Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Virxe da Cerca sen vehículos particulares: así son as bases do concurso de ideas para a súa humanización

O Goberno local vén de asinar convenio coa COAG para proceder á publicación da convocatoria

En Virxe da Cerca se vive a diario una situación caótica, con una gran cantidad de autobuses, vehículos privados y peatones conviviendo en un espacio limitado

En Virxe da Cerca se vive a diario una situación caótica, con una gran cantidad de autobuses, vehículos privados y peatones conviviendo en un espacio limitado / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O futuro da Virxe da Cercapasa por estar libre do vehículo privado, á vista das bases previas ao concurso de ideas que o Goberno local quere convocar para redefinir o urbanismo dunha das arterias principais da cidade: a que conecta a Alameda con San Caetano. O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, presentou as liñas básicas de partida deste plan de humanización este luns no Pazo de Raxoi, acompañado polo edil de Mobilidade, Xan Duro, e polos xefes de servizo de Obras e Proxectos e Planeamento e Xestión Urbanística, Antonio Ranedo e Enrique Seoane, respectivamente.

A muda fundamental no tramo máis conxestionado da vía que une a Alameda co complexo administrativo da Xunta é a que afecta a Virxe da Cerca (dende o acceso á praza de Abastos) e Porta do Camiño. Unha área na que non se vai permitir o tráfico rodado, salvo o transporte urbano, os vehículos de residentes ou de servizos de emerxencia, o acceso aos centros de ensino e, cun tempo limitado, o das furgonetas de reparto de mercadorías. Iso si, manteranse os dous carris, para cada un dos sentidos da marcha, e a limitación da velocidade deberá permitir que buses e bicicletas ou patíns poidan compartir a vía.

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, que recentemente presentou diante dos medios o PMUS –Plan de Mobilidade Urbana Sostible–, matizou que este concurso de ideas “trementamente necesario para a ordenación do tráfico na cidade” e as actuacións que a partir del se levarán a cabo teñen como meta dotar a capital galega dun “urbanismo equilibrado que non estimule o uso do vehículo privado”.

No tramo da rúa das Rodas, a base municipal contempla a plantación de arborado e a circulación dos vehículos permitidos en sentido único, norte-sur. Para continuar dende Virxe da Cerca até San Caetano utilizarase a rúa Valle Inclán.

Seguindo o lema do Goberno local para este curso político: "Unha Compostela boa para vivir", o concelleiro Lestegás debullou as claves deste documento base do concurso de ideas que se convocará proximamente e para o que se conta cun orzamento de 200.000 euros.

A proposta inicial do Goberno local é que as iniciativas que se presenten teñan en conta a mellora dos espazos públicos, a sostibilidade ambiental incorporando entre outros aspectos a plantación de árbores autóctonas "de tamaño suficiente para fornecer de sombra durante o verán", así como a accesibilidade e a seguridade dos peóns na busca do "confort da veciñanza". Sen esquecer que estas propostas conten coa presenza do comercio de proximidade na zona e contribúan ao obxectivo do executivo de dinamizar este sector económico da cidade.

A este respecto, técnicos e concelleiros abordaron tamén a cuestión dos vehículos de reparto, para os que tamén estará permitido o acceso. Neste sentido foi o xefe de servizo de Xestión Urbanística, Enrique Seoane, quen matizou que as propostas que participen neste concurso de ideas deben contemplar tamén que “compartir o espazo ten que ser compatible con compartir os tempos de uso”, fixando un horario limitado para estas tarefas de carga e descarga do comercio local da zona, así coma da Praza de Abastos.

Unha vez estudadas estas liñas iniciais, por parte do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), farase pública a convocatoria, para a que se pide a presentación "esquemática" das actuacións que cada candidato valore levar a cabo, respectando o valor histórico e arqueolóxico desta contorna, así como a sostibilidade ambiental e a primacía do peón e do transporte brando fronte ao vehículo particular. 

A presentación destas primeiras propostas terá un prazo de tres meses dende a convocatoria do concurso de ideas e un xurado seleccionará as cinco máis acaídas, que deberán presentar xa unha memoria de proxecto desenvolvida. Á vista deste tipo de intervencións urbanísticas noutras cidades europeas, o concelleiro Iago Lestegás agarda que a participación no concurso sexa alta e internacional, con "propostas creativas" para os ámbitos "nos que a calzada e as beirarrúas son máis estreitas", coma o tramo dende a Fonte de Santo Antonio até o colexio Compañía de María.

As rúas das Trompas e do Castrón Douro son as escollidas para desviar o tráfico dende a Alameda e a praza de Galicia até esta área con uso limitado para os vehículos privados na Virxe da Cerca.

Intervención por tramos

Este conector central da cidade parte dende a Alameda ata a contorna de San Caetano supón un ámbito de actuación de arredor de 43.000 metros cadrados, afectando a 16 rúas e cruzamentos. A planificación municipal para o concurso de ideas divide esta área en cinco tramos de actuación, “un espazo de oportunidade para avanzar cara a ese novo modelo urbano” que busca o Executivo de Sanmartín, como lembrou o concelleiro Iago Lestegás.

O concelleiro de Urbanismo puxo o acento en que a intervención vai máis alá de xestionar o tráfico rodado e peonil no eixo Norte-Sur da cidade, senón que se trata de crear “un espazo de conexión tamén transversal” redordenando os fluxos de circulación intra e extramuros. “Non me gusta velo coma un problema senón coma un espazo de oportunidade”, matizou Lestegás.

As actuacións, máis alá do tramo da Virxe da Cerca, afectarán catro tramos máis. Na parte Sur actuarase na área do Campo de San Clemente, Campo da Estrela e rúa da Senra, “que soporta un tráfico rodado excesivo, así coma un fluxo peonil intenso”, explicou o concelleiro. Tamén se actuará na praza de Galicia, “que agora funciona case coma unha rotonda, e queremos que funcione como a praza que é”, sacándolle tamén mellor partido o parque infantil desa zona e sen impedir o correcto acceso ao aparcamento subterráneo da propia praza.

Entre a Fonte de Santo Antonio e o Tránsito da Mercé o que busca o Goberno local co concurso de ideas é darlle solución ás estreitas beirarrúas, que tamén soportan un fluxo peonil intenso, así como conectar a améndoa da cidade co barrio de Sar. Un tramo no adquiren especial relevancia o Arco de Mazarelos e o Castrón Douro, rúa pola que se desviará o tráfico para aliviar de vehículos a Virxe da Cerca.

Neste sentido o concelleiro Lestegás incidiu en que se trata de “acceder e non atravesar”, no sentido de que non se vai restrinxir o acceso a esa área de residentes, colexios ou comerciantes –así coma do transporte público– pero si sequeren poñer todos os esforzos en que deixe de ser unha vía que sirva para “atravesar a cidade” no vehículo particular.

Tracking Pixel Contents