Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A maxia, protagonista da fin de semana en Santiago co certame Encantos en Compostela

Inclúe unha vintena de actividades gratuítas e deslocalizadas por toda a cidade

Cartel do festival Encantos en Compostela

Cartel do festival Encantos en Compostela

K.M.

Santiago

A maxia será a grande protagonista en Santiago durante a próxima fin de semana, na que terá lugar o primeiro festival centrado neste tipo de espectáculo, Encantos en Compostela.

Entre este venres e o domingo haberá unha vintena de actividades gratuítas e deslocalizadas en diferentes parroquias e espazos da cidade, coa idea de que a maxia poida chegar a todos os recunchos da mesma.

Concibida como un maratón de ilusionismo e organizado pola compañía Magia en la Manga co financiamento do Concello de Santiago, a cita desenvolverase en horarios de mañá, tarde e noite en diferentes espazos. Os responsables dos obradoiros e espectáculos serán Xulio Merino, OMago Paco, Sara Rodríguez e Óscar Fernández. 

Actuacións solidarias e para todos os públicos

O programa inclúe actuacións familiares, funcións solidarias, obradoiros para todos os públicos e sesións de pequeno formato para adultos.

Os pases solidarios concentraranse nas mañás, con pases en residencias de maiores e na aula pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). E o mesmo sucederá cos obradoiros, nos que pequenos e adultos poderán aprender sinxelos trucos.

Polas tardes, invitararse a toda a familia a gozar con espectáculos de maxia participativa e divertida.

E as noites reservaranse para a maxia de preto para adultos, de forma que o público poida experimentar o ilusionismo moi de preto e nun ambiente íntimo. 

En todos os recunchos da cidade

O festival Encantos en Compostela nace coa vocación de achegar a maxia a todos os recunchos da cidade, e xa nesta primeira edición está previsto que se leven a cabo diferentes actividades nas parroquias de San Lázaro, Laraño, Busto, Lavacolla, O Romaño, San Lourenzo, Marrozos, Conxo e Carballal, amais de no centro urbano. 

Localizacións ás que se suman tamén residencias da terceira idade, hospitais, centros socioculturais e locais comerciais colaboradores, posto que un dos grandes obxectivos dos organizadores consiste en conseguir que esta cita garanta a diversidade.

Tanto a programación ao completo do festival como a posibilidade de reservar prazas para a maxia de preto están dispoñibles na páxina web do evento, www.encantoscompostela.com.

Destacados artistas

Sobre o elenco de artistas, Xulio Merino é considerado unha das grandes promesas e xa actuou nunha ducia de países. Fran Otero, O Mago Paco, é un dos poucos especialistas en maxia infantil. Sara Rodríguez leva a outro nivel a maxia con cartas, sempre cun humor cáustico e intelixente. Óscar Fernández, cun estilo vangardista, ten unha marcada influencia dos grandes mestres da maxia clásicos e modernos.

Os organizadores, Magia en la Manga, son unha compañía profesional de ilusionismo composta por Óscar Fernández, Sara Rodríguez e Carlos Tomico, tres magos galegos con máis dunha década de experiencia sobre todo tipo de escenarios no territorio nacional. 

Tracking Pixel Contents