James Rhodes visibiliza o trastorno mental e a súa paixón por Compostela: "Calquera excusa é boa para volver a Santiago"
Eloxio da loucura e da arte no curso de voluntariado en saúde mental organizado por Itínera e Barraca XXI-Fundación SGAE

Carlos Martínez Uzal (Itínera) e o pianista James Rhodes no Paraninfo. / Jesús Prieto

A pesar da magnificencia do Parinfo da USC –na Facultade de Xeografía e Historia–, Itínera, Barraca XXI e, sobre todo, o pianista James Rhodes conseguiron este venres crear un ambiente íntimo e singularmente cómodo para falar da loucura. Era a inauguración da sétima edición do curso de voluntariado en saúde mental que organiza a asociación Itínera coa colaboración do Sepiu (Servizo de participación e inclusión universitaria) e á que este ano se uniu a Fundación SGAE a través do seu proxecto de escolas sociais Barraca XXI.
«Calquera excusa é boa para volver a Santiago» foron case as primeiras palabras que pronunciou o músico británico na apertura deste curso. Filántropo e activista da saúde mental, da que el mesmo é paciente a raíz dos abusos sufridos de cativo, o seu celo por pasar desapercibido deu en reunir no Paraninfo un cálido grupo de persoas atentas ás súas experiencias e ás súas respostas aos interrogantes formulados polos membros do club de lectura de Itínera, arredor do libro de Rhodes Instrumental e da experencia vital do autor.
Recollido sobre si mesmo e mirando máis para o seu interior que ao auditorio, o pianista detallou a súa propia experiencia como paciente de saúde mental con intervencións cargadas de humor e de sensibilidade. «Obvio que hai pílulas, con efectos secundarios brutais e que cada semana dependen dunha empresa farmacéutica, pero a arte... Non vou dicir que se aprendes a tocar o piano ou escribes algo non vas ter depresión, pero xúrovos que ás catro da mañá, cando estou pensando en tirarme polo balcón ou abrirme as veas outra vez, cando estou con mil voces na cabeza, a única cousa que me funciona é a música, ler, escribir... Cousas que van máis alá das palabras».
Nesta liña Rhodes defendeu a necesidade dunha maior presenza da arte nas aulas, pero tamén e unha vez máis prestou a súa voz en favor da lingua galega, da riqueza do bilingüismo. «Son tráxicas as últimas estatísticas e, isto é unha opinión persoal, non quero insultar a ninguén pero, ti es pai, tes un fillo e a opción de que medre bilingüe, e decides que non? Que só en castelán? Eres parvo».
Itínera e o voluntariado
Carlos Martínez Uzal, director de Itínera foi o encargado de inaugurar o curso de voluntariado en saúde mental no Paraninfo. Xa antes, en conversa con EL CORREO GALLEGO, explicaba a dedicación temática do curso, A tolemia na arte, «chamámoslle tolemia e non saúde mental porque a saúde mental é un concepto relativamente recente, en cambio a loucura acompañou a humanidade dende o inicio».
O director de Itínera defende que «a maior parte do estigma baséase na ignorancia cara a este tipo de trastornos, coas xornadas tratamos de que a xente se achegue, vexa o que é e normalicemos» porque «o 25% da poboación nalgún momento da súa vida vai sufrir trastorno mental, a OMS cuantifica o número de persoas con diagnóstico en mil millóns en todo o mundo e o 70% non ten ningún tipo de atención, é un problema grave que afecta á sociedade en xeral». Unha situación na cal, «o voluntariado, o feito de coñecer e transmitir no ámbito de cada un o que se aprendeu sobre a saúde mental conleva unha mellora para a comunidade», defende.
Barraca XXI-Fundación SGAE
O dramaturgo Carlos Santiago é o coordinador do proxecto Barraca XXI da Fundación SGAE, que desenvolve escolas sociais en sete cidades do Estado español e cuxa temática en Santiago versa arredor da arte e dos pacientes de saúde mental pois trátase «de levar a cultura a colectivos para os que o acceso a ela é complicado». O proxecto compostelán, ademais de establecer alianza con Itínera e dar lugar, entre outras actividades, ao curso de voluntariado en saúde mental, conta coa colaboración do Hospital Psiquiátrico de Conxo e do centro sociocultural Aurelio Aguirre.
No sanatorio estanse a desenvolver este ano tres obradoiros: de teatro, música e cinema. «É un programa que involucra aos socios da SGAE nas actividades, desta maneira tamén os artistas, autores e autoras, toman conciencia da realidade da saúde mental», explica Carlos Santiago. O último evento de Barraca XXI será un ciclo de cine fantástico, con proxeccións no psiquiátrico –abertas a todos os públicos– e charla de Carlos Ares, colaborador de Itínera.
Pintura, cine, música, cómic e teatro en Matemáticas
-Sábado 19 de outubro, na aula Magna da Facultade de Matemáticas –Campus Sur da USC– desenvólvense dende as 11 horas charlas sobre ‘a tolemia’ e a arte plástica ou o cine –da man dos directores Alfonso Zarauza e Fernando Cortizo–, cun coloquio vespertino arredor desta última disciplina.
-Venres 25 de outubro, en Matemáticas, a partir das 16.30 horas A tolemia na arte versará sobre o cómic, con proxección do filme Agromantes de Cora Peña e posterior coloquio.
-Sábado 26 de outubro, clausúrase en Matemáticas o curso de voluntariado en saúde mental. A temática da xornada será a música –Emocións como inspiración e transformación na música– coa participación de Berto e Guadi Galego. Falarase sobre a ópera e o teatro e pecharase o curso con diversos obradoiros na xornada de tarde.
-A inscrición para participar no curso de voluntariado en saúde mental permanecerá aberta durante cada unha das xornadas e é gratuíta.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”

