vez que presente as miñas cancións e os meus proxectos á cidade.
Conta cunha discografía moi variada, que moitos describen incluso como ecléctica. Como definiría a súa identidade musical?
Esta é unha pregunta que sempre me custa bastante contestar, porque escoito moita música e creo temas moi distintos entre si, pero se teño que describir a miña identidade musical, sería: unha honestidade brutal, como cantaba Andrés Calamaro. É unha música moi honesta, moi de corazón, onde exploro e expreso as miñas inquedanzas e ademais, fóra das modas, case a poderíamos definir de atemporal, porque nunca me gustou perseguir as modas, prefiro explorar as inquedanzas que me chaman en cada momento, e son así en todo, nin persigo modas na roupa, nin na decoración.
E asumo que se diversas inquedanzas ae inspiran a facer temas moi diferentes, estes tamén son resultado de experimentar con diversos idiomas...
Se ben sinto que a música que máis me chama é a dos anos 60 e 70, sobre todo anglosaxoa, coido que teño cancións de moitos estilos, que ao final forman un repertorio moi colorido. E é certo, moitas veces, os meus temas tamén percorren camiños diferentes a partir do idioma no que os compoño. No meu repertorio pódense atopar cancións en castelán, galego, inglés, portugués e francés, e cada un ten a súa propia identidade. No concerto de hoxe, só levo temas en tres idiomas: principalmente en galego, algunhas cancións en castelán e unha ou dúas están en inglés.
E non só a música é variada, o público tamén...
É certo, ti nos meus concertos ves moitas crestas brancas pero tamén os netos,. Creo que é froito do que falaba antes, se estás tocando varios estilos e á xente lle sona diferente atrae, como o último disco que fixen Soldadeiras, que é moi diferente, porque mestura música electrónica e empreguei textos da lírica medieval. Ao ser un espectro amplo, conectas con máis xente. Ademais, agora que na industria estamos nos mercados dos sinxelos tamén se chega a un público máis variado e amplo, entón tamén é froito dos tempos que corren.
E que pode agardar un do concerto de hoxe?
Nos facemos unha música moi orgánica, todo o que escoitas provén do escenario. Será un concerto cun repertorio que se atreva a explorar e experimentar, cancións moi íntimas nas que falo da miña vida, sen filtros. E sen dúbida, o noso obxectivo vai ser buscar sacarlle un sorriso á xente, a través da música dunha autora curiosa que transita fóra do mainstream.
- III Feria de Antigüedades y coleccionismo, este sábado y domingo en el Outlet Área Central
- El restaurante de Santiago que ha enamorado a un conocido influencer gastronómico: 'Volveré, directo a mis favoritos
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Buscan unos figurantes muy especiales para una «gran producción de época» que pronto se rodará en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- Santiago abre las rebajas sin grandes colas y con tiendas cerradas por la huelga: «Ya no son lo que eran»

