Chile: entre o estalido social e os 50 anos do golpe
A Fundación Eugenio Granell acolle os Encontros Americanos, organizados polo grupo HistAmérica da USC

Cartel dos encontros que se desenvolven na Fundación Eugenio Granell. / CEDIDA
Miguel R. Taboada
Os Encontros Americanos na Granell empezaron o 1 de marzo de 2023 en Santiago coa conferencia A América vivida por Eugenio Granell de Pilar Cagiao Vila. A súa finalidade é ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais durante o curso lectivo e que abordan temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo, para así sacar estas charlas da contorna universitario e facer partícipe a toda a sociedade.
Os Encontros teñen lugar na Fundación Eugenio Granell, organizados polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC, cofinanciados pola vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través da súa convocatoria de axudas de dinamización cultural.
A elección desta fundación débese a que a consecuencia do seu exilio, Eugenio Fernández Granell viviu gran parte da súa vida en distintos lugares de América. Como a percibiu e en que medida influíu nas súas experiencias, ou cales foron as relacións que estableceu en cada un dos países polos que transitou, son algúns dos aspectos sobre os que o seu legado artístico e documental permite demostrar que América e o americano constituíron unha parte esencial, non só da súa traxectoria vital senón tamén das súas inquedanzas intelectuais. Un exemplo é que foi na República Dominicana onde coñeceu a Breton. A copia do segundo manifesto do surrealismo dedicado por Breton consérvase, con outros moitos libros sobre arte, política e literatura americana, na súa biblioteca persoal actualmente na fundación, ademais de ser parte importante da súa rica colección etnográfica.
Os participantes nestes encontros son especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, así como profesionais vencellados á realidade da rexión nas súas múltiples facetas.
Chile entre o estalido social e os 50 anos do golpe
O próximo mércores, 20 de novembro, terá lugar a conferencia Chile entre o estalido social e os 50 anos do golpe impartida por Francisco Javier Morales Aguilera.
Os feitos ocorridos en Chile no marco do denominado estalido social de 2019 aínda forman parte da discusión pública do país. As súas consecuencias materiais e políticas non foron totalmente superadas, sobre todo, en relación ás demandas que dito evento puxo sobre a mesa e que, no fundamental, non acadou aínda un amplo consenso dentro da sociedade.
Os dous procesos constituíntes fallidos (2022 e 2023) son unha mostra significativa do anterior. No medio destas coxunturas produciuse a conmemoración dos 50 anos do golpe militar de 1973. A data atopou un país máis dividido e polarizado, onde os discursos que relativizaban as violacións dos dereitos humanos e enaltecían a figura de Pinochet tiveron unha presenza significativa no espazo público.
O relator
Francisco Javier Morales Aguilera licenciouse en Historia pola Universidade de Valparaíso (2009) e doutorouse na Universidade Autónoma de Madrid (UAM, 2022) cunha tese sobre a violencia política durante os anos da Unidade Popular. Actualmente é investigador da UAM (programa Margarita Salas) e desenvolve o seu proxecto posdoutoral sobre conflito e sociedade en Chile como investigador visitante no grupo HistAmérica da Universidade de Santiago de Compostela. Os seus últimos traballos son Miradas Hispano portuguesas sobre la vía chilena al socialismo (2024) e Historia de la violencia política durante la Unidad Popular. Actores, coyunturas, discursos. 1970-1973 (2023).
- Reabre en Santiago una de las cafeterías más queridas del casco histórico: 'Volvemos con la misma ilusión y ganas
- La propuesta que vuelve a poner en el foco la visita del Papa a Santiago: León XIV deja en el aire su presencia en 2027
- El outlet Área Central de Santiago alarga este viernes su hora de cierre para convertirse en una 'Jungla' con descuentos del 50%
- La panadería de Santiago que triunfa con su café con flores: 'Estamos vendiendo más flores que pan
- Raxoi paraliza una obra ilegal frente al parque de Bonaval: 'Habéis roto un trozo de historia
- Buscan figurantes en Santiago para la nueva película de Vaca Films: estos son los requisitos
- De las aulas de Santiago a la graduación en Michigan: la historia de éxito de Carlota Garabato en Estados Unidos
- La expropiación de terrenos para construir 3.609 viviendas en el Ensanche Norte de Santiago llegará a un máximo de 12 euros el metro cuadrado
