Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Noelia Valiño Vázquez Historiadora e contratada predoutoral da USC no Campus Terra

“En Conxo internou nos 70 ata un homosexual crendo estar enfermo”

A investigadoras está inmersa nunha tese doutoral na que estuda a represión franquista en tres psiquiátricos galegos

Noelia Valiño, historiadora e contratada predoutoral da USC no Campus Terra

Noelia Valiño, historiadora e contratada predoutoral da USC no Campus Terra / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Koro Martínez

Koro Martínez

Santiago

Inmersa nunha tese doutoral na que estuda a represión do franquismo en tres psiquiátricos galegos, entre eles o de Conxo, Noelia Valiño Vázquez pon o foco sobre todo nas historias clínicas para reconstruír como era a vida naquela época nestes centros e na propia sociedade. Historias clínicas entre as que atopou o caso dunha persoa homosexual que nos setenta decide ingresar en Conxo porque cre que ten unha enfermidade e non sabe como solucionalo, ou a dunha muller á que erroneamente lle din que o seu fillo morreu e queda xa afectada mentalmente e é hospitalizada.

Contratada predoutoral no Campus Terra da Universidade de Santiago, participou este xoves no Congreso Internacional Galaico-Lusitano de Historia da Medicina que se celebrou esta semana na capital galega. Unha cita organizada pola USC, o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais e a Real Academia de Medicina de Galicia.

Elixiu falar neste congreso sobre o nacemento do Hospital de Alienados do Conde de Ferreira e o Psiquiátrico de Conxo. Por que?

Elexín este tema porque estou a facer unha tese doutoral na Universidade de Santiago sobre o psiquiátrico de Conxo, o de San Rafael de Lugo e o de Toén na Guerra Civil e o franquismo. A mín, máis que a parte clínica, a que me interesa é a da vida desas persoas que están alí por cuestións políticas, morais ou de sexualidade, o que pasaba neses centros naqueles tempos. E como é un congreso galaico lusitano, pensei no de Porto e no de Conxo porque me pareceu boa idea falar de dous psiquiátricos que nacen con dous anos de diferenza, en dous contextos distintos, pero que son moi similares.

Que gardan en común o de Porto e o de Santiago?

En primeiro lugar, que nacen practicamente á vez, en 1883 e 1885, e tanto en Galicia como en Portugal existía certa distancia coas correntes da psiquiatría da Europa do momento. Aínda que había médicos que estaban moi formados, en Galicia por exemplo non existían institucións psiquiátricas que axudaran a que as persoas con problemas de saúde mental non estiveran nas rúas, nos fogares ou en cárceres.

Representaron entón un avance...

Hai que pensar que no contexto do século XIX había multitude de institucións que acollían a estes pacientes, reservaban un espazo para eles, pero non tiñan unha formación específica en psiquiatría. Por iso din unhas pinceladas sobre como xorden e centreime nos reglamentos de ambos e que tratamentos aparecen neles, o número de pacientes, a súa alimentación ou as habitacións que teñen. Quixen poñer en relación o despertar da psiquiatría nos dous espazos. 

No de Conxo, que forma parte da súa tese, que é o que máis lle chamou a atención por agora?

Bueno, como xa dixen, interésame sobre todo a vida deses pacientes no franquismo, e a través das historias clínicas pódese ver o maltrato imperante da muller, con expedientes de persoas que desgraciadamente padecían alcoholismo. Ou un caso en pleno despertar do movimento homosexual nos 70, dunha persoa homosexual que decide internar precisamene porque cre que ten unha enfermidade polo feito de ser homosexual e non sabe como solucionalo.

Como accede a toda esa información?

Aínda que algunhas son aínda historias moi recentes e para acceder ás historias clínicas e a datos decarácter persoal teñen que pasar unha serie de anos, tiven a sorte de que nos últimos anos abriuse a documentación dos psiquiátricos, especialmente no Arquivo de Galicia, que ten practicamente toda a documentación clínica relacionada co de Conxo. Pero estamos estudando unha información sensible na que tampouco se poden dar nomes. Eu o que busco na miña tese é contar esas historias de vida dos que estaban alí.

Que reflicten esas vidas?

O que reflicten é que naquela época calquera persoa podía entrar no psiquiátrico por razóns políticas o morais, que eran tempos duros, de fame, de medo e de represión, sobre todo na psoguerra, nos que moita xente vai falecer por cuestións como a tuberculose, a gastroentrite ou de fame, e tamén como consecuencia dalgúns tratamentos de entón. E entre todos eses casos, son bastante chamativos os das mulleres que tras recibir a noticia do falecemento dun familiar como consecuencia da Guerra Civil ou da represión, víronse afectadas mentalmente e acabaron ingresadas en Conxo.

No de Conxo e no de Porto había tamén similitudes polo tipo de xente ingresada neles?

Distinguíase en ambos entre pacientes ricos e pobres, entre persoas de clase acomodada e as qu eran totalmente pobres e tiñan que facerse cargo do seu ingreso as diputacións ou outras entidades. E había moitas diferenzas entre uns e outros na comida ou nas habitacións, xa que os máis pobres estaban amontoados en espazos común e ata pasaban fame. 

Esta diferenza de clases prolongouse durante o tempo?

Si, obviamente foron cambiando as clases, pero basicamente a distinción entre ricos e pobres vai perdurar, e no caso de España ata a Transición, grazas ao traballo de novas xeracións de psiquiatras.

Como xurdiu a idea na que centra a súa tese?

Interesabame o período histórico como historiadora contemporánea e, dentro diso, gustábame o franquismo, o tema da represión. Pero como isto está moi estudado e unha tese esixe incorporar unha novidade, eu teño a sorte de vivir preto do psiquiátrico de Conxo e un día paseando polo barrio, vin a fachada e pensei abordar o tema da represión mirando o que pasaba alí dentro. Ademais, o tema dos psquiátricos é algo que está emerxendo agora, e considerei que as historias clínicas ofrecen moita de información desde diferentes áreas e son moi interesantes para os historiadores. 

Falaba de machismo. Dentro do propio psiquiátrico?

En Conxo sufrían os homes e as mulleres, pero o que si había era unha discriminación da muller na sociedade franquista. En psquiatría, había enfermidades, o tema da tolemia, que se consideraba que estaban máis asociadas ás mulleres, como a histeria, aínda que non fóra así. Obviamente, a sociedade franquista era machista, pero dentro do psiquiátrico as historias de homes e mulleres teñen a mesma dureza.

Ten xa prazo para rematar a súa tese doutoral?

Levo xa tres anos con ela e penso que no 2026 tocaríame defendela. 

E a marxe deste proxecto, mantén algún vínculo coa Universidade de Santiago?

Si, ademais de estudar na Facultade de Xeografía e Historia o meu grado e un mestrado de servizos culturais en Lugo, estou becada cun contrato predoutoral e estou dando clases na Facultade de Humanidades do campus de Lugo. E é moi de agradecer a financiación do Campus Terra porque as bolsas adoitan saír para todos os ámbitos. 

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents