Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago Urban Fest: un espazo para a música e o baile que aposta pola diversidade de voces

O festival celebra a súa primeira edición na praza Roxa cun cartel de 8 horas

Santiago Urban fest

Alina Rodriguez

Antía Suárez

Santiago

A praza Roxa sempre foi un punto de encontro para os amantes da cultura urbana en Compostela, e onte converteuse no escenario da primeira edición de Santiago Urban Fest, un festival que recolle as novas voces da cultura urbana galega. O evento, organizado por Gallos del Norte coa colaboración do Concello de Santiago, decidiu atreverse cos novos artistas galegos e avogou pola diversidade e polifonía de voces no seu cartel, que contou con 30 participantes, entre eles músicos, bailaríns e djs.

Álvaro Pumares dirixe esta plataforma, que é a primeira galega e autonómica de freestyle. Ao ser eles os que organizaron o festival, explicaron que “queríamos facer un festi con nomes menos coñecidos de toda Galicia, e tamén quixemos darlle voz a todo tipo de persoas e experiencias, ser un festival cun cartel moi diverso”.

O Urban Fest de Santiago

O Urban Fest de Santiago / Alina Rodríguez

De feito, como expresou, no cartel víronse representados tanto artistas masculinos coma femininos, e destacaron que tiveran o pracer de contar con Rei DJ, un rapaz con síndrome de Down que leva 7 anos pinchando. Pumares engade que para eles era moito máis sinxelo “contactar os rapeiros que aparecen en todos os carteis e facer un evento de tres horas, pero vimos unha oportunidade de darlle unha plataforma á xente que está comezando, con actuacións de 15 minutos”. Así mesmo, tamén incluíron un show para visibilidar os talleres sociais impartidos pola plataforma, durante o ecuador do evento.

A encargada de abrir o festival foi Lidia Chao, unha música de Lugo que ensaia no Centro Xove da Almáciga de Compostela. Ela conta que lle sorprendeu moito que a contactaran para o cartel, e como ela moitos outros artistas, que se mostraron emocionados con coñecer a xente dentro da cultura urbana en Galicia. Se ben “era moi cedo e había pouca xente” explicou Lidia, foi moi gratificante que a maioría dos músicos do cartel se achegaran ao recinto dende primeira hora para apoiar os seus compañeiros e descubrir novos artistas.

Tres rapazas que bailaron freestyle (Kesty, Noe e Pahdat) contra o final da sesión de tarde, tamén puxeron o foco en que a falta dunha sombra para protexerse do sol, que animaría a máis xente a escoitar o festival, o evento axudáraas a facer comunidade con outros artistas.

Tracking Pixel Contents