Medra a preocupación ante as tentativas de roubo en cinco templos do rural compostelán
Ao incidente na igrexa de Laraño sumouse onte o de Figueiras, onde trataron de subtraer o Sagrario
En Marrozos profanaron o Santísimo na noite do 15 de agosto

Na noite do martes houbo unha tentativa de roubo no templo de Santa María de Figueiras / Jesús Prieto

O 15 de agosto é unha data destacada en toda en Galicia, pois son numerosos os lugares que festexan a Asunción de María. E desta celebración non queda libre Santiago, onde a pasada fin de semana houbo misas e verbenas no Sar, en Marrozos e máis en Figueiras, pero nestas dúas últimas parroquias do rural compostelán a festa non rematou ben, pois en ambos os casos as entradas dos templos foron forzadas. Acontecía tamén, como informou EL CORREO GALLEGO, na igrexa de San Martiño de Laraño, onde os intrusos non conseguiron acceder ao interior do fano.
O templo que saíu peor parado foi a igrexa parroquial de Santa María de Marrozos. Alí, na noite do 15 ao 16 de agosto alguén forzou as portas e segundo puido saber este diario “levaron un limosnario, con moi pouca recadación, remexérono todo e profanaron o Santísimo”. Quen así fala é o sancristán da parroquia, que explica que as persoas que entraron na igrexa “abriron o sagrario, quitaron o Copón, aínda que non o roubaron, e levaron ou consumiron a sagrada forma”.
En canto se descubriu a desfeita foi avisada a Policía Nacional e no lugar persoáronse tamén axentes científicos para recoller pegadas que puideran quedar nos accesos e en todo aquilo que os intrusos tocaran. Da mesma maneira procedeuse este mércores na igrexa de Santa María de Figueiras, que estivo en festas os días 15, 16 e 17. “Cando chegou o sancristán pola mañá, contra as dez, como fai sempre de rutina dá unha volta arredor da igrexa e atopou que estaba a porta forzada”, explica o párroco Miguel López Varela.
O sacerdote refire que de inmediato se puxo a situación en coñecemento da policía, que procedeu tamén a buscar “pegadas e ADN na porta”. Segundo relata López Varela “os estragos que fixeron foron forzar a entrada e intentar subtraer o Sagrario, pero non foron quen de facelo porque quedou atascado, atrancado” na entrada da igrexa. Neste caso os intrusos romperon a porta de madeira pero non conseguiron abrila por completo, xa que conta en cada unha das follas cunha tranca de ferro.
A falta de que na parroquia puideran facer un inventario máis exhaustivo, o párroco afirma que “aparentemente non falta nada, simplemente tentaron levar o sagrario pero a porta quedou como vencida cara a dentro e o Sagrario deixárono ao pé da porta, xusto encastrado entre as dúas follas”.
Miguel López explica que o elemento que tentaron roubar “nin é histórico nin tampouco ten un valor material grande, é bastante normaliño, para unha parroquia destas características”. O crego, que se consolaba con que non houbera máis desfeita no templo, afirma que “a riqueza desta igrexa atópase no que é a súa arquitectura, que obviamente non se pode roubar” –Santa María de Figueiras é un templo románico, de planta rectangular e nave única, dato na segunda metade do século XII, e foi reformado durante o XIX–.
Segundo conta López Varela, ao carón da igrexa parroquial, “na finca da casa adoita haber grupos de rapaces scouts, e esta noite que pasou marchou o último dos grupos ata que veña a segunda quenda”, explicaba en referencia á noite do martes para o mércores. Por todo isto, entende que os presuntos ladróns eran coñecedores de que non habería xente na proximidade deste templo, cuxa entrada ademais se atopa “agochada” na cara do edificio oposta á estrada actual.
Tentativas de roubo fallidas en Laraño, Roxos e Santa Lucía
Os casos de Figueiras e de Marrozos non foron os únicos acontecidos nos últimos días nas parroquias do rural. Este martes descubríase tamén que se tentara forzar a porta de San Martiño de Laraño cunha pedra, mais o acceso é metálico e non conseguiron entrar no templo. Segundo explicou o párroco, titular en Conxo, non se ten seguridade sobre cando se produciron os feitos, xa que esta igrexa non celebra misa a diario, mais sospéitase que a tentativa de roubo tivese lugar entre o domingo e luns pasados.
Unha situación similar foi a que se viviu tamén nas parroquias de Roxos e na capela de Santa Lucía, onde o modus operandi foi o mesmo que nos tres casos anteriores: forzar a entrada da igrexa, aínda que nestes dous casos, coma no de Laraño, os presuntos ladróns non conseguiron acceder ao interior das igrexas.
En relación con estes feitos, dende o Partido Popular tamén se alerta de que as tentativas de roubo non quedaron nas igrexas, senón que neses mesmos días tamén se rexistraron estes intentos nalgunha das casas da contorna. A edil do PP Nerea Barcia visitou onte algúns dos edificios atacados para conversar cos respectivos sacerdotes. A concelleira destaca que “na entrada das igrexas pódense apreciar, claramente, as secuelas do paso dos ladróns e nas zonas onde trataron de entrar tamén se rexistraron intentos de roubo nas casas”.
O PP lamenta “o que está a suceder, dende hai un tempo, no rural de Santiago, que está a sufrir numerosos intentos de roubos nas súas igrexas, o que evidencia unha total despreocupación e desprotección dun dos maiores tesouros de Compostela, o patrimonio cultural do noso rural”. Barcia remarca que pese a que xa se produciron intentos de roubo en Marrozos, Figueiras, Laraño, Roxos e Santa Lucía e a vaga “vai en aumento, o BNG non puxo en marcha ningún tipo de medida preventiva, como podería ser unha maior presenza policial en diferentes horas do día”, propón.
A concelleira Nerea Barcia tamén lamenta que “parece mentira que cando aos nacionalistas se lles enche a boca falando de diversificar o turismo por todo o municipio e así desconxestionar a cidade histórica, non amosen interese algún por protexer o rico conxunto monumental co que conta Santiago, que ben podería ser centro de visita para os turistas que se achegan á capital de Galicia, e prefiren ver, inactivos, como se deteriora ou desaparece”.
Dende o Pazo de Raxoi defenden o seu labor remarcando que “a Policía Local só ten competencias no ámbito urbano e periurbano, non no rural, onde só fai actuacións puntuais relacionadas co medio ambiente”. Así mesmo, poñen en valor o compromiso do Goberno local co rural, “asinando un acordo histórico coa Xunta para a rede de saneamento da zona”, así como destinando a esa área os fondos da Deputación da Coruña (POS+) e mantendo “conversas constantes co asociacionismo”.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
- Nuevo movimiento en la 'milla de oro' de Santiago: Ela Diz deja el casco histórico y se va a Xeneral Pardiñas
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- El avión más grande del Ejército del Aire realiza una escala técnica inesperada en Santiago antes de recoger tropas españolas en Estados Unidos


