Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Victoria de Raxoi: a concesionaria da ORA debe pagarlle 716.000 euros

O edil Xan Duro considera que esta senteza do TSXG confirma que a municipalización do servizo "non foi ruinosa"

A zona ORA implantouse no barrio de Santa Marta a comezos do mes de marzo

A zona ORA implantouse no barrio de Santa Marta a comezos do mes de marzo / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, compareceu este luns en Raxoi ante a prensa para dar conta da resolución adoptada en xunta de goberno de ordenar a Setex Aparki "o pago de máis de 700.000 euros pola liquidación do contrato de ORA e guindastre" antes da municipalización destes servizos levada a cabo durante o mandato de Compostela Aberta (do que Xan Duro formaba parte).

A esixencia do pagamento de 716.579 euros deriva dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), contra a que non cabe recurso nin apelación e que segundo o edil Xan Duro "non dista moito da reclamación do Concello de Santiago". Á vista desta sentenza o concelleiro non dubidou en amosar a "moitísima satisfacción" que a resolución lle produce porque demostra que "as moitas críticas" recibidas no seu momento por parte da oposición "sobre os supostos custos millonarios que a municipalización do servizo tería sobre as arcas municipais" non só foron erradas senón que se confirma "que non foi ruinosa", con esta achega de máis de 700.000 á recadación local.

Seis anos de litixio

Foi durante o mandato de Compostela Aberta (2015-2019), do que formaba parte o concelleiro Xan Duro, cando se levou a cabo a municipalización do servizo de ORA e guindastre liquidando o contrato con Setex Aparkin. A resolución adoptouna a xunta goberno local de maio de 2018 e nela "o Concello determinaba que os parquímetros que Setex ofrecera como mellora do servizo eran propiedade municipal" pero a concesionaria reclamaballe a Raxoi o pagamento de máis dun millón de euros por estes equipamentos. Unha reclamación que xa desestimou nunha primeira sentenza o TSXG e que agora se ratifica.

Ademais, o Concello reclamaba unha indemnización por danos e perdas en relación "ao canon variable establecido e a aplicación do IVE sobre o mesmo", reclamo tamén avalado segundo explicou o edil de Mobilidade "por varias sentenzas favorables" a Raxoi.

Con todo isto, Xan Duro reiterou a súa satisfacción persoal coa sentenza do TSXG, cuxa resolución se recibiu no mes de xuño deste ano en relación ao recurso de apelación interposto por Setex contra unha sentenza de 2023 sobre a liquidación do contrato. Agora, lembra Duro, a decisión do tribunal galego "é inapelable e permítelle ao Concello esixirlle a Setex Aparkin o pago de 716.579 euros en execución desta sentenza", e que engrosaran as arcas municipais.

Tracking Pixel Contents