Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Brais Lorenzo: “A mostra busca concienciar de que o rural é o natural e o artificial son as cidades”

Santiago

Formado en Fotografía e Xeografía e Historia, este fotoxornalista e documentalista centrou o seu punto de mira nas montañas de Ourense e Lugo, onde se perdeu o 70% da poboación nos últimos 60 anos. Este fenómeno demográfico foi o que deu lugar ao proxecto Habitar o baleiro, que atende a temáticas sociais e medioambientais. A exposición atópase agora no Museo do Pobo Galego ata o 1 de setembro.

De que trata a mostra itinerante no Museo do Pobo Galego Habitar o baleiro?

Esta exposición é a primeira parada dun proxecto xornalístico moito máis amplo. Digamos que a obra ten diversas patas, e a exposición e unha das primeiras, onde se aglutinan diferentes formatos, como textos xornalísticos e audios –que atribúen a este traballo desa característica inmersiva que se lle da en diversas definicións– nos que se poden escoitar as voces dos protagonistas e o son ambiente que quere levar ao espectador a eses lugares onde foron tomadas esas imaxes. Por último, dentro da exposición, tamén hai unha pequena peza de vídeo que se proxecta, que é unha antesala do que queremos facer: unha peza documental, que será a parte final do traballo. Xunto con todo isto, tamén contamos cun repositorio web, no que imos a ir traballando nos próximos tempos e onde iremos publicando pezas xornalísticas.

Entón, isto é un proxecto que aínda non está rematado.

A nos gústanos pensar que esta obra ten vida propia. Despois de 10 anos de traballo de recompilación histórica, algo que comezou coma un interese meu, rematou converténdose neste proxecto, onde foron incorporándose e deixando o equipo profesionais de todo tipo. Foi tomando forma cos anos e que seguirá evolucionando. Mesmo a exposición vai cambiando a medida que vai avanzando o proceso, porque nos adaptamos aos espazos ou lugares onde se vai a inaugurar. Por exemplo, agora esta exposición abandona o Museo do Pobo Galego o 1 de setembro, e vai para Ourense, onde adaptaremos a mostra á provincia.

Visita guiada co equipo da obra este mércores

Mércores 21 ás 18:00 horas. O Museo do Pobo Galego ofrece este mércores unha visita guiada á mostra de Habitar o baleiro con dúas persoas do equipo, Brais Lorenzo e Claudia Morán, coordinadora da mostra e dos textos. Na experiencia, Morán explicará o aspecto da recollida de información, proceso no que ela estivo presente, e Lorenzo centrarase máis no proceso creativo ao redor da imaxe, de como se foi realizando o proxecto e como foi evolucionando. Esta explicación dual dos diferentes aspectos do proceso, representa a mestura de disciplinas que se poden apreciar na obra. Esta será a segunda visita guiada que ofreza o equipo, e Lorenzo apunta que foi unha exposición que “ten unha propia evolución”. “Nos queremos que a xente marche da experiencia cun bo sabor de boca” aclara Lorenzo, xa que a historia que contan é unha esperanzadora que transición do frío ao cálido.

Cal diría que é o significado da totalidade do proxecto?

Éunha obra que recolle un modo de vida que está desaparecendo en Galicia, xunto eses gromos verdes que se meten no rural, para dar unha perspectiva máis positiva. É a mestura de luces e sombras do rural galego, onde tamén se ilustra o arraigo cultural, as tradicións, o medioambiente e os ritos –coma romarías, ou entroidos–; en definitiva, certas cuestións que están asociadas ao mundo rural e que moitas delas están a piques de desaparecer. Isto é un proceso moi laborioso, Galicia é moi ampla e ao final hai que facer moitos quilómetros para ir ata esas zonas. E non só iso, tamén é un traballo que require mimo e paciencia, que che pide moito repouso, crear vínculos coa xente, e incluso diría de amizade e gañar a súa confianza. Ao final, é un proxecto de inmersión nas historias e nos lugares. Pero tamén é unha forma de recoller todas estas vivencias e cultura, que nuns anos poden desaparecer.

Despois de tantos anos traballando neste proxecto, que elementos positivos e negativos sacarías da experiencia?

