Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | SANTIAGO (CHAGO) MARTÍNEZ Ferreiro de Santiago premiado polo COAG

“O oficio de ferreiro acabará morrendo e despois chegará o deterioro a Santiago”

Agradece ao Colexio de Arquitectos de Galicia o premio que recollerá este sábado

Santiago (Chago) Martínez, no seu taller situado no polígono do Tambre

Santiago (Chago) Martínez, no seu taller situado no polígono do Tambre / Antonio Hernández

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

Recentemente recibiu o Premio Arquitectura para un mundo mellor, que falla o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). A distinción recoñece os seus valores persoais, de conciencia social e cooperación na práctica do seu oficio, así como a súa contribución ao mantemento do patrimonio galego e nacional e o seu traballo para mellorar a percepción cidadá dos espazos históricos, devolvendo a estima e identidade aos seus habitantes. 

Cando comezou a súa formación neste ámbito?

A miña formación foi na escola taller de restauración que fundara o arquitecto e entón alcalde da cidade Xerardo Estévez 

Tiña familiares ou ferreiros cercanos que che axudaran a aprender o oficio?

Eu vivía na Pontepedriña e ía ao colexio ao Castiñeiriño. Cada día de camiño á escola pasaba por diante dun taller dun ferreiro e sempre miraba para dentro. Chamábame a atención ver o ferro quente e as chispas. Foi algo que quedou na miña mente durante moito tempo ata cando se montou a escola taller e había precisamente un taller de forxa. Apunteime e tiven a gran sorte de ser un dos elixidos.

 -Agora é o propietario de Forxa Chago. Que tipo de traballos levan a cabo?

Facemos de todo, dende unha porta dun galiñeiro a un pasamán en forxa, e en ocasións cooperamos con outras empresas. No que máis especializados estamos é en forxa, en facer as pezas á man. Quentalas no lume e darlle a forma que queremos ou ben repetir pezas en restauración. Tamén recuperamos técnicas tradicionais como fixar o ferro na pedra con chumbo ou rematar con aceites e grafitos os acabados. 

 Xunto a un equipo de seis persoas restaurou edificios históricos da zona vella de Santiago. Podería citarnos algúns exemplos?

Na Catedral botamos practicamente dez anos con intervencións no cimborrio, a Porta Santa, a fachada do Obradoiro e a rexería histórica da súa escalinata, a Torre do Reloxo, o Botafumeiro ou a cripta. Tamén actuamos en antigos pazos como o de Xelmírez ou Raxoi, o mosteiro de San Martín Pinario, o Hostal dos Reis Católicos ou a colexiata de Santa María do Sar.

Recorda algún traballo “especial”?

Un dos traballos máis peculiares e fermosos que fixemos ultimamente foi en San Martín Pinario onde hai un retablo-porta que tivemos que poñer a andar outra vez. No mundo dos carteis creamos o de Pepa A Loba, con deseño doutra persoa, e restauramos o do bar La Tita que colgamos hai quince días. Tamén combinamos a forxa tradicional con novos modelos basándonos na liña modernista de Gaudí, por exemplo. Con deseños propios, non copiamos nada de ninguén.

Que opinión ten sobre o presente e o futuro do seu oficio na cidade?

Hai moitas carencias en moitos aspectos. A formación en forxa ofertáse na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo pero baséase máis na escultura que no que é forxar como oficio tradicional. Podes ter ganas e a gran sorte de que un taller che dea opción, pero hoxe en día é moi complexo. Este non é un oficio que se aprenda en tres ou catro meses, precisas uns tres anos. Este oficio acabarán morrendo e con el o deterioro que se vai plantexar despois zonas monumentais como Compostela ou Pontevedra. Nós somos o patrimonio inmaterial e conservamos o material, pero ímonos indo. O futuro deparará o que se mantén e de que xeito.

O sábado 5 de outubro recibirá o premio que lle otorgou o Colexio de Arquitectos no Hostal dos Reis Católicos. Como valora este renoñecemento?

Estou moi agradecido despois do loitado durante tantos anos. Fun remando en contra de moitas historias como presentarse a un concurso para unha obra e quedar fóra porque premian máis a económica que a técnica. A pesar de todo sigues loitando e defendendo este concepto dos oficios tradicionais. Que agora mo recoñezan é un orgullo. 

Tracking Pixel Contents