Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Igrexas no punto de mira da delincuencia: rouban na da Pastoriza e deteñen o ladrón

A vaga de furtos nos templos composteláns comezou a primeiros do mes de agosto

Un cartel na porta da capela advirte que permanecerá pechada e explica o motivo

Un cartel na porta da capela advirte que permanecerá pechada e explica o motivo / CEDIDA

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Tan só unha semana despois de que alguén roubara as campás da capela de Nosa Señora da Fonte, en Pelamios, un novo templo da cidade volve ser obxectivo dos delicuentes. Desta volta o furto sucedeu na Pastoriza, na porta do santuario rezaba un cartel que explicaba que permanecerá pechado durante uns días por mor dos desperfectos ocasionados ao cometerse un roubo na capela.

Un home aproveitou verse só na entrada do templo, que conta cunha porta cortaventos, para forzala e facerse con varios obxectos litúrxicos e algunha xoias da Virxe. Segundo o párroco Ricardo Vázquez "non levou as de maior valor" e, afortunadamente, na xornada deste mércores e grazas ás gravacións das cámaras da capela a policía puido deter o ladrón e recuperáronse a maior parte das cousas. Entre os obxectos litúrxicos que levara estaban unha patena e o viril (onde se garda a hostia consagrada), ademais da chave do Sagrario. Sobre isto último, o párroco tamén agradecía a fortuna de que non se profanase o Santísimo.

Ricardo Vázquez é o párroco de San Miguel dos Agros, que xa tirou de misericordia e dose de humor ao faltar a primeiros de agosto a imaxe do Corazón de Xesús da igrexa de San Frutuoso. Daquela, o cartel colocado no lugar desta imaxe á que os fregueses lle pedían os seus favores dicía: “La pequeña imagen del Corazón de Jesús que se veneraba en este altar ha sido robada. Oremos por la conversión del que la sustrajo y para que pronto podamos recuperarla”. Nesta ocasión, ademais de informar os fregueses do acontecido o 12 de setembro, pídese tamén pola conversión "del ladrón y de todos los amigos de lo ajeno".

O verán de 2024 está a ser particularmente delicado para igrexa compostelá, con forzado de portas, tentativas de roubo ou roubos e destrozos, case cada semana. A imaxe do Corazón de Xesús de San Frutuoso desapareceu a primeiros de agosto e as cámaras de vixilancia puideron captar como un home que se atopaba só na igrexa collía a figura e saía con ela. A capela de Santa Lucía e as igrexas de Roxos e Laraño espertaron tamén neses días coas súas portas forzadas sen que os presuntos ladróns conseguiran acceder ao interior dos templos.

Peor sorte correron as igrexas de Figueiras e Marrozos a mediados do mes, arredor das festividades de Nosa Señora e San Roque (15 e 16 de agosto). No primeiro caso forzaron a entrada e tentaron levar, sen éxito, o Sagrario, que quedou atorado entre as follas da porta da igrexa. En Figueiras non esnaquizaron nada, non foi así en Marrozos, onde ademais de forzaren as portas e profanaren o Santísimo causaron no interior do templo bastantes desperfectos.

Tracking Pixel Contents