‘O Parlamento’, a vida en común no rueiro no barrio de Conxo
Aurora, Carmen e Gloria reúnense sempre que poden na porta da casa da primeira, un feito que as fixo protagonistas dun mural do DelasFest

Tres vecinas de Conxo inmortalizadas en un mural urbano /

Seguindo a rúa Fervenza cara á entrada do bosque do Banquete de Conxo chégase a unha casa, ao pé do río, cun mural protagonizado por Aurora, Carmen e Gloria: tres representantes do Parlamento e en boa medida a súa alma mater. A representación do mural –obra da artista Pri Barbosa durante o Delas Fest– muda o escenario habitual deste faladoiro, que non é outro que a porta da casa de Aurora, no rueiro deste barrio de Santiago.
“Empezamos xa hai anos a sentar na porta da casa”, conta Aurora en conversa con EL CORREO GALLEGO. Alí no Parlamento botan a tarde, conversan, aproveitan os días de sol e só faltan “se chove ou temos algún outro compromiso”. “E un día saíu un dicindo: Hai que facer un Whatsapp. E como lle poñemos? O Parlamento... E nel un día arranxamos e outro desarranxamos”, explica Aurora entre as risas propias e as das súas amigas.
Nesta xuntanza de barrio non só participan Aurora, Carmen e Gloria, senón moitos outros veciños, festéxanse cumpreanos e mesmo despedidas de solteiro. “Hoxe estamos tres pero outras veces estamos moitos, esta semana houbo unha despedida e estabamos polo menos 40, de aquí só...”, afirman sinalando o propio rueiro fronte á vivenda de Aurora, “os cumpreanos de calquera que haxa celebrámolos aquí fóra”.
Este costume de xuntarse á porta da casa a compartir cos veciños, algo tan habitual hai décadas, foi tamén moi importante durante a pandemia, porque nunca deixaron de reunirse. “Tivemos sorte, estabamos coas máscaras e máis separadas pero estabamos igual, celebrabamos os cumpreanos da mesma maneira e polas noites ceabamos fóra... Estabamos ata a madrugada na rúa”.
O mural
“Non sabemos como chegou Pri Barbosa a nós...”, contan en relación coa artista Priscila Barbosa, que decidiu que fosen elas e non outras as protagonistas deste mural pintado en xullo deste ano dentro do Delas Fest –organizado pola cooperativa 7H, con cartel exclusivamente feminino, para a realización de intervencións artísticas–. “Chamáronnos do centro sociocultural, que tiñamos alí unha reunión”, explican.
Aurora lembra que a xuntanza foi por videoconferencia e o que se requiría eran elementos antigos, “como fotografías, pero non temos, porque non somos nativas de aquí”. Tan só Gloria é orixinaria de Conxo, veciña do Hospital Provincial; Carmen é da zona de Lavacolla; e Aurora chegou de Curtis, hai xa máis de 60 anos. “Estivemos falando e mirando no móbil fotos das festas que facemos aquí...”, explican de novo en relación co Parlamento, “logo Pri Barbosa estivo charlando con nós, preguntádonos tamén que era iso do Parlamento... Non sabiamos para que era pero xa estaban aquí as grúas”.
Aurora, Gloria e Carmen, a petición da artista, baixaron até o río e pousaron da mesma maneira que sentan no seu faladoiro, “volvemos aquí ao Parlamento e tamén nos fixo foto, pero non nos dixo máis nada”. Ao día seguinte “empezou a pintarnos”.
No ‘Parlamento’, non se fala de política
Para as cousas do barrio, o que hai que arranxar ou facer ou organizar “temos a asociación de veciños”, aclara Aurora mentres sinala a Suso Santos, presidente de Conxo Aberto e asistente, como oínte, ao Parlamento no que participaba este diario. Ademais, a “xefa” do faladoiro aclara que nestas xuntanzas ao pé da casa “non se fala de política, falamos de programas da televisión, dos asasinatos que está habendo...”.
Así e todo, pese a non falaren de política, a estas tres mulleres non lles treme a voz para reivindicar que “hai cousas que vemos que están moi mal, coma o carril bici”, indica Aurora en relación á senda ciclista proxectada pola Xunta de Galicia e que atravesa o bosque do Banquete. “Xa o comentamos moitas veces, que danan un bosque, por aí adiante favorecen os bosques e aquí queren fastidialo”, denuncian as tres.
Ademais do prexuízo ecolóxico que poida supor a corta de árbores, no caso de que se reanude a obra sen modificar o trazado como solicita a veciñanza e a maioría da Corporación municipal (BNG, CA e PSOE), tamén está o risco de perder unha parte da viveza do barrio, pois como contan Aurora, Carmen e Gloria: “Pasa moita xente polo Banquete, cando hai bo tempo celebran cumpreanos, xantan alí... Aquí hai moita vida...”.
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago

