Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A área sanitaria de Santiago recibe un novo galardón: o prestixioso Premio Profesor Barea

Foi concedido en recoñecemento á e-InterConsulta Avanzada de Cardioloxía, un proxecto froito da colaboración entre o Servizo de Cardioloxía do CHUS e a Atención Primaria de A Estrada

Alejandro Virgós Bermúdez (e.), Juan Sánchez Castro e José Ramón González Juanatey, na cerimonia de entrega do premio no Congreso dos Deputados,

Alejandro Virgós Bermúdez (e.), Juan Sánchez Castro e José Ramón González Juanatey, na cerimonia de entrega do premio no Congreso dos Deputados, / Cedida

Jacobo Táboas

Jacobo Táboas

Santiago

A área sanitaria de Santiago foi galardoada este luns co prestixioso Premio Profesor Barea que recoñece a mellor iniciativa na transformación de procesos e o progreso tecnolóxico. Este galardón foi concedido en recoñecemento á e-InterConsulta Avanzada de Cardioloxía, un proxecto innovador que establece unha colaboración eficaz entre a Atención Primaria de A Estrada e o Servizo de Cardioloxía do CHUS.

O xefe do centro de saúde de A Estrada, Juan Sánchez Castro; o xefe do servizo de cardioloxía, J. Ramón González Juanatey; e o coordinador do proxecto e cardiólogo, Alejandro Virgós Bermúdez, asistiron á cerimonia de entrega do premio no Congreso dos Deputados, onde se destacou a importancia da e-Consulta de Cardioloxía como unha modalidade que, utilizando a historia clínica electrónica integrada, permite a resolución non presencial de numerosas consultas, demostrando ser unha forma segura e eficaz de teleasistencia.

Este proxecto incorpora a utilización da ecocardioscopia e a monitorización electrocardiográfica de eventos (MEE) á consulta electrónica, permitindo que probas solicitadas e interpretadas por especialistas en cardioloxía se realicen en atención primaria. Ademais, a MEE permítelle ao paciente autorrexistrar un electrocardiograma no momento en que presenta síntomas, mentres que a ecocardioscopia amplía a exploración física convencional, mellorando a valoración diagnóstica e terapéutica.

Procedemento eficaz

Os resultados obtidos indican que a incorporación da ecocardioscopia e do holter de eventos "incrementa a capacidade resolutiva da e-Consulta convencional, especialmente en pacientes con soplos e bloqueos de rama", indicaron dende a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, antes de engadir que "a MEE demostrou ser un procedemento eficaz para a valoración de pacientes con palpitacións en atención primaria, identificando a un maior grupo de doentes de baixo risco que non precisan atención presencial por parte de cardiólogos".

É un honor estar aquí, no Congreso de Deputados, recibindo este premio. Este proxecto de innovación disruptiva é un desafío que afrontamos xuntos. O premio recoñece a dedicación que puxemos para superar os retos que se nos foron presentando. Quixera compartir este premio cos compañeiros implicados e cos pacientes de A Estrada”, afirmou o responsable do Centro de Saúde.

Pola súa banda, o doutor Juanatey indicou, tras recibir o premio, sinalou que “a e-InterConsulta Avanzada de Cardioloxía non só beneficia a pacientes e profesionais da saúde, senón que tamén contribúe á equidade no acceso aos servizos de cardioloxía, especialmente para as persoas de maior idade e con comorbilidades".

O doutor Virgós tamén mostrou a súa satisfacción e indicou que “os estudos realizados entre os pacientes indican unha alta satisfacción co sistema de e-Consulta avanzada, que proporciona unha experiencia positiva, segura e doada, e todo grazas ao traballo en equipo que implica a profesionais do eidos hospitalario e de atención primaria”.

Homenaxa ao profesor José Barea Tejeiro

Os premios Profesor Barea son uns galardóns cunha longa historia que os converte en referente no mundo sanitario. Foron creados pola Fundación Signo no ano 2000 (este ano cumpre a 22º edición) como homenaxe ao profesor José Barea Tejeiro e dende o seu inicio goza de gran prestixio profesional, dada a calidade dos traballos presentados, así como do proceso de avaliación e a composición do xurado.

Tracking Pixel Contents