FESTIVAIS 2024
Revenidas Miúdo: un festival para nenos que aposta pola música en galego
Unha xornada enteira de concertos, obradoiros, maxia títeres e xogos ao que asistiron case 4.000 persoas, onde a estrela do cartel, Uxía Lambona e a Banda Monola encheron o recinto de nenos festivaleiros
As familias que asistiron ao Miúdo destacan o importante que é ter eventos así de balde

Nenos gozando dos concertos malia o sol e a calor que fixo onte / Alina Rodríguez
Antía Suárez
Existen moitos eventos musicais que son para adultos e que teñen espazos para nenos, pero o Revenidas Miúdo é un festival para nenos con algún que outro lugar para os adultos. E onte, domingo 28 de xullo, celebrouse a segunda edición do Miúdo no Monte do Gozo, sendo unha experiencia soleada e calorosa, chea de artistas, maxia e xogos. Este evento organizado por Revenidas e patrocinado por Turismo de Galicia, Política Lingüística e Deleite, coa colaboración do Albergue Monte do Gozo, encheuse de familias de toda Galicia, onde moitos agardaron e gozaron do concerto de Uxía Lambona, que foi a gran estrela do programa.

Antía Suárez/Alina Rodriguez
Este ano, entre as diversas novidades que presentou o festexo, Alfonso Vilanova da organización do Revenidas, destacou que o recinto crecera considerablemente. “Nesta edición, non só se ampliaron o recinto, contando con tres escenarios este ano, se non que instalamos máis zonas e engadimos tres actuacións a maiores, contando así con espectáculos de maxia e monicreques”, apuntou Vilanova. Isto foi algo do que os asistentes se queixaran na primeira edición, xa que por exemplo, Bárbara, unha muller que asistía co seu fillo ao festival por segunda vez, explicou que “o ano pasado houbo problemas para conseguir comida, foi todo un caos, era como se non estiveran preparados para a cantidade de xente que asistiu ao festival”.
O evento, como aclararon os seus organizadores, tivo unha asistencia entre 3.000 e 4.000 persoas, superando a do ano pasado. Esta iniciativa naceu cun espírito de romaría diúrna de carácter familiar, na que o Revenidas viu un oco no mercado de festivais, que definen como “moi colapsado”, e aproveitaron a oportunidade. Malia o número alto de asistentes, a maioría das familias que foron este ano ao festival destacaron a importancia de que este festexo continúe sendo de balde. Laura Grandel e Jose Francisco Cevallos comentaron que “non só é unha gran oportunidade para que os nenos gocen de actividades ao aire libre, se non que ademais fan un gran labor por crear espazos onde se pon en valor a cultura galega e o idioma”, mentres as súas nenas se emocionaban pola música e xogaban cos seus globos.
Así mesmo, de Deleite, Pedro González explicou que eles levan dende fai anos no mundo da cultura para público infantil, xa que patrocinaron este ano ano o disco de Xabier Díaz de Arrolos de leite, que foi unha das actuacións do festival.
Antes de xantar: punk e maxia
A xornada comezou ás 12 da mañá, co Concerto Punkinfantil, no escenario Deleite, que era o principal do recinto. Ante un sol abrasador, os artistas de música galega Brais das Hortas e Peter Punk cativaron a atención dos nenos, que choutaban diante do escenario a ritmo da música punk. Unha das nais que se atopaba no recinto, Ariadna García, expresou que “aínda que viñamos porque somos fans de A Gramola Gominola e Pakolas, cando chegamos ao Concerto Punkinfantil, o pequeno emocionouse todo”.

Brais das Hortas e Peter Punk no Concerto Punkinfantil / Alina Rodríguez
Máis tarde, comezou o Mago Noel con Que Curiosa! no segundo escenario Xunta - Xacobeo Galicia ás 13:20, un espectáculo de maxia moi participativo, colorido e divertido, no que combinou diversas disciplinas circenses e teatrais co gallo de amosar que a prestidixitación, os malabares, o humor, a música e a poesía crean, por si mesmas, un espazo de comunicación xenuíno entre o mago e o público. Ao mesmo tempo, no espazo bebé, Bea Campos narrou varios contos infantís para os máis pequerrechos.
Máis tarde, no escenario principal, actuou Ollo Piollo, un grupo de músicos e animadores profesionais que fixeron bailar a todo o público dende hip hop ata country, pasando por reguetón e bosanova, unha mestura que mantivo a atención de todos.
Antes do xantar, e pode que tras o descanso de outros, ás 15:30 horas deron un concerto Pakolas e Laura Romero, sendo dos artistas máis agardados do cartel. No seu show, presentaron Cores, Contos e Rock coa Ramona pequena, un espectáculo onde a interacción entre nenas e nenos, a súa música acompañada de relatos e historias, e os debuxos en vivo de Romero foron o principal atractivo para o público. Esta proposta multidisciplinar creou así un escenario no que non só se puido gozar da música, senón tamén do debuxo, “un espectáculo para todos os sentidos”, apuntou a organización. E tras esta actuación, o festexo abriu un espazo de xogos populares. Esta non era a única actividadeparalela que houbo no festival, que contou con diversos obradoiros e un mercado creativo.
A estrela do cartel: Uxía Lambona
Dende a primeira hora da tarde, a maioría de nenos agardaban con entusiasmo a actuación de Uxía Lambona, e incluso Alfonso Vilanova expresou a primeira hora da mañá que “esperamos que o maior número de familias cheguen para as actuacións da tarde, en especial a de Lambona”, e o show non defraudou. O concerto foi ás 17 horas no escenario principal, onde o grupo recolleu os clásicos populares galegos, dándolles un estilo ska e reggae, cun repertorio como A Carolina rapeada ou O Jato versión rockeira.
Media hora antes, no espazo bebé Xabier Díaz interpretou Arrolos de Leite; e ás 18:30 comezou Títeres Alakran, onde Borja Insua fixo un espectáculo de monicreques cunha estética única. A esa mesma hora, tamén actuou Cé Orquestra Pantasma, no que César Freira fixo un concerto no escenario Xunta.
Por último, o festival pechou coa actuación de A Gramola Gominola ás 19:20, outra das cabezas de cartel, que se despediu desta edición do Miúdo cun concerto de rock&roll onde presentaron As que máis molan da Gramola, con temas coma He ho let’s go ou Carmela, non hai coma ela!.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”
- Uno de los accesos clave a Santiago estará cortado al tráfico este miércoles por las obras de la senda Milladoiro-Intermodal
- El precio de la gasolina se desboca en Santiago y rompe la barrera de los 2 euros el litro

