Obxectivo 25-N: non mirar a outro lado ante a violencia machista
A campaña de Santiago para o Día Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres busca interpelar o 23,1% de poboación negacionista

A xefa do servizo de Igualdade, Teresa Furelos, e a alcaldesa, Goretti Sanmartín. / CONCELLO

Baixo o lema «Se non queres ser cómplice, mellor implícate» desenvólvese dende este venres a campaña municipal do 25-N, Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, que presentou en Raxoi a alcaldesa Goretti Sanmartín, e titular da área de Igualdade do Concello de Santiago. «Realmente estamos nun momento crítico, difícil, nesta efeméride que sempre ten que ser reivindicativa, de denuncia, temos un forte impacto de cifras de violencia machista, de agresións, pero, sobre todo, eu quixera lembrar eses catro feminicidios en Galicia este ano: Andrea Yturry, Mercedes Ríos, Fadoua Akkar e, esta pasada fin de semana en Baiona, Estela Blach».
Así comezaba a súa intervención a rexedora, para presentar esta campaña «liderada por un equipo de mulleres do ámbito creativo, especialistas en temas de igualdade, e deseñada para interpelar a cidadanía» contra a violencia de xénero e «de maneira moi particular» contra os feminicidos. Sanmartín defendeu a necesidade deste tipo de campañas, «saír á rúa para chamar á atención de toda a sociedade».
E con este obxectivo a campaña deste ano do 25-N interpela directamente ao 23,1% de persoas que negan a violencia machista. «Queremos falar a todas as persoas para que pensen que teñen na súa man un poder moi grande, que é o de actuar», afirmou rotunda a alcaldesa, para reivindicar que a loita contra a violencia de xénero é «unha responsabilidade partillada».
A campaña, que vai contar con cartelaría, camisolas, mupis e publicidade na traseira de dous buses urbanos difunde frases como: «Isto non vai contigo», «Dubido moito que poidas facer algo» e «Seguro que non podes facer nada». Porque, segundo explicou Sanmartín, «se miramos para outro lado cando sabemos de casos de violencia, se non intentamos facer algo, ao final recorremos a outra forma de violencia».
A alcaldesa non deixou pasar a ocasión de referirse a Gisèle Pelicot, «este é un ano especial para o movemento feminista, de certo empoderamento e reivindicación, a vergoña ten que cambiar de lado, inspíranos o paso valente de Gisèle Pelicot».
A Casa Xohana Torres
Ademais do material que o Concello de Santiago vai repartir polas bibliotecas públicas, centros de ensino e socioculturais, universidade e locais de comercio e hostalaría, coma cada ano, tamén estará dispoñible para negocios e cidadanía máis material promocional na Casa Xohana Torres –rúa Bernardo Barreiro–. «Toda a cidadanía pode recoller material na Casa Xohana Torres, entre o próximo luns e o 23 de novembro, en horario de mañá e de tarde».
A alcaldesa Sanmartín fixo referencia tamén, durante a súa intervención no Pazo de Raxoi, a outros actos enmarcados na conmemoración do 25-N que se van levar a cabo dende o Concello. Un deles será a presentación o vindeiro día 22 do libro Caídas, de Montse Fajardo, gañadora do Premio Xohana Torres 2023 con este traballo.
A Corporación municipal repetirá tamén o propio 25 de novembro a xa tradicional declaración institucional, ás 12 horas nos salóns do Pazo de Raxoi, para mostrar o seu rexeitamento á violencia machista.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
- Nuevo movimiento en la 'milla de oro' de Santiago: Ela Diz deja el casco histórico y se va a Xeneral Pardiñas
