Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tempo de facer realidade a Compostela que soñou Ánxel Casal

O salón vermello do Pazo de Raxoi acolleu a homenaxe de Santiago, Teo e Arzúa ao exalcalde fusilado en 1936

Foto de familia na homenaxe a Ánxel Casal no salón vermello do Pazo de Raxoi

Foto de familia na homenaxe a Ánxel Casal no salón vermello do Pazo de Raxoi / Alina Rodríguez

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

“É tempo de facer realidade as ideas e os soños de Ánxel Casal, queremos construír chanzo a chanzo a Compostela de Casal, unha Compostela culta, pensada para as persoas, cos mellores servizos e exercendo como capital de Galicia para o mundo, con orgullo, con fachenda, con identidade”. Desta maneira pronunciábase a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na homenaxe que a Corporación local lle dedicou ao editor e exalcalde santiagués, Ánxel Casal, no día no que aparecía en Cacheiras o seu corpo sen vida, hai 88 anos. 

O acto, no que participaron o concelleiro de Servizos sociais e Relacións veciñais de TeoJuan Jesús Cerqueiro– e o alcalde de ArzúaXoán Xesús Carril–, tivo lugar no salón vermello do Pazo de Raxoi, que preside un retrato do propio Casal. Sobre a significación do edificio na vida do exalcalde falou tamén Sanmartín, facendo referencia a que xa era a sede do Concello de Santiago cando o rexedor foi Ánxel Casal, mais tamén foi cárcere logo do Golpe de Estado franquista: A Falcona, nos baixos do propio inmoble e onde Casal estivo detido xunto a, entre outros, o artista Camilo Díaz Baliño –pai do galeguista Isaac Díaz Pardo–, e de onde saíu para ser fusilado

A Ánxel Casal, a Díaz Baliño, pero tamén á compañeira do exalcalde María Miramontes, a Alexandre Bóveda, a Virxinia Pereira ou a Alfonso Daniel R. Castelao fixo referencia tamén a rexedora compostelá proclamando que “as súas voces, silenciadas onte, hoxe resoan” ao tempo que reivindicaba a necesidade de “resignificar a historia no presente poñendo en perspectiva o vivido no pasado”. Unha palabra, memoria, que tamén puxeron en valor o alcalde arzuán e o edil teense nos seus discursos. 

Xosé Carril, rexedor de Arzúa, terra familiar de Ánxel Casal e onde se refuxiou no inicio da Guerra Civil española, defendeu a necesidade de actos coma o celebrado este luns “para todas as persoas que cremos firmemente na forza da cutlura, das ideas e da política para construír unha sociedade máis xusta e libre”. Carril recalcou que para as persoas que defenden este ideario “Ánxel Casal é un faro” e que o seu “exemplo vital acompáñanos día a día no noso labor municipal”.

Carril quixo poñer en valor que o traballo do editor e alcalde de Compostela en 1936 logrou crear “espazos de liberdade en tempos de escuridade e a súa traxectoria vital e política é un recordatorio constante de que a cultura foi un acto de resistencia nun tempo no que as ideas eran consideradas perigosas”. O alcalde de Arzúa destacou a figura de Casal coma “un loitador incansable pola liberdade defensor dos dereitos humanos e firme crente no poder transformador da educación”, pero tamén quixo poñer o foco en que o “seu asasinato foi un intento de silenciar todo o que representaba”, mais “a historia demostrou que o que el plantou non foi en balde, somos herdeiros do seu legado, temos a responsabilidade de continuar co traballo que el comezou. Honrar a Ánxel Casal non é só recordalo unha vez ao ano, tamén é defender os valores polos que el deu a vida”.

" A traxectoria vital e política de Ánxel Casal é un recordatorio constante de que a cultura foi un acto de resistencia nun tempo no que as ideas eran consideradas perigosas”

Xoán Xesús Carril

— Alcalde de Arzúa

O rexedor arzuán fixo tamén referencia ás palabras previamente pronunciadas no salón vermello polo concelleiro teense Juan Jesús Cerqueiro. “Ánxel Casal é símbolo de resistencia, de amor a Galicia e de compromiso coa nosa lingua e coa nosa cultura, porque como ben expresou o concelleiro de Teo, Casal foi pioneiro, comprometido coa importancia de defender a identidade e a cultura propias”.

A ofrenda floral desenvolvida en Cacheiras, Teo, este luns

A ofrenda floral desenvolvida en Cacheiras, Teo, este luns / Jesús Prieto

Homenaxe "sen bandos"

Pero máis alá desta referencia destacada por Xoán Xesús Carril, Cequeiro centrou o seu discurso na necesidade de “homenaxear a todas as vítimas, a todas esas persoas asasinadas por verdugos que non respectaban as distintas maneiras de pensar”, nunha clara alusión non só á vilencia desatada tras o Golpe de Estado franquista, senón tamén á derivada de actos terroristas. “A violencia non leva a ningunha meta, non é o camiño, e digo isto na cidade onde se unen todos os pobos do mundo, Compostela, sinónimo de entendemento e de conexión da humanidade, aquí e agora condeno calquera tipo de falta de respecto pola vida”, defendeu Cerqueiro.

O concelleiro teense, tamén presente na ofrenda floral realizada polas corporacións de Teo e de Santiago no lugar no que apareceu Casal fusilado o 19 de agosto de 1936, puxo énfase en aprender a vivir sen mirar ao pasado e “creando futuro”. “Temos que berrar libremente non máis vítimas da infamia, non poden existir os bandos cando falamos de terroristas, que sirvan as miñas palabras a todas as vítimas da Guerra Civil española”, secundou.

Ofrenda floral en Teo como tributo a “todas” as vítimas

··· O Concello de Teo tamén celebrou este luns o acto oficial de homenaxe a Ánxel Casal e ao resto de vítimas da Guerra Civil española, cunha sentida ofrenda floral no monólito situado na praza da Estivada da Ribeira, en Cacheiras. O acto coincide co mesmo día en que foi atopado o corpo sen vida de Ánxel Casal, no ano 1936.

··· A homenaxe consistiu na representación de varias pezas musicais interpretadas por gaiteiros locais, seguida dunha ofrenda floral e dun minuto de silencio en respecto “a todas as vítimas que tomaron parte na Guerra Civil española”, segundo a administración local.

··· No acto participaron diversos concelleiros do Goberno local, así como representantes do resto da Corporación municipal de Teo. Tamén fixeron parte na ofrenda varios concelleiros do Concello de Santiago de Compostela, ademais de membros da asociación teense A Oliveira, que está dedicada á recuperación da memoria histórica. 

Tracking Pixel Contents