Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSOE logra incluír as súas esixencias no reparto de remantes pero iso non implica “apoio integral”

Muíños afirma “quedan flocos por concretar” antes de votar a favor do goberno no Pleno do 31 de xullo

Castro, Rosón, Abal, Muíños, Guinarte e Álvarez en Raxoi

Castro, Rosón, Abal, Muíños, Guinarte e Álvarez en Raxoi / CEDIDA

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Os concelleiros do Partido Socialista no Pazo de Raxoi felicitábanse este sábado por conseguir incluír as súas esixencias no reparto de remanentes. Uns requirimentos que se referían a ampliar a cuberta do parque infantil da rúa Lisboa, ao asfaltado de diversas rúas de Conxo e A Rocha, ao retorno do Multixogos de Nadal e ao acondicionamento de dúas parcelas, en Quiroga Palacios e Ramón Cabanillas, para dar servizo a pais e nais do alumnado dos colexios próximos a esas rúas.

Así e todo a satisfacción do PSOE non é completa. Segundo explicaba o seu voceiro, Gonzalo Muíños, “quedan flocos por concretar para o noso apoio integral” á votación dese reparto de remanentes que terá lugar no Pleno do vindeiro 31 de xullo. Tamén a súa compañeira, Marta Abal, criticaba, precisamente en relación con esta data, que o Goberno municipal “vai moi tarde” o que limita as cuestións que se poden incluír nos remanentes e tamén que “a partir da súa aprobación terá menos de 6 meses para executar aquilo que se incorpore”. Ao respecto das propostas socialistas integradas neses remantentes, Abal considera que se trata de cuestións “asumibles no curto espazo de tempo que terá o goberno para executalos”. 

En canto aos “flocos pendentes” para que o Executivo de Goretti Sanmartín conte cos votos a favor do PSOE para aprobar os remantentes, Gonzalo Muíños explicaba que “o Goberno local deberá xustificar antes do mércores” –día do Pleno– a súa proposta, toda vez que, “non todo o que figura na súa proposta está debidamente motivado”.

Neste sentido, o PSOE referiuse principalmente ao inmoble que recentemente anunciou Raxoi que quere adquirir na praza de Mazarelos e veciño ao Arco. Os socialistas pregúntanse “cal é a motivación para mercar este edificio”.

A concelleira Marta Abal lembraba que o Arco de Mazarelos “xa é un ben propiedade do concello”, algo que “invalida a xustificación da singularidade da adquisición” a ollos dos concelleiros socialistas. Abal tamén salientaba que ao tratarse “dunha operación deste calibre”, pois cifran a compra do inmoble nuns 400.000 euros segundo os datos do PSOE, sería pertinente que os servizos de patrimonio e contratación do Concello “informasen favorablemente sobre a singularidade e o procedemento a seguir”.

Desta maneira, “sen documentación que motive a compra, o Concello debera recorrer á contratación pública para adquirir unha vivenda coas condicións que determinasen os pregos que rexesen ese contrato”. “Se o que se quere é destinar este edificio ao alugueiro social, hai outros inmobles con maiores volumes para garantir unha oferta maior” argumentaba, que tamén facía referencia á posta en marcha durante o mandato socialista do Rexistro de Soares. “Actualmente hai varios inmobles que poderían ser adquiridos polo Concello, unha situación que aforraría recursos públicos e que melloraría as condicións para os intereses da administración local” defendeu.

Ao respecto do inmoble da praza de Mazarelos, o Goberno local insiste en lembrar que todas as propostas incluídas nos remanentes “están debidamente informadas”, tal e como esixe a normativa dos mesmos. Unha documentación que debe concretar o inmoble de que se trate, entre outros aspectos, e apuntan ademais a necesidade de ter en conta que a norma “obriga a executar” esas accións no ano en curso. 

Por iso, a importancia que Raxoi lle concede a que “a casa está á venda”, polo que se pode informar nos remanentes con exactitude das condicións para a adquisión e executarse a compra neste 2024.

Tracking Pixel Contents