Manuel Dávila, o decano da pratería compostelá
«Hai que botar horas, porque estes oficios teñen moitas seccións». Así fala Manuel Dávila da pratería, artesanía á que dedicou 75 dos seus 90 anos. Os últimos 25 xa como afeccionado, iso si, con moita bagaxe. O seu traballo será exposto a partir do 14 de novembro no Museo das Peregrinacións

Manuel Dávila pousa con dúas das súas obras no taller no que pasa as horas dende hai 25 anos. / Antonio Hernández

O ourive compostelán Manuel Dávila (Santiago, 1934) recibe a EL CORREO GALLEGO na súa casa poucos días antes de que o Museo das Peregrinacións inaugure unha mostra coa súa obra de ourivería (será o 14 de novembro). Aos seus 90 anos este prateiro non para: organizar a casa e limpala, facer a comida... «E logo, polas tardes, boto tres ou catro horas no taller», explica. E aínda lle queda tempo para lamentarse porque «teño a horta abandonada, teño que empezar a arranxala un pouco».
Que Manuel Dávila é un home activo percíbeo a persoa menos perspicaz en canto comparte con el un par de minutos no seu taller, onde segue a facer traballos que lle quedaron en mente, agasallos para a familia... «Teño a vantaxe de que durmo catro horas, e neste traballo hai que botar horas, porque son oficios que teñen moitas seccións e eu quería aprender un pouco de todo para non ter que estar dependendo».
Comezou na pratería con 15 anos da man do seu veciño, que tamén era mestre. «Viviamos na Rapa da Folla, no baixo, e no piso de arriba vivía este señor que era prateiro e mestre de escola». Con el aprendeu e traballou durante uns anos, ata poñerse pola súa conta aló polos anos 60. «A miña idea era empezar a producir en serie, pero naquel momento pasou o que está a pasar agora: o prezo da prata multiplicouse por tres ou por catro... e collín medo», aclara cun sorriso Dávila.
Pero este atranco non freou aquel rapaz cunha ansia de aprender e descubrir que aínda conserva. «Máis adiante tomei a decisión de non traballar para o comercio, traballar só para o público», ocupándose dos encargos que recibía: como sagrarios, cálices, copóns... «Na ourivería traballei sobre todo prata e ouro, pero logo diversifiquei con cousas que non son propias da pratería pero que economicamente me rentaban máis». Refírese Manuel Dávila ao deseño e gravado de placas e á fabricación de rótulos. «Chegou un momento en que Santiago as placas de médicos, avogados... Eran todas miñas, porque cando se empezou a edificar o Ensanche facíanse comercios, bares, despachos.... Os ferreiros non se metían a traballar o latón, e os prateiros tampouco».
«Calquera peza de prata, por deteriorada que estea, se a restauras bota outros 200 anos»
Outro dos traballos aos que se meteu Dávila foi a elaboración de cuños e insignias, tamén por encargo, aínda que non todos. «Fixen botafumeiros pequenos, primeiro acuñaba a metade, logo a outra e soldábase, debín facer dous ou tres mil». Conta o ourive que estes adorniños os fabricou «para un veciño que andaba metido nos comercios, así que os facía para que os vendera e gañara unha peseta, porque ao estar case cego non podía traballar».
Os cambios no oficio
Manuel Dávila ten no seu taller actual todo o necesario para elaborar pezas de ourivería, como tiña no seu obradoiro na rúa Santo Domingo da Calzada. A pesar do paso do tempo e dos cambios sociais das últimas décadas, o prateiro asegura que non cambiou o oficio «os que cambiaron foron os clientes». Refírese a que no século pasado os particulares tamén encargaban pezas de pratería: para homenaxear alguén, como agasallo de voda... Placas conmemorativas, bandexas... «Agora a pratería e máis xoiería, porque os prateiros facemos xoias pero os xoieiros non fan pratería».
Este artesán e artista que abranguía e abrangue todas as fases polas que pasa unha peza reivindica algo «que antes se facía moito, e hai que tentar que agora non se perda: restaurar pezas antigas». Dávila tamén restaurou e explica que «calquera peza de prata, por deteriorada que estea, se a restauras bota outros 200 anos».

Dávila fixo, entre outras moitas cousas, numerosos cuños e pequenos botafumeiros. / Antonio Hernández
A formación
Manuel Dávila aprendeu o oficio aos 15 anos, da man do seu veciño prateiro e mestre, pero tamén se formou na Escola de Artes e Oficios –a actual Mestre Mateo–. Cursou alí durante sete anos en nocturno e tivo por docentes figuras coma Francisco Asorey –que lle impartía modelado– e Enrique Mayer –docente de Historia da Arte–. «De debuxo artístico había tres ou catro profesores e tiñamos debuxo liñal cun tal Acosta, era enxeñeiro de Fenosa e perdera un brazo durante a Guerra civil, debuxaba estupendamente».
Máis tarde, xa casado, «ocórreseme facerme mestre industrial, tamén por nocturno, de paso que traballaba». Resultado disto foron seis anos dando clase en mestría industrial de soldadura autóxena e eléctrica.
A exposición
O xoves 14 de novembro o Museo das Peregrinacións inaugurará unha mostra con pezas creadas por Manuel Dávila. A idea xurdiu da asociación de ourives, que quería homenaxear a Dávila polos seus 90 anos, e da súa neta Adela, historiadora da arte, que quería facer unha exposición con pezas do seu avó.
A coincidencia entre ourives e neta «foi unha oportunidade que nos permitiu indagar moito máis na historia del e das súas pezas», explica Adela. «Na mostra haberá 12 pezas de pratería, pero tamén moitos arquivos, fotografías, memorias de traballos, debuxos, ferramentas, elementos auxiliares...».
- Nuevo cierre en el comercio de Santiago: entra en concurso de acreedores y se despide tras más de 20 años en el Ensanche
- El 'Mercado da arte' aterriza en Área Central: más de 80 artistas, música en directo y piezas únicas este fin de semana
- Galicia abre la puerta de la vivienda pública a miles de gallegos más con prioridad para las familias jóvenes con hijos
- Las tres grandes orquestas de Galicia, juntas en un pueblo de menos de 200 vecinos cerca de Santiago
- Así es la casa de Santiago que opta a los Premios Arquitectura 2026: 'No busca ocultar ni sustituir lo existente
- Un camión queda atrapado debajo de Área Central por no respetar la altura máxima del paso subterráneo
- La previsión del ministro de Transportes sobre la apertura total de la autovía A-54 entre Santiago y Lugo: 'Próximamente
- Alcaldes y patronal de Arzúa y Melide claman por un fin de obras en la A-54 que no ven próximo
