Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A cifra de alumnado de primeira matrícula no Campus de Santiago aumentou nun 11% dende o 2018

Un total de 4.881 universitarios iniciaron a súa formación na USC o pasado luns día 9

Os que optan por un grao son case 20.000

Estudantado na facultade de Filoloxía da USC

Estudantado na facultade de Filoloxía da USC / Antonio Hernández

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

A Universidade de Santiago consegue manter a cifra de alumnado matriculado dos últimos anos. No presente curso, que comezou o pasado luns 9 de setembro, e tendo en conta que aínda está aberta a matrícula en prazas vacantes, a cifra provisional de estudantes é de 22.219, sendo 19.883 os de grao (12.733 mulleres e 7.150 homes). 

Segundo os datos facilitados pola Universidade, no curso 2022-2023 a cifra de alumnos foi de 22.198, dos que 19.996 eran de grao e 2.202 de mestrado. No curso pasado chegouse a 22.424 universitarios/as (20.178 de grao), se ben desde a institución compostelá apuntan a que estes datos “aínda poden estar suxeitos a cambios”, e ao mesmo tempo inclúese aos de programas de mobilidade.

A vicerreitora de Titulacións, María José López Couso, pronunciou en conversa con EL CORREO GALLEGO que “unha vez pechen os últimos chamamentos da Ciug a cifra vai a ser moi semellante á do último ano”. López Couso puxo en valor o incremento de primeira matrícula tanto no Campus de Santiago como no de Lugo, cun 11 e un 48% respetivamente. Así, o curso arrancou con 4.881 novos alumnos/as novos para 4.709 prazas ofertadas, o que implica unha taxa de ocupación do 103,6%. “A situación demográfica de cara a finais desta década vai significar menos estudantes potenciais que poidan incorporarse á Universidade, pero polo de agora a USC mantén ese tirón”, comentou.

Máis de 1.000 persoas nos cursos de verán da USC

A Universidade de Verán da USCofreceu nos meses de xuño, xullo e setembro un total de 37 cursos, nos que houbo 1.035 persoas matriculadas. Os lugares de celebración foron Santiago (23 cursos), Lugo (5 cursos) e un curso en cada unha das seguintes localidades: Ares, Guitiriz, Lalín, Mondoñedo, Noia, Oia, Mens, Seoane do Courel e Vilar de Santos. “Son xa varias as décadas que a USC leva organizando os seus cursos de verán, que foron ampliando o seu ámbito propiamente xeográfico a todo o territorio, nun intento de converter as vilas galegas en espazo de reflexión e debate experto acerca de temas de rigorosa actualidade”, comenta a vicerreitora de Estudantado, Pilar Murias. Un dos propósitos desta programación é reafirmar a Universidade como “ferramenta valiosa que achega coñecemento, pero tamén solucións aos problemas que nos afectan como comunidade”. En palabras de Murias, a Universidade de Verán é “un dos programas de extensión cultural e divulgativa de maior éxito da USC nese intento noso por ampliar fronteiras máis ala dos campus universitarios, que atrae persoas tanto da comunidade universitaria como de fóra dela e que ademais é un exemplo de cooperación coas distintas institucións que colaboran para o seu desenvolvemento”.

En Santiago, con 16.361 alumnos de grao, sen incluír os que veñen de fóra, as titulacións con máis estudantado matriculado son Medicina (2.190), Farmacia (1.075), ADE (890) e Dereito (837). Ao contrario, os dobres grados de Farmacia e Óptica (26) e de Física e Química (47) son os que teñen menos. “Son programas que combinan contidos, horarios e espazos de dous centros ou titulacións. Ademais, requiren dun esforzo adicional por parte do estudantado que non está ao alcance de todos. Así a oferta debe ser controlada con números baixos para que se poida sacar adiante”, afirma.

Tracking Pixel Contents