Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi valora pechar o centro de atención a drogodependentes para visibilizar a falla de recursos

A Xunta presentou en abril un convenio económico que Fegamp e concellos rexeitaron, hoxe o organismo municipalista convoca os gobernos locais para trataren os pasos a dar de cara á integración das unidades no Sergas

O edificio da UMAD atópase na rúa Manuel María, no barrio de Salgueiriños

O edificio da UMAD atópase na rúa Manuel María, no barrio de Salgueiriños / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Dende hai tempo, quen acuda ao edificio da Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias –UMAD– en Salgueiriños rapidamente se decata de que algo está a acontecer no centro. Non se poden atender máis usuarios por falla de persoal que o poida despachar. Xa na entrada se advirte que “neste momento non hai citas de psiquiatría para novos pacientes”, polo que se deriva a quen precise de atención acudir ás Urxencias, ao médico de cabeceira ou ao servizo de psiquiatría do Sergas.

Como remate indica onde reclamar: no Sergas ou no Concello, xa que a UMAD depende funcionalmente do primeiro e organicamente do segundo. Por isto, dende o Goberno local valórase a opción de facer un peche no centro, para chamar a atención da cidadanía sobre esta situación.

A concelleira responsable da UMAD, Pilar Lueiro, recoñece en conversa con EL CORREO GALLEGO a “continua inseguridade” que vive a unidade, “sen reposición de persoal”, nin psiquiatras nin psicóloga clínica. Unha problemática que levou o equipo clínico e o Goberno local a pensar en facer un peche no mes de abril, “para facer visible esta situación”. “Moita xente non sabe o número de concellos que atendemos”, explica a edil en referencia a que a UMAD compostelá dá servizo a 41 concellos da contorna.

Explica que a veciñanza descoñece “o servizo que estamos a dar, non sabe o problema que temos provocado pola inacción da Xunta”. Unha situación que se refire á integración das UMAD no Sergas, dependente da Consellería de Sanidade. Unha cuestión que circula dende 2022 e que Pilar Lueiro asegura que “se está a dicir continuamente que imos pasar a unha xestión directa pero oficialmente non sabemos nada”.

Un dos carteles que poden verse dentro das instalacións da UMAD

Un dos carteles que poden verse dentro das instalacións da UMAD / ECG

Para complicar aínda máis o estado duns servizos sociais tan sensibles como son a atención e a prevención das adiccións, así coma o tratamento da saúde mental, o pasado mes de abril a Xunta presentou un convenio á Fegamp –Federación Galega de Municipios e Provincias– en relación coas UMAD e que os 13 municipios galegos que contan con estas unidades rexeitaron. Esta mesma mañá, o organismo municipalista reúnese cos concellos nunha xuntanza para tratar os pasos a seguir para esta integración.

Lueiro afirma que o hándicap dos centros “non se tiña en conta no convenio que se nos presentou en abril, tratábase máis dun documento económico”. Ao non estar integrado no Sergas este servizo, os traballadores da UMAD son municipais e os anos como profesionais da unidade non lles computan como traballadores do servizo de saúde mentres non se realice a citada integración.

“O ano pasado xubilouse unha psiquiatra, este ano en outubro xubílase outro, cando a nosa unidade ten dous”, explica a edil do BNG. Para cubrir eses postos de traballo o Concello abriu listas de agarda, “pero só se presentaron dúas persoas”. Unha falla de candidatos que tamén deriva da non integración no Sergas e que dá en que a unidade teña “sobrecarga de traballo e inseguridade entre os profesionais, que non saben se dentro de seis meses ou dun ano van ser traballadores do Sergas ou municipais”.

“Entón, por que non pechamos?”, pregúntase a concelleira Lueiro para responderse que a decisión de manter a UMAD aberta se tomou “por responsabilidade coas persoas que estamos a atender, pero sabemos que damos unha atención deficitaria por falta de medios, a pesar de saber que este é un servizo esencial”. Segundo explica, na actualidade a UMAD atende arredor de 25 pacientes, “non se poden coller novos”, insiste. En canto ao da UD –unidade de día–, a onde acoden os usuarios en horario de 9 a 14 horas como parte do seu tratamento, a situación é a mesma: mantéñense os pacientes pero segue faltando persoal.

“En maio marchou a psicóloga clínica, que facía os labores de dirección (María Carou)”, explica Lueiro, “dende entón quedou un director interino, mentres non se crea o concurso de méritos”. Unha interinidade que recae no psiquiatra “que se xubila en outubro”. “Estamos a facer o mesmo con menos persoal”, por iso o esforzo se pon “na prevención, que é competencia do Concello”, en problemáticas coma a SIDA, o alcol, o tabaquismo ou o consumo de cánnabis en menores. Un equipo de dous psicólogos encárgase de impartir os programas de prevención da UMAD nos centros escolares que o solicitan.

Coma moitas outras cuestións que afectan á capital galega –taxa turística ou declaración de zona tensionada– e ante o bloqueo da negociación do convenio entre Xunta e Fegamp, a solución da UMAD fíase tamén á reunión que o Goberno local agarda que se dea este ano entre o presidente Alfonso Rueda e a alcaldesa Goretti Sanmartín. Pero a día de hoxe non hai data para esa xuntanza.

Taxa de reposición

O persoal da UMAD, como parte da Administración local, tamén está afectado pola taxa de reposición, é dicir, a ratio de traballadores que as administracións poden incorporar os cadros de persoal en función das baixas previas. Unha taxa que o exministro de Función pública, José Luis Escrivá, anunciou en xaneiro que se eliminará, co que se poderán incorporar un maior número de traballadores para cubrir as vacantes dos funcionarios que se xubilen o vindeiro ano.

A UMAD atende tamén persoas que deben cumprir algunha medida derivada de procedementos penais ou civís e infraccións administrativas no caso dos menores. Un servizo que tamén se ofrece en precario, como se advirte nun aviso datado en xullo deste ano: “Se os seus médicos de referencia ou psicóloga xa non están, por xubilación ou excedencia, recomendámoslle que soliciten cita coa traballadora social da UMAD co fin de seguir cumprindo con estas cuestións con normalidade”.

Mantemos a posibilidade de pechar, porque ao fin e ao cabo non cerramos a porta pero a situación lévanos a ofrecer un servizo deficitario”, insiste a edil Pilar Lueiro.

servizo a 360 pacientes en tratamento con metadona

A área sanitaria que atende a unidade abrangue un total de 41 concellos da contorna compostelá.

O cadro de persoal é de 11 traballadores. A dirección provisional exércea o psiquiatra e na actualidade non se conta con psicóloga clínica.

• Na UD –unidade de día– os usuarios acoden en horario de 9 a 14 horas como parte do seu tratamento.

• A UMAD funciona tamén coma un centro de saúde, no que cada paciente asiste á cita que ten asignada co seu profesional de referencia. Atende a unhas 25 persoas.

• O laboratorio encárgase do control na administración dos medicamentos e analíticas. A UMAD atende a 360 pacientes en tratamento con metadona e cada semana fanse arredor de 80 análises clínicas.

Tracking Pixel Contents