Por sinalar algo negativo, este tipo de traballos é complicado a nivel financiamento. É moi importante ter en conta que todas as persoas dentro deste proxecto –eu incluído– teñen o seu traballo a parte desta obra. A min a este proxecto gustaríame dedicarlle o 100% do meu tempo, pero agora non é posible, non temos unha financiación que nolo permita. Polo resto, é todo positivo. Para nós, e falando a nivel particular, este tipo de proxectos sempre xorden dunha cuestión egoísta de querer comprender o mundo e querer coñecer as tradicións.

E que experiencias destacaría da súa viaxe?

Pois, antonte estiven en Piornedo coa xente marabillosa da asociación de Teitos de Piornedo, que loitan por preservar as pallozas, xa que teñen un interese cultural. E estiveron facendo a mallega, e a min emocionábame estar nese momento coa xente do pobo. É encomendable como, a pesares de que cada vez son menos, como seguen a plantar o centeo para esta actividade. E despois claro, chegas por alí, e recíbenche como se xa che coñeceran, sabían o meu nome e invitáronme a comer.Eu boteilles unha man, para aprender como era o proceso. Polo que me contaron, recuperaran esta tradición en 2019, porque as pallozas estaban cada vez máis deterioradas e non reciben case axudas públicas. Seguramente rematen como moitas outras, con lata por riba para evitar máis deterioro, mais este pobo aínda está pelexando por evitalo. Ao final do día, é un privilexio poder coñecer a tanta xente e tantas historias, e que moitos deles che permitan compartir o seu día a día. É un traballo fermoso, aínda que a veces retrates persoas, e cando voltas ao lugar, xa faleceron.

Dentro destas persoas e historias, algunha vez atopouse con algunha situación que rompera as súas ideas preconcebidas no asunto?

Si, por suposto, cando un fai xornalismo o bonito é intentar comprender, empatizar e ir coa mente aberta. Aínda así, por exemplo, cando traballamos na zona de Muras –o epicentro da enerxía eólica en Galicia e o concello con máis aeroxeneradores por cabeza– ti vas, nun principio, coa idea de que “pobriños, metéronlle toda esta historia aquí”. Pero cando te somerxes nas súas historias, comezas a comprender que esta xente está contenta coa situación. Por un lado, cando chegaron as empresas alí, non lles deron case opción: ou vender ou expropiar, a ao final moitos deles están contentos coa situación actual. E por outro, para eles esta é unha fonte de ingresos mensual, e aínda que fai ruído, é unha tipo de industria que lles da para vivir. Ao final, é unha empresa que lles está arrendando os espazos, e están contentos. E coma en todas noticias hai matices, has máis descontento nas persoas que venderon en vez de arrendar as terras. O xornalismo, non é nada máis que iso, ir, ver, sentir e transmitir. Unha situación pode parecer unha cousa dende fora, que ao final non coincide coa realidade .

Sacou algunha conclusión deste traballo?

Aínda que o máis bonito deste traballo é a experiencia, a imaxe final é o que chega ao espectador. Nos con este proxecto queremos concienciar dunha problemática de que o rural é o natural e o artificial son as cidades, que este é un modelo insostible e que hai outro tipo de modelo e de vivir que está esmorecendo cos últimos labregos e campesiños.

Cal é o futuro deste proxecto?

O proxecto terá unha traca final que será o documental. Este proxecto está construído con todas as pezas xornalísticas e todas as persoas que imos atopando no camiño, e a partir diso, creamos unha base de datos. A peza documental atópase polo momento no proceso de preproducción, coa escritura do guión. Porque ao final, temos un montón de historias e temas, polo que temos que traballar con esa base de datos –por exemplo, analizando que perfís son máis interesantes– e procurar esa engranaxe que active todo o relato. Isto é un proxecto 360, pero que todo se vaia nutrindo. Ao final, seguimos recollendo historias e xente, polo que é complexo marcar un punto e final, pero creo que xa estamos fiando cara unha resolución do argumento, e planeamos comezar a gravar a finais deste ano e comezos do que ven.

Será co mesmo equipo que lle acompañou ata agora?

Aínda que eu sexa a cabeza máis visible de Habitar o baleiro e o que está dende o comezo, o proxecto empezámolo Javier Fraile e eu, pero ao final, por temas de conciliación familiar e laboral, el tivo que baixarse do proxecto. Pero o noso equipo sempre está en constante evolución, cada persoa chega ata onde pode. O certo é que o proxecto cada vez vai sumando máis forza, e polo tanto tivemos que incluír novos profesionais con diversas habilidades e especialidades.

Tracking Pixel Contents