Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Queda deserto o concurso para redactar o proxecto de naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia

A xunta de goberno debe licitar de novo esta actuación subvencionada pola Fundación Biodiversidad

Adxudican as obras de pavimentación de Pedrido por 171.839 euros

A redacción do proxecto para a naturalización da lagoa do Auditorio volver licitarse

A redacción do proxecto para a naturalización da lagoa do Auditorio volver licitarse / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, deu conta na mañá do luns dos asuntos aprobados na xunta de goberno local, cuestións entre as que se atopa a declaración de “deserto” o servizo de redacción do proxecto e dirección factultativa “Naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia e restauración fluvial do río Corgo”. Esta declaración deriva de que non presentase oferta ningunha empresa e obriga a volver a licitalo. 

Durante a súa intervención no Pazo de Raxoi a concelleira referiuse a que o Goberno local teme que a ausencia de concursantes poida derivar das esixencias da Fundación Biodiversidad –dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica–, entidade que subvenciona o proxecto con 3,2 millóns de euros, dos que 100.000 se destinarán a esta redacción. Na nova licitación, segundo se desprende das palabras da edil, flexibilizaranse as condicións. 

A naturalización da lagoa do auditorio e mais do río Corgo integran o proxecto ‘Entre Sar e Sarela’ e no caso desta actuación requírese, ademais, a posta en valor das áreas verdes próximas, coma os xardíns do Auditorio, a Finca de Lois ou o parque das Nacións. O obxectivo é levar a cabo a reparación do vaso da lagoa, así como mellorar a súa impermeabilización e eliminar os sedimentos acumulados, ademais de colocar illas flotantes vexetais. 

A iluminación será outra das cuestións a tratar na procura de que se manteña en equilibrio coa protección da biodiversidade.

Obras de pavimentación

Entre os asuntos tratados na xunta de goberno cómpre destacar a adxudicación do contrato para a execución das obras de pavimentación do núcleo de Pedrido, en Villestro. Unha actuación incluída no POS+ 2023 da Deputación da Coruña que conta cun orzamento de 171.839 euros e foi adxudicado a Alcomte Galicia S.L, que ten o prazo de 6 meses para executar a obra.

A concelleira Míriam Louzao referiuse a esta obra como “moi necesaria, que pon en valor un núcleo tradicional polo que ademais pasa o Camiño de Santiago cara a Fisterra”.

En materia de obras tamén se aprobou a actualización do proxecto construtivo de pavimentación dos lugares Bar de Arriba e Bar de Abaixo, ademais da rúa dos Asidros. O orzamento co que conta esta actuación é de 266.497 euros e o prazo de execución de 6 meses.

A xunta de goberno requiriulle á Concellaría de Economía a disposición de financiamento complementario por valor de 53.779 euros, así coma o incremento dos custos da dirección facultativa, da coordinación de seguridade e do control de calidade das obras por un importe de 3.388 euros. Así mesmo o Concello tamén se compromete a incluír no orzamento municipal os fondos necesarios “para facer fronte como achega municipal o incremento do investimento incluído no POS+ 2023 por un importe de 53.779 euros”.

Tracking Pixel Contents