Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lois Ladra asume a dirección do Museo do Pobo co ánimo de fortalecer lazos con Portugal

Licenciado en Historia, o antropólogo e etnógrafo pula por descentralizar as actividades da entidade

Lois Ladra, nuevo director del Museo do Pobo Galego

Lois Ladra, nuevo director del Museo do Pobo Galego / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, foi a encargada de presentarlle aos medios o novo director do organismo expositivo. Lois Ladra, antropólogo e etnógrafo licenciado en Historia e especializado en Arqueoloxía, toma o relevo de Manuel Vilar, logo da xubilación deste, e faino co ánimo de descentralizar as actividades museísticas e tender lazos con Portugal e coa lusofonía. "Como galegos temos a sorte de poder falar, polas dúas linguas, nos cinco continentes", defendou Ladra á hora de expandir as actuacións e contactos da entidade que agora dirixe.

Emigrado durante sete anos no país veciño, onde tamén se formou, Ladra explicou durante a presentación que xa se está en contacto cos museos do norte de Portugal, e con conversas especialmente avanzadas en Bragança. Uns labores, por outro lado, que o propio director do Museo do Pobo cualificou de "demorados", mais do que se agardan resultados en 2025.

"O museo é do pobo, de toda Galicia", puntualizou Ladra para expor a súa intencionalidade de levalo tamén fóra do complexo de Bonaval a través da realización de mostras itinerantes que acheguen as actividades e exposicións a outros museos antropolóxicos. Nesta liña estase xa a traballar facendo contacto con outros institutos e entidades especializadas na materia, tamén a través do Consello Galego de Museos.

Canto ao carácter "de país" do complexo museístico que dirixe, Ladra non deixou escapar a ocasión de poñer en valor a orixe deste organismo que "coma outras grandes iniciativas partiu dende abaixo, da organización cívica e pacífica, que procurou a preservación da cultura e da identidade". Unha iniciativa cidadá, a da creación do Museo do Pobo, que agora, case 50 anos despois, o converte na "institución museística con maior número de socios" en Galicia e "no segundo museo máis visitado da cidade", só por detrás da Catedral compostelá.

O hándicap da falla de recursos

A "demora" na posta en marcha de iniciativas coma a descentralización ou os contactos con Portugal, fiounas Ladra tamén á falla de recursos "materiais e humanos" do museo. "Hai departamentos da área técnica que son unipersoais cando deberan contar cun cadro de cinco traballadores", unha situación que "limita a acción" da entidade e para cuxa mellora se entrará en conversas con administracións públicas e outras institucións.

Lois Ladra explicou durante a súa presentación as dificultades que afronta o museo, situado nun edificio histórico que lle confire un marco singular pero que "como pasa cando nos facemos vellos, chegan os achaques".

Chanceaba así o director para referirse ás reformas e traballos de conservación aos que se somete periodicamente o complexo de Bonaval, como son as obras de ampliación de salas e os traballos para mellorar a accesibilidade dos espazos, así coma as actuacións de conservación que leva a cabo o Consorcio de Santiago.

Tracking Pixel Contents