Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Rosón reclama informes técnicos que avalen os cambios en Virxe da Cerca

Os socialistas defenderán unha proposición no pleno de hoxe, no que tamén se tratará a ordenanza que culmina a regulación dos pisos turísticos

Vehículos circulando por Virxe da Cerca

Vehículos circulando por Virxe da Cerca / Antonio Hernández

Santiago

O concurso internacional de ideas para reformular a mobilidade na contorna da rúa da Senra, Virxe da Cerca e Basquiños será tratado no Pleno municipal de hoxe por iniciativa do PSOE. Os socialistas, «logo da polémica suscitada entre veciñanza e comerciantes», reclamarán informes técnicos e estudos multidisciplinares que valoren o impacto dos cambios que o Goberno local introduce nas bases do concurso, tanto na mobilidade como na actividade económica da zona.

A proposición, que será defendida pola concelleira Mercedes Rosón, chega despois de que os socialistas solicitaran «sen éxito» a documentación técnica que respaldaba cambios como o centrifugado do tráfico rodado que habitualmente transita Virxe da Cerca polas rúas de Castrón Douro ou as Trompas.

Efectos na mobilidade e no comercio

Deste xeito, os socialistas defenden que «dado o sensible do tema a debate, da importancia que ten o tramo e dos posibles efectos que pode traer a nivel de mobilidade pero tamén na actividade e dinamización comercial da zona os cambios que xa se dan por imprescindibles nas bases do concurso de ideas, semella ser preceptivo contar con informes e estudos que avalen que esas decisións son as correctas».

En definitiva, o PSOE buscará o acordo da Corporación Municipal, tamén para que se garanta a «transparencia e diálogo» de todo o proceso, «poñendo a disposición das veciñas e veciños de Santiago os estudos e conclusións alcanzadas, así como fomentando espazos de diálogo directo coa cidadanía máis afectada».

Vivendas de uso turístico

O Pleno tamén deberá pronunciarse, entre outros asuntos, sobre a ordenanza coa que se culmina a regulación das vivendas de uso turístico, que previsiblemente será aprobada co apoio dos socialistas.

Precisamente este respaldo á medida proposta polo Goberno local provocou unha ruptura entre o grupo municipal e a dirección do partido, que aínda está pendente de resolverse. Na sesión plenaria está previsto que interveñan colectivos afectados pola ordenanza. 

Tracking Pixel Contents