Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Comezan as obras da Vía Verde na Sionlla cunha demora de máis dun ano do anunciado

A senda de paseo e bicicletas parte da antiga estación de tren e comprende na primeira fase de 2,2 km, conta cun orzamento de 800.000 euros e un prazo de execución de seis meses

Ben, Formoso, Sanmartín, Leira, Duro e Lueiro no tramo da Vía Verde na Sionlla

Ben, Formoso, Sanmartín, Leira, Duro e Lueiro no tramo da Vía Verde na Sionlla / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Con máis dun ano de demora deron comezo as obras da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle que incorpora 10 km de circuito para paseo e bicicleta no Concello de Santiago partindo da antiga estación de tren da Sionlla, en desuso. Uns traballos para os que se conta cun orzamento de 2,2 millóns de euros dos que 800.000 se dedican ao acondicionamento dos 2,2 km de vía que compoñen esta primeira fase da obra.

O presidente da Deputación da Coruña acudiu este xoves a visitar as obras de debroce e acondicionamento, xunto coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, os deputados Evaristo Ben (PP) e Antonio Leira (PSOE) e os concelleiros de Deportes –Pilar Lueiro– e Mobilidade –Xan Duro– e os edís do Grupo socialista Gonzalo Muíños e Mila Castro. O presidente da deputación destacou na súa intervención que a Vía Verde trata de “poñer en valor un espazo que deixa libre a vía férrea en desuso e que creo que é un proxecto moi valorado pola cidadanía”, explicou en referencia aos outros catro concellos que forman parte do proxecto (Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda). 

Valentín G. Formoso congratulouse da colaboración entre as institucións e salientou a “convicción da deputación de levar o proxecto a cabo, a convicción dos cinco concellos, a petición de Santiago de incorporarse”, e indicou que neste último municipio o traballo “é máis complexo porque conleva dous túneles, que hai que condicionar, e é sempre a parte máis difícil”. 

Na súa intervención a alcaldesa Sanmartín felicitouse por ser “un magnífico día para Santiago, un día no que damos inicio a unhas obras polas que persoas como Antonio Leira ou Pilar Lueiro levan tempo traballando para que poidan ser unha realidade “. A rexedora ve este tramo de Vía Verde que vai decorrer polo rural da cidade como unha “posibilidade de ampliar infraestruturas deportivas, verdes, de natureza, acrecentar elementos positivos para o concello”, cuestións que aproveitou para fiar coa Semana Europa da Mobilidade, que se está a desenvolver esta semana en Compostela. 

Goretti Sanmartín aproveitou para poñer unha vez sobre a mesa o modelo de mobilidade que o Goberno local quere poñer en marcha e destacou “a necesidade de ir avanzando en transportes brandos, como a bicicleta, a necesidade de facer deporte e camiñar, de ser saudables e de poñer en valor outras zonas de Santiago, como dicimos moitas veces, a xente acaba coñecendo o centro histórico, un centro magnífico, pero Santiago ten moito máis que iso, ten un magnífico rural, moitos quilómetros onde hai edificios singulares como esta estación, moitos lugares onde hai paisaxes estupendas e magníficas que esperamos que dentro de pouco a xente comece a gozar".

O prazo de execución desta primeira fase da Vía Verde establécese en seis meses mais o presidente da Deputación da Coruña non quixo concretar cando poderán dar comezo as obras para a seguinte fase e completar os 10 km de senda. “Agora está aprobada a primeira fase, na segunda teremos como sempre á alcaldesa cos expedientes apretando alá polo mes de novembro ou decembro...”, comentou en ton de broma para logo asegurar que pese a non poder concretar prazos “estas cousas van un ano e outro ata que se rematan”.

A antiga estación

O presidente provincial contou tamén que dentro das actuacións está previsto o reacondicionamento da estación vella. “Aínda que non está exactamente no proxecto, será lóxicamente outra fase máis, a última”, ademais Valentín G. Formoso explicou que esta rehabilitación será semellante á da antiga estación de Cerceda “que é xemelga deste edificio”, un inmoble no que se levou a cabo unha concesión hostaleira na planta baixa que segundo dixo Formoso “funciona de marabilla, e creo que aquí tamén sería unha magnífica opción”.

Tracking Pixel Contents