Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Moción dos socialistas composteláns: os orzamentos da Xunta "vulneran as competencias municipais en urbanismo”

Levarán ao próximo Pleno unha moción para que a Corporación local vote o rexeitamento das medidas da Lei de acompañamento nesta materia

A concelleira socialista Mercedes Rosón no Pazo de Raxoi

A concelleira socialista Mercedes Rosón no Pazo de Raxoi / CEDIDA

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A concelleira socialista Mercedes Rosón compareceu este xoves, na sala de prensa do Pazo de Raxoi, para anunciar que o PSOE levará ao Pleno de 31 de outubro unha moción para conseguir o apoio da Corporación local ao rexeitamento das medidas sobre vivenda incluídas na Lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta para 2025.

"Esta lei de acompañamento vulnera as competencias dos concellos en materia de urbanismo", denunciou Rosón para matizar tamén a "gravidade" de que "permite a construción de obra nova á marxe do planeamento ou a interveción directa da Xunta" no mesmo. A socialista, como xa fixo o martes o concelleiro de Vivenda, Iago Lestegás, poñía o foco en que o proxecto de lei do Goberno autonómico "inclúe a posibilidade de que as vivendas de protección se constrúan en solo rústico", uns terreos que, pola súa clasificación, deben ser obxecto de especial protección pola súa capacidade produtiva (actual ou potencial) no sector forestal.

Mercedes Rosón e o PSOE consideran que estas medidas, "non se xustifican nin pola simplificación de trámites para a cidadanía, nin pola promoción de vivenda pública". Por todo isto a moción que os socialistas levarán ao Pleno inclúe a esixencia á Xunta de que "asuma as súas competencias en materia de vivenda con políticas efectivas no marco das súas competencias exclusivas e da man dos concellos". Así mesmo, reclaman que o Executivo de Alfonso Rueda promova vivenda pública "que complete o solo urbano sen edificar e a xestión do solo urbano non consolidado de Santiago".

Na mesma liña, os socialistas esixen que a Xunta aplique a Lei de vivenda aprobada polo Goberno central "permitindo", entre outras medidas, "a declaración de zonas tensionadas ou definindo por lei o que é vivenda baleira para poder intervir nela". No marco lexislativo, a moción fai tamén referencia á Lei 7/1985 Reguladora de Bases de Réxime Local que establece "como competencia propia dos municipios o urbanismo, entendendo este como planeamento, xestión, execución e disciplina urbanística". Rosón tamén se referiu ao artigo 12 da Lei 2/2016 de solo de Galicia "que deixa patente esta competencia e que estas medidas obvian e a Xunta pretende aprobar baixo a falsa bandeira da desburocratización".

Protección patrimonial

A concelleira Mercedes Rosón referiuse na súa intervención ante a prensa á senda ciclista da Xunta para unir O Milladoiro e San Caetano e que atravesa áreas de protección patrimonial coma o bosque do Banquete de Conxo, que ademais conta cunha manifesta oposición veciñal, ou a contorna ca Colexiata de Sar.

"O Partido Popular fai novamente un uso abusivo da Lei de acompañamento", en referencia ao exercicio pasado, "para alterar os marcos normativos da Xunta e vulnerar as competencias dos concellos, como é o caso da senda ciclista, facilitando que atravesara zonas de especial protección". Unhas obras, as do bosque do Banquete, que están paralizadas e que contaron co informe desfavorable da dirección xeral de Patrimonio da propia Xunta.

Construír na parcela de Xoán XXIII

Ao igual que o Goberno local, o grupo socialista en Raxoi ve con como algo "positivo" o anuncio da Xunta de Galicia de construír apartamentos de alugueiro accesible para menores de 36 anos na parcela de Xoán XXIII cedida polo Concello á Administración autonómica hai máis dunha década. 

Así e todo, Mercedes Rosón fixo referencia á "desidia do IGVS" (Instituto Galego de Vivenda e Solo) que durante o mandato socialista mantivo valada a parcela sen obrar e tamén á necesidade de que a Xunta tome en consideración os informes da comisión de Patrimonio. A parcela de Xoán XXIII forma parte de cidade histórica e, polo tanto, conta coa protección do Plan especial da zona vella, neste sentido Rosón puxo como exemplo de boa intervención a integración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), de arquitectura actual, na contorna clásica do complexo de San Domingos de Bonaval.

Tracking Pixel Contents