Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Raxoi destina máis de 73.000 euros para a reparación de tres parques infantís do centro da cidade

O prazo de execución de arranxo de elementos deteriorados é de 2 meses

A edil Míriam Louzao, este luns na sala de prensa do Pazo de Raxoi

A edil Míriam Louzao, este luns na sala de prensa do Pazo de Raxoi / Cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A xunta de goberno local aprobou este luns o expediente de contratación de “actuacións urxentes de reparación” en tres dos parques infantís da cidade. Trátase das áreas de lecer situadas nas prazas de Galicia e Vigo e mais en Agros de Ramírez, nos arredores da praza Roxa. Comeza agora a licitación de obras por valor de 73.268 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 2 meses.

Segundo explicou a concelleira Míriam Louzao, o total orzamentario distribúese en tres lotes, correspondendo a maior cantidade –27.294 euros– ao parque de Agros de Ramírez, seguido da praza de Vigo –24.881 euros– e praza de Galicia –21.094 euros IVE incluído–. Louzao quixo destacar “especialmente” este acordo da xunta de goberno por tratarse dunha “medida que vai en relación co reto do Goberno local de traballar por unha Compostela mellor para vivir”.

Mellorar as zonas de lecer

“Temos como prioridade tamén as crianzas e o seu benestar, mellorar as zonas de lecer para elas, polo tanto, é prioritario”, explicou. A edil matizou que se trata agora de medidas “urxentes e determinadas para amañar elementos que se foron estropeando ou deteriorando”.

A concelleira tamén fixo referencia a aprobación de destinar remanentes dos orzamentos municipais “para atender as demandas veciñais” e que se destinarán a instalación dunha cuberta para o parque infantil de Fontiñas. “Cremos que é importante cubrir diferentes parques para que as crianzas poidan gozar no inverno e no exterior”, indicou Míriam Louzao en relación a futuras actuacións nas zonas de ocio destinadas aos máis cativos.

Renovación de convenios e prórroga de contratos

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, informou tamén no Pazo de Raxoi doutras decisións adoptadas pola xunta de goberno local. Unha delas refírese a aprobación do borrador do convenio entre o Concello e o Club de Amigos Baloncesto Obradoiro, unha subvención nominativa por valor de 120.000 euros e mediante a cal a entidade deportiva seguirá promocionando en competición o Concello de Santiago.

A edil lembrou tamén que co club de baloncesto da cidade hai tamén subscrito un convenio a través de Turismo de Santiago, tamén vencellado coa promoción da cidade.

Por outra banda, a xunta de goberno deulle o visto bo á prórroga da concesión do recinto feiral de Amio á entidade mercantil Monfobus. Unha ampliación que abrangue dende o 11 de novembro deste ano até o 10 de novembro de 2025.

Así mesmo, a xunta aprobou tamén diversas licenzas de obra e de apertura, entre elas, a da construción dunha explotación avícola para 1.080 galiñas en réxime de cría ecolóxica na Zanca Nova –na área de Boisaca–, e a licenza de rehabilitación dun inmoble de apartamentos turísticos no lugar da Barcia.

Tracking Pixel Contents