Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Artistas xaponeses exhiben en favor da paz no Museo Granell

A mostra ‘Exhibition 2024. Hiroshima to Santiago’ integra a 32ª edición desta exposición internacional promovida por Qualiart

Dúas espectadoras observan as obras expostas no Museo Granell.

Dúas espectadoras observan as obras expostas no Museo Granell. / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Pazo de Bendaña –na praza do Toural– acolleu este xoves a inauguración da XXXII Exposición internacional de arte pola paz Exhibition 2024. Hiroshima to Santiago, unha mostra de creadores plásticos xaponeses organizada pola editorial nipoa Qualiart coa cooperación da Fundación Eugenio Granell e a colaboración da asociación Casa Galicia Xapón.

Este proxecto, centrado na «busca da paz a través da arte» entre outros aspectos como a defensa ecolóxica, reúne nos espazos do Museo Granell un total de 220 artistas, nunha exposición que se dividiu en dúas fases –por razóns de espazo–, unha primeira do 10 ao 15 de outubro, e esta outra que agora se inaugura e que permanecerá na galería até o día 22 deste mes. 

Unha apertura na que participaron o ex embaixador da UNESCO (organismo de Nacións Unidas), Isao Kiso; a concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao; o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo; membros do Padroado da Fundación Eugenio Granell; e a alcaldesa de Santiago.

Goretti Sanmartín referiuse á mostra afirmando que «o tipo de arte que atopamos aquí constrúe unha ponte entre culturas demostrando que na arte non hai fronteiras». A rexedora compostelá puxo en valor que a capital galega sexa «lugar de encontro, sabemos ben o que significa a confluencia de culturas». Sanmartín falou da converxencia de camiños que caracteriza Compostela e defendeu que na cidade «queremos, e gozamos, descubrindo outro xeito de mirar, de estar no mundo, de entendelo».

 Ao longo destes 32 anos de mostra internacional, a editorial Qualiart foi escollendo unha temática, coma agora é a paz, «que permita achegarse á situación mundial a través da escena artística», explican, nun compendio de contidos moi variados que inclúen «buscar a paz a través da arte, cuestións ambientais, apoio na recuperación de desastres ambientais, promoción da escena artística xaponesa e mostras de intercambio internacional».

Exhibition 2024. Hiroshima to Santiago desenvolverase até o 22 de outubro en horario de 11 a 13 horas nas salas 4, 5 e Philip West do primeiro andar do Pazo de Bendaña e na sala 1, no lucernario e no espazo de didáctica no segundo andar do inmoble. A entrada é de balde.

Intercambio internacional

A empresa Qualiart ten planificado e xestionado exposicións en Xapón e noutros países estranxeiros, dende a súa fundación en 1993, e sempre contando coa presenza e coa meta de promocionar o traballo de artistas nipóns. Na actualidade realiza intercambios culturais en 75 cidades de arredor de 40 países.

O seu leitmotiv é o de «crear oportunidades para que as persoas apaixoadas pola actividade artística presenten as súas obras, e ao mesmo tempo permitirlles experimentar intercambios culturais que non se poidan obter en ningún outro lugar. É a nosa esperanza e a nosa misión», explican dende Qualiart, entidade que tamén fai doazón de artigos de arte orixinais e libros de arte como ferramentas promocionais.

Tracking Pixel Contents