Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Concello abre o período de inscrición no Espazo María Miramontes o 26 de agosto

Poderase solicitar praza ata o 4 de setembro e comezará a funcionar o día 30 dese mes

A concelleira Míriam Louza durante a rolda de prensa deste luns

A concelleira Míriam Louza durante a rolda de prensa deste luns / ECG

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

As familias interesadas en obter unha praza no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes poderán facer a solicitude entre o 26 de agosto e o 4 de setembro. As actividades da Ludoteca comezarán o 30 dese mesmo mes. Así o deu a coñecer este luns a concelleira Míriam Louzao en rolda de prensa tras a Xunta de Goberno local na que se deu luz verde ao procedemento de alta e prazos de solicitude de praza e gratuidade da Ludoteca das Fontiñas para o curso 2024-2025.

As persoas que desexen participar deben darse de alta a través dun formulario dispoñible na sede electrónica do Concello onde se indica a documentación que hai que presentar e que é diferente segundo as circunstancias de cada familia. 

O procedemento está aberto durante todo o ano. Pode realizarse tanto presencialmente, no Rexistro Xeral do Concello, como electronicamente. Como novidade, Louzao mencionou que o centro non tramitará altas nos períodos de solicitudes de praza, “polo que convidamos a todas as familias a que se dean de alta canto antes para poder ter todo en orde nos prazos nos que se solicitan os VacaLudos”.

O centro dispón dun total de 73 prazas, das que 20 son para crianzas de 2 a 3 anos; 30 son para nenos e nenas de entre 4 e 6 anos, e as 32 restantes van destinadas a menores de entre 7 e 12 anos. Como requerimento para optar a unha destas prazas, as crianzas teñen que estar empadroadas en Santiago ou ben matriculadas nun centro de ensino compostelán.

Diferénciase o periodo lectivo e o non lectivo (VacaLudos). Dentro do lectivo hai catro modalidades: as tardes con cada quenda por idade; as mañás dos venres “destinadas a actividades programadas cos centros educativos”, os sábados con actividades programadas e os sábados temáticos con aforo limitado.

Tamén se aprobaron os prazos de todas as solicitudes dos VacaLudos. Deste xeito, para VacaLudos Nadal o prazo será do 28 de outubro ao 3 de novembro; para VacaLudos Entroido, do 2 de xaneiro de 2025 ao 8 de xaneiro; para VacaLudos Semana Santa, do 3 ao 9 de febreiro e VacaLudos Verán do 21 ao 27 de abril.

Esta Ludoteca, xestionada pola Escola de tempo libre e animación sociocultural Don Bosco, pretende ser un recurso para facilitar a conciliación. En palabras de Louzao, “o servizo é prioritario para as familias que traballan durante o horario das actividades, polo que pedimos que acrediten esta circunstancia mediante un certificado laboral”.

Nesta mesma sesión da Xunta de Goberno tamén se tomou coñecemento da sinatura do convenio de colaboración entre a asociación para a promoción social e inserción sociolaboral Plataforma polo Emprego e o Concello de Santiago para o ano 2024, que recolle unha achega municipal de 12.000 euros.

Así mesmo, deuse luz verde a tres licenzas particulares: unha para unha obra de acondicionamento dunha vivenda, na rúa de Pitelos, e dúas para arranxo de fachadas en edificios situados na rúa de Arzúa e na avenida Romero Donallo.

Tracking Pixel Contents