Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

O Igfae súmase a unha rede europea na procura de novos fenómenos cósmicos

No proxecto participan 40 institucións e conta cun investimento de 15 millóns

De esquerda a dereita, Lorenzo Cazón, Enrique Zas e Jaime Álvarez-Muñiz, persoal do Igfae no ACME

De esquerda a dereita, Lorenzo Cazón, Enrique Zas e Jaime Álvarez-Muñiz, persoal do Igfae no ACME / Cedida

Santiago

Persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, formará parte durante os vindeiros anos de ACME (acrónimo en inglés do Centro de Astrofísica para Estudos Multimensaxeiro en Europa), unha colaboración europea que pretende mellorar a accesibilidade e a cohesión entre os observatorios máis relevantes para a investigación en astronomía e astrofísica de partículas (ou astropartículas). Deste xeito, baixo o paraugas de ACME, facilitarase o acceso e intercambio de información respecto a infraestruturas de investigación, instrumentos, datos e coñecemento científico.

O Igfae súmase a este proxecto a través da súa participación no Observatorio Pierre Auger. Esta enorme instalación, composta por máis de 1.600 detectores espallados en 3.000 km2 nunha chaira da provincia de Mendoza (Arxentina), é a meirande e máis precisa infraestrutura deseñada para estudar os raios cósmicos de enerxía ultra-alta, unhas das partículas máis enerxéticas do universo. O investigador Enrique Zas, que forma parte de ACME e do equipo do Igfae no Observatorio Pierre Auger, apunta que “somos responsables dos eventos de ‘multimensaxeiros’, nos que se combina a sensibilidade de Pierre Auger na detección de raios cósmicos, neutrinos e fotóns cos datos doutros observatorios para estudar obxectos astrofísicos e eventos cósmicos dunha nova forma”.

Astronomía de multimensaxeiros

No marco da revolución que está a experimentar a observación do cosmos, a astronomía de multimensaxeiros —na que se centra o proxecto ACME— está a abrir unha nova xanela para observar o universo. Segundo explica a USC, grazas ao avance tecnolóxico dos últimos anos, hoxe é posible observar un mesmo evento cósmico con diferentes sinais, ou mensaxeiros, como a radiación electromagnética, as ondas gravitacionais e as emisións de neutrinos ou raios cósmicos. Esta información complementaria axuda a entender os complexos mecanismos de alta enerxía que acontecen nestes eventos.

Nos últimos anos, a través da súa área de investigación en Partículas Cósmicas e Física Fundamental, o Igfae asumiu tarefas de responsabilidade en proxectos como o Observatorio Pierre Auger (onde o investigador Lorenzo Cazón é coordinador científico e Jaime Alvarez-Muñiz e responsable da detección de neutrinos e fotóns). O Instituto tamén forma parte de proxectos para o estudo das ondas gravitacionais e experimentos de neutrinos.

Arranque de ACME

Os días 16 e 17 de setembro, ACME botou a andar nunha reunión que tivo lugar en París. Neste proxecto, financiado con 15 millóns de euros, participan 40 institucións de referencia en 15 países, co fin de reforzar a colaboración a diferentes niveis, para obter así unha mellor identificación dos posibles eventos astrofísicos e optimizar a súa observación e seguimento. Desta forma lévanse á práctica as recomendacións das follas de ruta do Consorcio Europeo de Física de Astropartículas e da Rede de Planificación e Asesoramento para a Astronomía Europea.

Tracking Pixel Contents